Charla sobre os videoxogos e o galego con Carlos García Vieito
O 31 de marzo tivemos unha charla diferente na biblioteca do instituto. Asistimos todo o alumnado de 2º e 3º de ESO e impartiuna Carlos García Vieito da Mesa pola Normalización Lingüística, que veu falar connosco sobre a presenza do galego no ámbito dos videoxogos.
Comezou facéndonos unha serie de preguntas para saber o tipo de xogos, aplicacións e plataformas que adoitabamos usar. Esta parte gustounos moito porque foi moi interactiva e variada e atendía a todas as preguntas que lle faciamos, co cal nós aprendemos moitas cousas que el nos ía presentando, pero tamén el aprendía algúns xogos que nós lle dixemos.
Ensinounos algúns videoxogos creados por galegos, en galego, e ambientados en Galicia que tiveron tanto éxito que se traduciron a outros idiomas e cos que xogan persoas de moitas partes do mundo. Falounos da importancia de facer cousas en galego e deunos un dato que nos resultou moi curioso: a media de espectadores e seguidores que teñen as persoas que crean contidos en galego é máis elevada cá media das que o fan en castelán, xa que os galegos fidelizan os contidos feitos aquí, ao apostaren pola lingua.
Outra das ideas principais que tiramos da charla é a de que debemos aproveitar o potencial que temos para competir nas redes, porque o galego nos fai únicos e especiais, xa que é parte importante da nosa vida e precisamos sacarlle proveito a iso que nos fai diferentes e apoiar todo tipo de contidos e creacións no mundo dixital.
O relator tamén nos deu algunhas pistas para atopar máis contidos deste tipo na rede, como por exemplo a Revista Morcego e tamén nos falou do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI).
A charla estivo moi entretida, xa que Carlos tiña moi en conta ao alumnado e sempre nos preguntaba as nosas opinións. Serviu para visibilizar o noso idioma neste ámbito, demostrando que cada vez hai máis variedade e que os usuarios son os que pouco a pouco o van facendo e conseguindo esta gran mellora. É cousa de todos seguir traballando e loitando para que o galego ocupe o sitio que merece tamén no mundo dixital.
Xa para rematar a actividade, o ponente felicitounos por falar galego, pois di xo que está acostumado a ir a moitos institutos e que había tempo que non lle pasaba isto, que falaramos todos (ou case) o galego. Díxonos que se sentira moi ben aquí e a nós quedounos unha sensación moi boa, pois a maioría de nós quedamos con ganas de máis.
Redactado coas achegas do alumnado de 1º e 2º de ESO