Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Visita de Maike e Susanne

O luns 4 de outubro, no marco do proxecto Erasmus+, recibimos a visita de dúas docentes danesas, Maike e Susanne, procedentes da Broager Skole en Sønderborg.

Elaboramos un programa moi centrado nas medidas de atención á diversidade que levamos aplicando estes anos tanto no noso instituto como no colexio adscrito de Casás.

A xornada comezou ás 8:20h coa benvida e unha breve recepción para, a seguir, asistir a unha mostra de introdución dunha lingua estranxeira na aula de Tecnoloxía coa sección bilingüe impartida por José Manuel.

Posteriormente acompañámolas nun percorrido polos nosos corredores, podendo respirar, grazas a medida COVID de portas abertas, o ambiente de traballo que estaba a ter lugar nese momento no centro.

Ás 10h achegámonos ao CEIP Casás onde a Dirección, Orientación e demais persoal ofreceron unha cálida acollida, amosando instalacións, abrindo aulas e repartindo saúdos. As nosas convidadas amosaron especial interese nos materiais e metodoloxías empregadas na aula TEA e na integración do alumnado con discapacidade. Finalizou a visita en Casás cunha presentación en imaxes da Broager Skole.

De volta ao IES Leiras Pulpeiro, Maike e Susanne participaron na Biblioteca dunha orixinal sesión de reforzo lingüístico impartida por Marta López ao redor dun conto de Andersen. A continuación tomou protagonismo o noso departamento de Orientación coa visita ás aulas de Pedagoxía Terapéutica e coa entrevista a Carmen e Montse, que intercambiaron metodoloxías, ideas e experiencias na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Rematou a xornada coa visita á aula TEA, onde Noelia e Lidia compartiron a súa actividade, traballos, materiais e respostaron ás preguntas que con gran curiosidade facían as nosas convidadas.

 

Foi unha xornada de traballo dun enorme interese para todos, nomeadamente para nós, que puidemos afondar e situar nunha posición central o traballo das nosas compañeiras que con tanta profesionalidade atenden día a día o alumnado máis vulnerable.

 

Para Maike e Susanne só temos palabras de agradecemento. Dúas mulleres encantadoras, divertidas, comprometidas co seu traballo, moi interesadas e respectuosas pola nosa actividade e coas que nos encantaría continuar na distancia cunha relación tan agradable e productiva como a que tivemos nesta víspera de San Froilán.

 maike e susanne



story | by Dr. Radut