Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Edu-sostibilidade

Día da Terra 2022

O alumnado de 1º ESO desde a materia de Bioloxía e Xeoloxía en colaboración con Relixión e Valores Éticos, vén de traballar na elaboración dunha campaña de concienciación sobre a importancia da auga como recurso limitado, e acaban de pór en marcha unha votación para elixir o mellor cartaz co motivo da celebración do Día da Terra 2022, que se celebra este 22 de abril.

Tamén elaboraron cuñas de radio que servirán sen dúbida para concienciar a toda a cidadanía. Podes escoitalas aquí. :)

Desde o Leiras animámosvos a participar na elección do mellor cartaz, deixandovos o QR para que toda aquela persoa que queira participar poida facelo de xeito telemático. Co mellor cartaz elaboraremos diferentes materiais.

Coidemos a nosa Terra e cousa de tod@s!

 

Música no Xardín

Aproveitando o comezo da primavera, o alumnado de 2º da ESO fixo do noso xardín unha improvisada Aula de Música.

Nada mellor que aprender a coñecer os instrumentos que a través da experiencia dos seus propios compañeiros. Varios alumnos/as explicaron as partes, o funcionamento e como se tocan algúns instrumentos de vento, como o clarinete, o bombardino e o trombón. O xardín converteuse na aula perfecta para esta lección de música e para asistir a un mini concerto da man destes tres músicos que interpretaron para os seus compañeiros/as algunas famosas bandas sonoras.

Temos un xardín moi diverso con grandes posibilidades educativas que estamos a explorar a través do contrato-programa eduSostibilidade.

 

Novo Composteiro

 

Entre o magnolio de folla caduca e a oliveira do noso xardín, temos instalado o novo composteiro doado por SOGAMA grazas ás xestións da profesora Carmen Sánchez. Esta adquisición complétase coa de novas papeleiras que durante o mes pasado montamos nos patios e que contribuirán a termos un instituto más limpo, cunha mellor xestión dos residuos e máis respectuoso co medio ambiente.

O Liquidámbar

Levamos un outono espectacular no noso xardín, con explosión de cores nos magnolios, pradairos e cerdeiras.

Agora que está preto de finalizar, é a quenda do liquidámbar, unha árbore que produce unha goma coñecida coma storax, usada na menciña tradicional. Esta goma contén unha pequena cantidade dun hidrocarburo aromático, o estireno. O estudo do estireno extraído da goma do Liquidambar orientalis deu por resultado a síntese en 1925 do primeiro polímero poliestireno, por parte da industria petroquímica alemá.

Non deixedes estes días de desfrutar as súas follas amarelas e arroibadas cando entredes ou saidades do instituto.

Distribuir contido


by Dr. Radut