Sabías que un cigarro, e o fume que se desprende na súa combustión, poden conter máis de 4.000 substancias químicas, 70 delas altamente tóxicas e canceríxenas? De saber isto e os graves efectos que pode ter o tabaquismo sobre a túa saúde seguro que o pensarías dúas veces antes de probar un cigarro por primeira vez ou de seguir co hábito.
Aínda non estás convencido de que non debes fumar? Aí van máis datos: segundo o Ministerio de Sanidade, o tabaco é o causante de máis de 50.000 mortes ao ano en España, ademais, o seu consumo asóciase á aparición de enfermidades como o cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares, EPOC ou diabetes; a esperanza de vida das persoas fumadoras é duns 10 anos menos que a dos non fumadores; a nicotina é a substancia adictiva máis consumida, por detrás do alcol.
Sobran razóns para non fumar e dende o IES Leiras Pulpeiro queremos convencer ao noso alumnado de que non comece a facelo. Por iso este ano, coa participación de todos os titores e titoras de 1º e 2º da ESO, poñemos en marcha o Plan Proxecta “Clases sen fume”. Un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de entre 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Durante alomenos 6 meses, o alumnado debe adquirir o compromiso individual e colectivo de toda a aula de non fumar.
Para arrancar o Proxecto durante a semana pasada, en colaboración con Cruz Vermella, impartíronse charlas de prevención do tabaquismo a todo o alumnado de 1º e 2º da ESO. A poñente, Claudia, explicoulles aos nosos estudantes cuestións fundamentais como os compoñentes do tabaco, os danos derivados do mesmo, os tipos de fumadores e as diferenzas entre o consumo experimental, esporádico e habitual, ademais de resolver todas as súas dúbidas.
Este só foi o punto de inicio a toda unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo do curso durante as sesións de titoría, como a elaboración dun slogan para convencer aos mozos e mozas para non comezar a fumar ou o desenvolvemento de actividades creativas en relación á prevención do tabaquismo, das que iremos dando conta en vindeiras publicacións.