Economía da empresa
Economía da Empresa trata de centrarse nun determinado e determinante suxeito económico: a empresa. Procura explicar o fenómeno económico da empresa e, tamén, achegarnos ás actuacións sobre ela para alcanzar certos fins.
A empresa é un protagonista esencial da actividade económica, encargado da produción de bens e servizos para satisfacer as necesidades da nosa sociedade. Nesta materia falamos da razón da existencia das empresas, das súas características, dos tipos de organización que poden adoptar e do seu funcionamento, sen esquecer os factores que inflúen na toma de decisións.
A materia emprega un enfoque de presentación baseado na análise das distintas áreas e funcións da empresa. Como resultado diso, estrutúrase nos bloques seguintes:
- "A empresa", no que se describen os seus elementos, as súas funcións e os seus obxectivos.
- "Desenvolvemento da empresa", onde se fai unha análise das decisións de dimensión e localización, e das estratexias de crecemento.
- "Organización e dirección da empresa", no que se explica a planificación, a organización e a xestión dos recursos da empresa.
- "A función produtiva", para analizar os procesos produtivos e a estrutura de ingresos e custos derivada deles.
- "A función comercial da empresa", que repasa as principais decisións da empresa na comercialización dos seus produtos e/ou servizos.
- "A información na empresa", para comprender a importancia de contar con datos e información relevante e precisa na toma de decisións e no cumprimento das obrigas fiscais.
- "A función financeira", onde se trata de analizar os aspectos salientables das decisións de investimento e financiamento na empresa.
Dentro da materia tamén hai unha serie de supostos prácticos relacionados cos bloques anteriores e con un peso dun 50% na nota (mesmo peso que a parte teórica). Non son necesarios coñecementos matemáticos elevados para a resolución deses supostos prácticos.
A empresa ten unha gran relevancia social, producindo bens e servizos tamén crea valor engadido e emprego, canaliza e reparte renda, e relaciónase cos traballadores, cos clientes, cos provedores e co seu entorno social e medioambiental. O desenvolvemento da actividade empresarial e a acción d@ empresari@ deben estar guiados pola responsabilidade social e o comportamento ético, máis aló da procura duns resultados. Todo iso sen esquecer a creatividade e o espírito de innovación, a elaboración de reflexións persoais e a toma de decisións fundamentadas, e a idea do erro como fonte aprendizaxe e progreso.