E ti de quen es?
Recollida do noso patrimonio inmaterial
E ti de quen es?
O IES Lamas de Castelo, desde o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística e en colaboración co Dpto. de Lingua Galega e Literatura, está a organizar un traballo de recolla de alcumes das casas do concello de Carnota co fin de rexistrar este patrimonio inmaterial e fomentar no alumnado o respecto e promoción cara a estes alcuños que aínda hoxe se manteñen vivos como sinais da nosa identidade.
O alcume ou alcuño é un sobrenome, usado en troques do nome e, moitas veces, máis coñecido que o mesmo nome. En Galiza hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non o teñen ou tiveron; moitas veces está referido a unha particularidade da persoa ou da familia, sendo posible un derivado do lugar de nacemento, característica física, a profesión do pai ou da nai etc.
PASOS PREVIOS:
-
Elaboración dun plano aéreo do concello de Carnota a partir das imaxes do sixpac.
-
Distribuír en zonas todo o alumnado do Centro (1ºA, 1ºB, 2ºA, 2ºB, 3ºA, 3ºC e 4º).
-
Escoller un coordinador/a de zona e dar as directrices para poñer en marcha o proxecto.
LABOR DO COORDINADOR/A:
-
Combinar co grupo e dividilo por áreas atendendo ao lugar de residencia.
-
Elaborar un mapa por área e entregárllelo aos compañeiros para que numeren as casas e poidan comezar a recoller información na ficha correspondente.
-
Informar os compañeiros/as acerca do traballo que deben desenvolver, isto é, recoller os alcumes das casas e a súa (posíbel) orixe.
-
O coordinador/a fixará unha data de recollida da documentación recompilada polo grupo.
-
Facer un baleirado de datos na táboa.
ENTREGA DO TRABALLO:
Os colaboradores deben entregar os mapas numerados, as fichas de recollida de información e as táboas.
O traballo debe entregarse antes do 7 de marzo de 2009.