Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Morreu Neira Vilas

Morreu Neira.
Esta mesma mañá, unha amiga común chamoume ao centro para dicirmo.

Deixounos sen facer ruído, durmido...
Quen sabe se soñando...

Hai catro días falei con el. Semellaba estar ben. A súa voz soaba con forza.
Tiña plans para hoxe.
Tíñaos.

Non deixou de traballar nunca. Traballador incansable...
traballador comprometido coa lingua...
...coa nosa.

Don Xosé estivo connosco hai pouco. O salón de actos, cheo, gardaba silencio. Mesmo parecía que as paredes o escoitaban!

Seguro que o facían...

Escoitaban as vivencias dun rapaz na súa aldea, as dun exiliado que non baixou a cabeza e loitou dende alén do mar pola súa lingua, e así polo seu pobo.
O pobo dun neno labrego...

Escoitaban en silencio.
Aprendían en silencio.

Morreu Neira.

Mais vivirá sempre Balbino.

                                                     Íñigo

 

(nova na web publicada o 21 de abri de 2015):

O pasado xoves 16 de abril tivemos a inmensa fortuna de poder contar coa presenza de D. Xosé Neira Vilas, que tivo a xenerosidade de facernos unha visita e charlar co alumnado de Bacharelato.

Os nosos alumnos e alumnas non esquecerán as súas palabras. Tiveron a oportunidade de estar cunha lenda da nosa literatura, que ademais demostrou a súa grande humanidade.

Esta presentación necesita flash para ser visualizada: se está nun dispositivo móbil, soamente algúns navegadores, como Puffin Browser, poderán reproducila. Pode instalalo dende estas ligazóns: dispositivos con iOS / dispositivos con Android

Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

 

Esta presentación necesita flash para ser visualizada: se está nun dispositivo móbil, soamente algúns navegadores, como Puffin Browser, poderán reproducila. Pode instalalo dende estas ligazóns: dispositivos con iOS / dispositivos con Android

O 25 de novembro, o alumnado e profesorado do IES Leiras Pulpeiro recordamos a todas as vítimas da violencia machista e dixemos NO!!! a esta lacra social.

Limos sentidos poemas, escoitamos unha melodía de liberdade, e gardamos un sobrecoxedor minuto de silencio.

 

Visita á Granja Campomayor

O alumnado do Ciclo formativo de Grao Superios de Procesos e Calidade na industria Alimentaria visitou as instalacións da Granja Campomayor, dentro do seu programa de actividades complementarias.

Ao longo do curso, este alumnado visitará distintas empresas co fin de achegarse aos procesos reais de producción e comercialización dos produtos alimentarios.

 

Obradoiro científico de Galiciencia: “Dos átomos á luz”

Un profesor especialista en divulgación científica, presentou en Galiciencia, no parque tecnolóxico de Ourense, unhas experiencias sobre a luz e os átomos, que seguíu o alumnado de Física e Química de 4º ESO e 3º ESO B do noso instituto con grande interese, a través dunha videoconferencia.

O taller consiste nunha exploración experimental desde as propiedades dos átomos ata o comportamento da luz.

 

Resumo da charla:

Así como a materia está formada por unidades (átomos) que posúen unha estrutura (núcleo e electróns), a luz tamén está formada por unidades (fotóns) que actúan individualmente coa materia e pode producir cambios químicos que dependen da enerxía dos fotóns e da enerxía coa que os átomos están unidos.

Os espectros son representacións da distribución de enerxía presente na luz e de como a luz interacciona cos materiais.

A luz orixínase nos cambios de estado dos electróns nos átomos e a súa análise (espectroscopía) revela que átomos son responsables da emisión de luz. Vemos a luz debido a unha reacción fotoquímica nos pigmentos presentes nas células sensibles da retina, que soamente responden a un certo intervalo da radiación electromagnética (luz visible).

E chegamos a Santiago!

(Preme nas fotos para velas a maior tamaño)

 
Ao longo da pasada semana, o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Leiras Pulpeiro completou con éxito o Camiño de Santiago dende Pedrafita do Cebreiro.
 
Noraboa, fixestes un enorme esforzo e todo saíu moi ben. Esperamos que o teñades desfrutado. Son vivencias para nunca esquecer.
 

Videoconferencia no Día da Ciencia en Galego

 

    

 

O pasado mércores 4 de novembro, o alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato e o de 3º de ESO participamos nunha videoconferencia con Xurxo Mariño, que nos deleitou cunha charla sobre neurociencia.

Aprendimos moito das posibilidades do noso cerebro, de como construímos a nosa visión do mundo a partir da lingua materna na que medramos e dos estímulos que recibimos polos nosos sentidos.

Ao final puidemos facer preguntas a través de Twitter (@leiraspulpeiro) e Xurxo respostou algunha delas en directo. Outras respostounas despois de rematar a videoconferencia, evidentemente moito máis brevemente (podedes velas nas imaxes).

A actividade, organizada por Igaciencia, recordounos que a nosa lingua é tan válida coma calquera outra para transmitir os coñecementos científicos.

 

Apadriña un lector 2015

(Preme na imaxe para acceder á reportaxe gráfica)

Un ano máis, chegado xuño, o noso alumnado de 1º BAC e do Club de lectura apadriñaron aos futuros lectores do CEIP de Casás. 

Os nenos e nenas de cinco anos deste cole viñeron encantados para pasar un día inesquecible: escoitaron atentos o conto Os tres porquiños, coñeceron ós seus padriños e madriñas e foron con eles ata o noso xardín máxico, onde compartiron preciosas historias e xogaron todos xuntos.

Finalmente, houbo "chuches" para adozar a despedida.

Obradoiro da Banda Filharmónica de Lugo no IES Leiras Pulpeiro

(Preme na imaxe para acceder ás fotos)

Ao longo da pasada semana, do 26 ao 30 de xuño, a Banda Filharmónica de Lugo desenvolveu un ano máis o seu obradoiro para rapaces e rapazas menores de 14 anos. A Banda ensaia ao longo de todo o ano no noso centro educativo, polo que o IES Leiras Pulpeiro cedeu unha vez máis as súas instalacións.

Para rematar o obradoiro, os pequenos músicos deron un concerto na Praza Armanyá xunto coa Banda Filharmónica. Foi un concerto fantástico.

Moitas grazas á Banda pola súa dedicación. Esperamos poder colaborar con eles todo o que poidamos.

A alumna Paula Portela, mención especial no III premio de ensaio subversivo “GUILLERMO DOMÍNGUEZ”

A nosa excelente alumna Paula Portela Cabana acadou unha mención especial na III edición do prestixioso Certame de Ensaio Subversivo "Guillermo Domínguez" co seu ensaio titulado "Traizón a especie".

O xurado destacou a subversión do seu tema, que vai contracorrente na súa interpretación do que é a sensibilidade social. En palabras do xurado, un ensaio valente, rebelde e pulcro, coherente, ben estruturado e moi ben escrito.

Noraboa, Paula! Os froitos do traballo ben feito sempre acaban madurando.

Nota: a entrega dos galardóns terá lugar o martes 16 de xuño, ás 18:00 horas, na Biblioteca Antiga do IES Xelmírez I de Santiago de Compostela.

O grupo 2ºA de ESO, 1º premio Actividade Creativa en "Clases Sen Fume"

 

A clase de 2ºA de ESO acadou o 1º Premio á Actividade Creativa no concurso Clases Sen Fume, organizado pola Consellería de Sanidade e a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Noraboa ao alumnado e ao profesorado implicado polo excelente traballo.

 

Foto do grupo Foto oficial

 

Aquí podedes ver o vídeo premiado:

 

E premendo nestas ligazóns podedes ver o vídeo de 1ºA de ESO e o de 1ºB de ESO.

Noraboa a todos e todas por participar con tanta ilusión.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut