O venres 14 de xaneiro recibimos a visita de Lara Méndez, alcaldesa do concello de Lugo, convocada para tratar determinados temas que afectan a nosa comunidade educativa como o da seguridade nas entradas/saídas, melloras nos accesos, cooperación cos servizos sociais, participación nos nosos proxectos educativos e futuras colaboracións no desenvolvemento de novas actividades didácticas.
Durante a visita, a alcaldesa reuniuse co Equipo Directivo no despacho de dirección onde se trataron todos os temas antes mencionados e se concretaron algunhas actuacións para darlles solución. Os membros da nosa ANPA non puideron estar presentes debido a diferentes motivos, pero puideron achegar as súas suxestións á dirección que tamén trasladou á alcaldesa.
A continuación visitamos a UACO, xurdida dunha iniciativa financiada con fondos europeos, ministeriais e autonómicos, que pretende abrir a un ámbito máis social as actuacións que dende un punto de vista estritamente educativo se mostran insuficientes. A concelleira de Benestar Social visitará o próximo xoves esta unidade para afondar nas posibles colaboracións.
O noso alumnado tiña que ter protagonismo nesta xornada e aproveitando a sesión de titoría de 3º da ESO D, propuxémoslles un exercicio de expresión de cidadanía activa coa alcaldesa, coa que, en efecto, compartiron uns minutos explorando os proxectos de cidade asociados especialmente ao noso barrio, ao medio ambiente, á mocidade e a atención a persoas con discapacidade. O alumnado de 1º de BAC que participa nas mobilidades do proxecto Erasmus + tamén tivo a oportunidade de trasladar as súas experiencias tanto neste programa como no de Mediación Escolar. Foron felicitados/as pola alcaldesa e quedaron en organizar unha recepción no Concello aos visitantes portugueses, italianos e franceses que participan no proxecto "Convivindo no Camiño" que se coordina dende o noso instituto. Finalmente, achegámonos ao pavillón onde se celebraba unha sesión de introdución ao baseball co alumnado de 1º ESO C e puidemos concretar algunha iniciativa de cara a primavera para a promoción dun urbanismo máis saudable.
Foi unha visita na que, para aleń das cuestións técnicas, puidemos amosar a actividade do noso centro e reforzar a valoración e orgullo que sentimos polo traballo dos diferentes membros da nosa comunidade educativa.