A Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán
O martes 20 de decembro o alumnado de 4º da ESO puido asistir á presentación do documental A Carta Xeométrica de Galicia (1817 -1834) producido por Manuel Fernández que asistiu persoalmente ao noso centro acompañado polo topógrafo Manuel Amigo.
O documental trata da figura de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta xeométrica de Galicia, labor ao que adicou dezasete anos da súa vida. Foi secretario da Deputación Provincial de Galicia durante o trienio liberal, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e Presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.
A Carta Xeométrica de Galicia, é un mapa físico de Galicia, realizado entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).
Para cartografar Galicia, Domingo Fontán aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos.
Para realizar esta carta, tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo. Nela catalogou, por primeira vez na historia, todas as igrexas das parroquias galegas. Recolleu tamén a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.
Despois da proxección e dun debate co alumnado saímos ao noso xardín para aplicar os conceptos trigonométricos á medición do noso liquidámbar. Obtivemos que tiña 11m de altura a partir da tanxente do ángulo que forma coa horizontal.