Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Novas Matemáticas

Participación na Olimpiada Matemática 2023

Nos últimos anos, o noso alumnado ten demostrado o seu talento matemático en diferentes actividades a nivel provincial, autonómico e incluso estatal.

Nesta ocasión, tocoulle o turno a un grupo brillante de 2º da ESO que representou ao noso centro na Olimpiada Matemática Infantil de 2023.

Parabéns a Laura, Inés, Carla, Sara, Iago, Reda, Yago e Miguel que viron recompensado o seu traballo e o seu talento no Círculo das Artes, e a todos/as aqueles/as que día a día vos esforzades en mellorar nesta disciplina apaixoante e universal como é a das Matemáticas.

A Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán

O martes 20 de decembro o alumnado de 4º da ESO puido asistir á presentación do documental A Carta Xeométrica de Galicia (1817 -1834) producido por Manuel Fernández que asistiu persoalmente ao noso centro acompañado polo topógrafo Manuel Amigo.

O documental trata da figura de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta xeométrica de Galicia, labor ao que adicou dezasete anos da súa vida. Foi secretario da Deputación Provincial de Galicia durante o trienio liberal, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e Presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.

A Carta Xeométrica de Galicia, é un mapa físico de Galicia, realizado entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).

Para cartografar Galicia, Domingo Fontán aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos.

Para realizar esta carta, tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo. Nela catalogou, por primeira vez na historia, todas as igrexas das parroquias galegas. Recolleu tamén a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.

Despois da proxección e dun debate co alumnado saímos ao noso xardín para aplicar os conceptos trigonométricos á medición do noso liquidámbar. Obtivemos que tiña 11m de altura a partir da tanxente do ángulo que forma coa horizontal.

Talento Matemático no Leiras

O pasado xoves 29 de setembro tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Lugo un acto de recoñecemento a dous alumnos e dúas alumnas do noso centro educativo que veñen de colleitar un espectacular resultado en dous dos eventos matemáticos máis importantes a nivel galego e español do curso escolar: A Olimpíada Matemática e ESTALMAT. No acto estiveron presentes 4 representantes do departamento de Matemáticas e do equipo directivo do IES Leiras Pulpeiro, 2 representantes de ESTALMAT, 1 da Olimpíada, 3 concelleiros do Concello de Lugo, o noso alumnado homenaxeado e as súas familias.

 

A finais do curso 20-21 Martín Casanova Alonso foi nomeado como uns dos gañadores da Fase Final Española da Olimpíada Matemática. Martín xa acadara o primeiro posto na fase local e na fase galega e representou a Galicia nunha proba que tivo que se facer on-line debido á pandemia. Por este motivo e polas actividades propias do verán, quedara pendente por parte do Concello un acto de recoñecemento que finalmente se puido facer tras o éxito que un ano despois conseguirían os seus tres compañeiros.

 

Isabel López Quiroga, Ainara Prado Regueira e Iago Rodríguez Quintás presentáronse a finais do curso pasado ás probas de acceso a ESTALMAT, un programa organizado pola Facultade de Matemáticas en colaboración con outras institucións públicas e privadas que pretende, como o seu propio nome indica, estimular o talento matemático do alumnado seleccionado. Presentáronse máis de 300 candidatos e candidatas de toda Galicia para 30 prazas e 3 foron para este alumnado do Leiras, un verdadeiro orgullo para un instituto como o noso, que ten a atención á diversidade como prioridade fundamental e que pretende facela compatible con que o alumnado máis talentoso poda, de acordo cos seus intereses, desenvolver as súas capacidades en plenitude e de forma tan destacada como neste caso.

 

Queremos dar os parabéns a Martín, Isabel, Ainara e Iago, as súas familias responsables primeiras do que son e do que consigan no futuro, pero, sobre todo, darlles as grazas. O seu exemplo é vento nas velas para o noso Leiras.

Conferencia de Javi Gómez sobre Estatística e Deporte

Polo Leiras pasa moita xente de grande calidade humana e talento que podemos desfrutar dende unha semana ata varios cursos completos. Profesorado que encontra o seu espazo dentro das características do noso centro educativo, non sempre doadas, para tecer amizades e inspirar ao alumnado. É o caso de Javi Gómez, profesor noso de Lingua e Literatura Castelá durante o curso 19-20 que tivo que despedirse abruptamente a causa do confinamento, pero que segue a manter e a coidar moitos afectos entre nós.

Hoxe achegouse a reencontrarse cos seus titorandos nunha moi especial palestra sobre Estatística e Deporte onde nos amosou unha das súas múltiples e diversas facetas. Esta actividade enmarcábase dentro do contrato-programa de mellora da competencia matemática que se tiña que ter celebrado no curso anterior pero que por diversos motivos houbo que pospoñer.

Segundo as súas palabras é "un profe de Literatura sen puñetera idea de Matemáticas usando as Mates para gañar a vida durante anos" o que fai del un excelente divulgador para alonxar da abstracción esta materia.

Non sabemos cando, pero axiña volverá estar con nós para recuperar algo que esquenceu, para sentar cátedra e para repartir apertas.

Isabel López Quiroga de 2ºC, na final da Olimpiada Galega

A nosa alumna de 2ºC, Isabel López Quiroga clasificouse brillantemente para a final galega da Olimpiada Matemática 2022 ao quedar entre os 5 primeiros postos da provincia da Lugo.

O día 26 de maio celebrouse no Círculo das Artes de Lugo esta fase final galega. Os 40 finalistas procedentes das 4 provincias demostraron un altísimo nivel na realización das probas, incluída Isabel que representou cuin gran esforzo ao noso centro educativo sendo das últimas en entregar os exercicios. 

Os premios principais foron para Xosé González Prego do IES Eusebio A Guarda, María Blanco Iglesias do IES de Cacheiras e David Lago Alonso do IES Illa de San Simón

Moitos parabéns aos gañadores, a todos os finalistas, a nosa Isabel, e a todos aqueles que vos superades día a día co traballo nas aulas de matemáticas.

Matemáticas no Xardín

O departamento de Matemáticas participa dunha maneira moi activa na Feira de Primavera que está a ter lugar na primeira semana de maio no noso centro educativo. Co sol de compañeiro, estanse a desenvolver actividades ao aire libre onde se abranguen contidos que de maneira directa figuran no currículo, como Xeometría e Probabilidade e outras máis lúdicas onde se tocan aspectos clásicos da competencia matemática como a Papiroflexia e o Xadrez.

Olimpíada Matemática de 2º da ESO 2022

O xoves 21 de abril tivo lugar unha nova edición da Olimpíada Matemática de 2º da ESO 2022, na que participan 100 centros educativos de toda Galicia e 430 alumnos/as distribuídos en 7 zonas.

A proba da zona de Lugo tivo lugar no Círculo das Artes, onde 50 rapaces/as se enfrentaron a 5 problemas que tiveron que resolver en dúas horas, Clasificaran 5 finalistas para a fase final galega que terá lugar o 27 de maio.

A nosa representación estivo formada por Marta, Ainara, Isabel, Sara, Amina, Iria, Juan e Joel, que participaron con grande interese e puxeron de manifesto todo o seu potencial e creatividade matemática. Parabéns equipo!

 

Alumnos do IES Leiras Pulpeiro visitan Madeiras Besteiro (La Voz de Galicia)

Premio Olimpíada Matemática

Este xoves 20 de maio celebrouse no Círculo das Artes de Lugo a final da Olimpiada Matemática Galega na que o noso centro contaba con dous representantes clasificados desde a fase de zona: Nuria Ledo e Martín Casanova.

Nesta versión reducida a causa da pandemia, 25 rapaces e rapazas das 4 provincias chegaron á final despois das fases previas que envolveron a máis de dous centos participantes inicialmente inscritos.

A proba consistía na resolución de 5 problemas que tocaban diferentes ámbitos das matemáticas. Nestes problemas valórase especialmente a creatividade na resolución, a precisión e boa organización nas formulacións e a xustificación dos resultados.

Por primeira vez o noso centro vai contar cun finalista na fase española desta Olimpiada. O alumno Martín Casanova Alonso de 2º da ESO E obtivo o primeiro premio nesta competición e representará a Galicia tanto na proba individual como na competición por seleccións autonómicas que se celebrará o 26 de xuño.

Moitos parabéns a Martín, a Nuria, ao alumnado que participou na fase de zona e a todos/as aqueles/as que día a día vos esforzades por mellorar e superarvos nunha materia tan complexa e abstracta, pero tan fundamental como é a das matemáticas.

Desafío CalcuLeiras 2021

Co obxecto de desenvolver entre o alumnado de 1º da ESO o gusto e valoración do cálculo mental como ferramenta esencial de aplicación en múltiples ámbitos nos nosos días, o departamento de matemáticas organiza o Desafío CalcuLeiras 2021.

Enmarcado no Contrato-Programa para a Mellora da Competencia Matemática, esta actividade pretende completar o currículo propio da materia cun tempo de cálculo mental que lle permita ao alumnado mellorar e gañar confianza e auto-estima nesta disciplina matemática que segue a ser de grande utilidade pese a actual omnipresencia de dispositivos electrónicos. A metodoloxía de partida será a aplicación web http://mvilarinho.pythonanywhere.com/cmental onde se axustará o tempo para afrontar o Desafío. Comezarase con 12 segundos por exercicio e irase baixando a 10, 8, 6 e mesmo 4 segundos para determinar os desempates. Os/as 3 finalistas de cada curso recibirán premios en forma de vales-agasallo para intercambiar en librerías e  pasarán a grande final de 1º da ESO. Alí esperan trofeos e máis premios para os campións e campioas deste concurso.

O Contrato Programa complétase este mes de maio con obradoiros de Cálculo Mental a cargo do profesor Víctor Pollán para 2º da ESO e 3º de Aplicadas e unha conferencia do colaborador do CB Breogán Edgar Paz (pendente de confirmar) que achegará ao alumnado de 1º de BAC a aplicación da Estatística ao ámbito deportivo.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut