Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Actividades na Natureza co Alumnado de 3º da ESO

Os días 4 e 5 de xuño o alumnado de 3º de ESO participou na saída de actividades na natureza ó Baixo Miño e ás Illas Cíes organizada polo departamento de EF do noso instituto. 

O grupo de 50 alumnos e alumnas asistiu a esta actividade dirixido polas súas profesoras  Laura, Nati, Beatriz e Luisa.

O primeiro día realizaron a actividade de kayak nos ríos Miño e Tamuxe. O Tamuxe é un río estreito e de augas cristalinas e ó chegar ás Aceñas o grupo disfrutou dun baño.

Pola tarde visitamos o monte de Santa Trega, disfrutando das vistas panorámicas da desembocadura do Miño, A Garda, Portugal, o océano Atlántico e o val de O Rosal e escoitando as inmellorables explicacións de Nati sobre o legado histórico, cultural e relixioso desta Citania. Ao chegar completamos a tarde na estupenda piscina do hotel e realizamos unha camiñata a carón do mar. A noite non puido ser mellor, compartindo parte da velada cun grupo de persoas do Imserso que bailaron e nos transmitiron s súa enerxía e alegría.

O segundo día navegamos ata as Illas Cíes, onde realizamos unha ruta se sendeirismo ata o observatorio de aves do Alto da Campá. ao tempo que os guías do Parque Nacional explicaron curiosidades sobre a biodiversidade deste Parque Nacional. Completamos a tarde con baño, praia e unha ximcana final.

Felicitamos ao grupo pola súa actitude alegre, respectuosa e aberta ao aprendizaxe.

 



story | by Dr. Radut