Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Dinamización Lingüística

Este é o espazo do EDL do IES Leiras Pulpeiro, coordinado por Belén Martín Franco.

Podedes seguir o blog en http://e-un-falar.blogspot.com/

O seu correo electrónico é eunfalar@gmail.com

 

Enredando co Galego 2024

O 12 de xuño tivo lugar a festa do evento Enredando co Galego organizado polo Concello de Lugo e do que o noso centro é asiduo participante. Nesta ocasión, ademais, temos que destacar o compromiso dunha parte moi significativa do noso alumnado aprol da promoción do uso da lingua galega que queremos seguir escoitando no noso barrio por mil primaveras máis.

No acto estivo presente a sensación musical do panaroma galego, o techno-rockeiro do Valadouro Grande Amore, facendo visible a presenza do galego nas vangardas musicais.

Parabéns aos gañadores/as e ata o ano que vén que seguiremos enredando co galego!

 

Festa das Letras 2024

Un ano máis, celebraremos o Día das Letras Galegas no IES Leiras Pulpeiro, desta volta cun programa de actuacións ben xeitoso:

Período de Lecer: Pasarrúas das Gaiteiras do Leiras.

13:10 - 14h Pararemos as clases para un Festival Multi-Espazo

    13:10h-13:20h: Espazo Baile (Conserxería) 

        - Muñeira de Chantada polo alumnado de 1º de BAC

     13:20h-13:40h: Espazo Música (Mesas do Xadrez) 

        - Interpretación do Verdegaio polo alumnado de 1º de BAC e 3º ESO
        - Interpretación da versión galega de "Under the Sea" polo alumnado de 1º de BAC e 3º ESO
        - Orquestra de Vento do Leiras

    13:40h-14h Espazo Poesía (Radio Leiras)
       
        - Recitado de 6 poemas polo alumnado de 2º de BAC de Luisa Villalta e outros/as autores/as
        - Interpretación do Himno Galego.

Enredando co Galego 2024

Un ano máis, o noso centro participa nesta campaña da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Durante os vindeiros 21 días, o estudantado destes dous centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. As rapazas e rapaces que participen entrarán no sorteo de material electrónico e varios lotes de libros de literatura galega, ademais de distintos Agasallos.

A presentación da campaña contou cos poetas Samuel Merino e Silvia Penas, e de cara ao final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán unha actividade na que as e os participantes poderán realizar un intercambio de experiencias e desfrutar de varias actuacións en directo.

O alumnado foi convocado as 11h do pasado 7 de maio e encheu o Salón de Actos sacrificando o seu período de lecer para facer parte desta iniciativa en favor da normalización da lingua galega no noso instituto e nas nosas vidas. Un orgullo para o Equipo de Dinamización que dará visibilidade ao compromiso acadado a través da súa canle de Instagram @leirantes.

Obradoiro de Regueifas

O venres 16 tivemos a visita de Sara e Cristian do colectivo Erre que Erre, grandes divulgadores da Regueifa, unha das expresións propias da cultura galega máis auténticas e divertidas. 

Trátase dun canto conxunto entre dúas persoas onde se escenifica unha disputa repartindo versos con compoñentes en xeral satíricos.

Aí estivo o noso alumnado de 3º da ESO ocupando coa súa creatividade o espazo regueifeiro, dando mostra de que aquí tamén se fala, aquí tamén se canta e aquí tamén nos divertimos en galego.

A Parábola do Angazo

O 17 de xaneiro tivemos a honra de contar no Salón de Actos cun dos grupos teatrais máis afamados e premiados do panaroma galego: Talía Teatro.

A obra A Parábola do Angazo foi representada para o alumnado de 4º da ESO polos actores Artur Trillo e Toño Casais coa colaboración do seu equipo técnico. Queremos agradecer que se prestaran tan xentilmente a partillar coa rapazada uns minutos posteriores á obra e respostar as súas preguntas. 

A actividade foi promovida polo EDLG do centro e pretende achegar unha ollada á situación pasada e presente da lingua galega e, facendo uso do humor e a retranca, situala como lingua válida e de futuro para todos os ámbitos.

Unha honra contar con profesionais deste nivel para un fin tan necesario como a promoción e normalización da nosa lingua entre o alumnado.

Novo Glosario Caló - Galego

Xa temos glosario Caló-Galego froito da diversidade lingüística do noso centro educativo e da iniciativa das profesoras Concha Diéguez e Belén Martín.

Durante estas últimas semanas estivemos traballando duro en atopar equivalentes lingüísticos en lingua galega a palabras ou frases que o noso alumnado considerou relevantes na lingua caló, propia do pobo xitano.

A nosa comunidade xitana é maioritariamente descendente dunha parella, María Camacho e Manuel Montoya, que chegou a Lugo a principios do século XX, polo que garda unha riqueza lingüística especial que cómpre partillar e promover como un valor educativo.

O grupo de alumos e alumnas formado por Samuel Barrul Barrul, Grisela Jiménez Montoya, Antonio Montoya Montoya, Israel Montoya Montoya, Jénifer Cortiñas Gabarri, Miriam Jiménez Montoya, José Francisco Montoya Díaz, Emilio Barrul Barrul, Isaac Gabarri Cortiñas, Salvador Antonio Montoya Montoya, Yanira Jiménez Cortiñas e Susana Cortiñas Gabarri é o responsable deste orixinal traballo que con certeza, contribuirá a difundir a cultura xitana dentro do contexto galego.

Todos os parabéns da nosa comunidade educativa!

Roteiro polo Día de Rosalía

O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e no noso centro o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en colaboración cos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua e Literatura Galega decidiron celebralo cun roteiro dirixido ao alumnado de 3º da ESO polos lugares rosalianos da nosa cidade.

Retrato de Rosalía de Castro pola coordinadora do EDLG Belén Martín

Alumnado 3º ESO A e B no mural do CEIP Menéndez Pelayo

 

Alumnado de 3º ESO C e D ante a estatua de Rosalía no parque que leva o seu nome

 

Rosalía Sempre

 

Visita a Casa de Manuel María e roteiro polas Insuas

Desde os departamentos de Lingua e literatura galega e Bioloxía e xeoloxía, os días 20 e 21 de xuño, os cursos de 1º ESO tiveron a sorte de visitar a casa do poeta Manuel María en Outeiro de Rei e As Insuas en Rábade, declaradas Reserva da Biosfera pola UNESCO. Dous lugares dignos de coñecer, que ademais están moi próximos a Lugo e gardan unha grande riqueza. Neles puidemos disfrutar da arte das rimas que daba vida Manuel María, da historia que acubilla a súa casa de aldea, dos seus libros gardados, dos sons da natureza que o inspiraba así como a beleza da paisaxe que o rodeaba.

 Dúas mañás cheas de coñecemento e beleza para rematar este curso 2021-2022.

Novo Premio para Galego Para Boomers

Como xa contamos nun post anterior, polo Leiras pasa xente fantástica que acaba deixando dunha maneira ou doutra a súa pegada.

Así o fixo Noemí García, profesora de Lingua e Literatura Galega no noso centro educativo durante o curso 20-21, co seu proxecto Galego para Boomers, que consistiu na elaboración por parte do alumnado dos primeiros cursos da ESO dun dicionario para facilitar o acceso dos Boomers (persoas nadas no Baby Boom) ao novo vocabulario utilizado pola xuventude.

O proxecto foi premiado durante o curso pasado polo Concello de Lugo e tivo unha grande repercusión mediática e nas redes sociais.

Este ano recibiu un novo premio, o Mil Primaveras, outorgado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, que recoñece a Galego para Boomers como o mellor proxecto de fomento do galego entre a infancia e ou a mocidade do ano 2021. Un grande orgullo para o noso centro vernos envoltos nesta festa da lingua.

Moitos parabéns ao alumnado que participou no proxecto e a Noemí por facernos ver como sociedade que a lingua galega é unha lingua válida en todos os ámbitos, mesmo para comprender e explicar a realidade máis actual descrita, as veces, con indescifrables neoloxismos.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut