Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

ALIMÉNTATE BEN. CURSO 2021-2022

ALIMÉNTATE BEN. CURSO 2021-2022

1. ACTIVIDADES SOBRE CONTIDOS BÁSICOS DE ALIMENTACIÓN E NUTRICIÓN.

Estas actividades foron desenvolvidas polo alumnado de 1º da ESO durante a materia de PEVS (Promoción de Estilo de Vida Saudable). Entre as distintas actividades destacan: a roda dos alimentos, a pirámide da alimentación saudable, a etiqueta dos alimentos, traballos en grupos, etc.

 

2. O TABOLEIRO DO ALIMÉNTATE BEN

 Este espazo empregouse como medio de divulgación de distintos materiais ao longo do curso.

 

3. CONCURSO: “UN PRATO PARA COMER SAUDABLE”

 Este concurso foi dirixido ao alumnado de 1º, 3º e 4º da ESO. Logo de explicar en clase as proporcións que debe cumprir un prato para comer saudable (prato de Harvard). O alumnado participante debía enviar, dende as súas casas, fotografías dos seus pratos.

Posteriormente (xa na 2ª avaliación), o alumnado de 1º da ESO na materia de PEVS, fixo unha valoración das fotografías recibidas analizando cada un deses pratos: se cumprían ou non as proporcións axeitadas (establecendo códigos de cores – verde, laranxa ou vermello – de máis a menos equilibrados respectivamente), recomendacións para mellorar o prato, análise dos beneficios dalgúns alimentos que se incluían, etc. Finalmente montamos unha exposición con algúns dos pratos analizados no corredor do Aliméntate ben.

 

4. CONCURSO: “O ROSCO DA ALIMENTACIÓN SAUDABLE”

No marco da “Feira do Nadal 2022”, que incluía toda unha serie de actividades propostas polos distintos departamento do IES, celebrada o 21 de decembro, fíxose un concurso baseado en dous roscos de pasapalabra, dirixido a todo o alumnado do centro, que incluía conceptos sobre alimentación e nutrición.

O alumnado que completou o rosco con éxito entregóuselle o prato Alimentes do Gadis, que inclúe unha guía de recomendacións sobre alimentación e "Leiros" (moeda do centro) para cambiar por “pinchos saudables” na cafetería do centro. Hai que destacar a aposta que se fixo este día por unha oferta máis saudable dende a nosa Cafetería. Ademais dos roscos, o alumnado participou nun xogo sobre o prato equilibrado.

 

5. CHARLAS SOBRE NUTRICIÓN

En colaboración coa Xefatura Territorial de Sanidade de Lugo, e grazas á mediación de Esperanza Otero Vázquez, todo alumnado de 1º da ESO tivo a magnífica oportunidade de asistir a dúas roldas de conferencias impartidas pola nutricionista Susana Viso González. Esta profesional explicoulles as consecuencias de levar unha mala alimentación, tanto a curto como a longo prazo. Os nosos estudantes recibiron unha valiosa formación, afondando no coñecemento de enfermidades como a obesidade e o sobrepeso, a diabetes tipo 2, a hipertensión, a caries ou problemas de saúde mental asociados, e sobre todo, incidiu nas medidas para previlas.

 

6. EXPOSICIÓN:“+AZUCRE, - VIDA”

 Para facer visible a problemática actual sobre a elevada cantidade de azucre que consumen a diario a maioría dos nosos estudantes e a relación directa con certas enfermidades, fixemos unha exposición sobre a cantidade de azucre que conteñen algúns dos alimentos máis consumidos por eles.

Nesta actividade participou alumnado de 1º, 3º e 4º da ESO. En primeiro lugar, fíxose unha recollida de envases de alimentos ricos en azucres máis consumidos polo nosos estudantes, entre o alumnado de 1º da ESO; logo, o alumnado de 4º da ESO, fixo os cálculos sobre a cantidade de azucre contida nos alimentos seleccionados e montou a exposición con terróns de azucre; finalmente o alumnado de 3º da ESO elaborou unha serie de carteis que alertaban dos problemas de saúde asociados a un consumo elevado de azucre e a súa relación directa con enfermidades como a obesidade, o cancro ou enfermidades autoinmunes.

 

 

 

7. ACTIVIDADE “CANTO EXERCICIO FÍSICO NECESITAS PRACTICAR PARA QUEIMAR...?

Aproveitando os alimentos seleccionados para a exposición “+azucre-vida”, elaborouse esta actividade coa que se perseguiron varios obxectivos: seguir traballando coas etiquetas dos alimentos entre o alumando de 1º da ESO, traballar o concepto de Kcal e promover a práctica deportiva entre o alumnado, resaltando a importancia do deporte, e non só dunha boa alimentación, para levar un estilo de vida saudable.

O alumnado de 4º da ESO, elaborou unha serie de tarxetas para as que tiveron que calcular cantos minutos de distintas actividades deportivas tiñan que realizar para “queimar” as quilocalorías aportadas polos alimentos seleccionados, en base ao seu peso corporal e a uns valores estandarizados de referencia.

Posteriormente, o alumnado de 1º da ESO, fixo estes mesmos cálculos, primeiro de forma grupal e logo xa de forma individualizada en PEVS. Esta actividade contou coa colaboración da profesora de Educación Física, Luisa Felpeto, que aportou unha serie de documentación para poder realizala, e ademais traballou co alumnado estes conceptos durante as súas sesións.

 

8. OBRADOIRO DE CONTRAPUBLICIDADE

Despois de coñecer algunhas das estratexias das que se vale a industria alimentaria para “enganchar” ao consumidor, explicadas tamén en parte nas charlas sobre nutrición, o alumnado de 1º da ESO dedicou varias sesións a un obradoiro de contrapublicidade. Primeiramente os estudantes fixeron unha selección de anuncios publicitarios en distintos medios de comunicación (internet, TV, redes sociais, revistas e carteis na súa contorna e nos arredores do IES – tales como carteis de KFC ou McDonalds) e analizaron os seus logos, os seus eslogan, as mensaxes que transmitían.... A partir de aí, crearon os seus propios carteis de contrapublicidade que foron expostos no corredor.

 

 

 

 

9. I FEIRA DE PRIMAVERA. POR UN LEIRAS MÁIS SAUDABLE E SOSTIBLE

No marco desta Feira, que se levou a cabo na semana do 2 ao 6 de maio, e que englobou a moitas outras actividades do centro, dende o Aliméntate ben desenvolvéronse varias iniciativas dirixidas a todo o alumnado do centro, algunha delas en colaboración con outros Proxecta+ do IES, tal e como se detalla a continuación:

 

- 9.1. Reparto de froita: durante dous días e en colaboración coa AMPA fíxose un reparto de froita de balde para todo o alumando do centro. Foron varios membros da AMPA e algúns profesores os que repartimos a froita. En colaboración co Proxecta + Paisaxe- Apadriña unha roseira - déuselle un enfoque medioambiental a esta actividade facendo unha recollida das mondas da froita e doutros residuos orgánicos para logo depositalos no composteiro.

 

- 9.2. Concurso “Premios Vida Saudable e Sostible”: tratouse dun concurso fotográfico dirixido a todo o alumnado do centro, no que cada participante debía enviar un máximo de 5 imaxes relacionadas cas seguintes temáticas: comendo saudable (O meu taco é saudable), facendo deporte, respectanto e gozando do medio natural, etc.

 

 

- 9.3. Campaña “O meu taco é saudable”: o obxectivo desta campaña foi que durante o mes de maio, e en adiante, o noso alumnado optase por opcións máis saudables nos períodos de lecer, tendo en conta o excesivo consumo de produtos ultraprocesados que se veu observando ao longo do cursoPara lograr este obxectivo fíxose unha exposición sobre froitas e unha campaña de divulgación sobre snacks e bocatas saudables.

 



story | by Dr. Radut