Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Talento Matemático no Leiras

O pasado xoves 29 de setembro tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Lugo un acto de recoñecemento a dous alumnos e dúas alumnas do noso centro educativo que veñen de colleitar un espectacular resultado en dous dos eventos matemáticos máis importantes a nivel galego e español do curso escolar: A Olimpíada Matemática e ESTALMAT. No acto estiveron presentes 4 representantes do departamento de Matemáticas e do equipo directivo do IES Leiras Pulpeiro, 2 representantes de ESTALMAT, 1 da Olimpíada, 3 concelleiros do Concello de Lugo, o noso alumnado homenaxeado e as súas familias.

 

A finais do curso 20-21 Martín Casanova Alonso foi nomeado como uns dos gañadores da Fase Final Española da Olimpíada Matemática. Martín xa acadara o primeiro posto na fase local e na fase galega e representou a Galicia nunha proba que tivo que se facer on-line debido á pandemia. Por este motivo e polas actividades propias do verán, quedara pendente por parte do Concello un acto de recoñecemento que finalmente se puido facer tras o éxito que un ano despois conseguirían os seus tres compañeiros.

 

Isabel López Quiroga, Ainara Prado Regueira e Iago Rodríguez Quintás presentáronse a finais do curso pasado ás probas de acceso a ESTALMAT, un programa organizado pola Facultade de Matemáticas en colaboración con outras institucións públicas e privadas que pretende, como o seu propio nome indica, estimular o talento matemático do alumnado seleccionado. Presentáronse máis de 300 candidatos e candidatas de toda Galicia para 30 prazas e 3 foron para este alumnado do Leiras, un verdadeiro orgullo para un instituto como o noso, que ten a atención á diversidade como prioridade fundamental e que pretende facela compatible con que o alumnado máis talentoso poda, de acordo cos seus intereses, desenvolver as súas capacidades en plenitude e de forma tan destacada como neste caso.

 

Queremos dar os parabéns a Martín, Isabel, Ainara e Iago, as súas familias responsables primeiras do que son e do que consigan no futuro, pero, sobre todo, darlles as grazas. O seu exemplo é vento nas velas para o noso Leiras.



story | by Dr. Radut