Encontro con Laura Suárez, ilustradora
O 30 de xaneiro celébrase unha das datas do Calendario do Libro e da Lectura, concretamente o Día da Ilustración. E coincidindo coa data, tivemos a sorte de contar no centro coa visita da ilustradora Laura Suárez.
Durante as dúas sesións da tarde, Laura Suárez compartiu connosco as súas experiencias, os coñecementos sobre o Monte Pindo, as lendas... así como tamén nos explicou o proceso de creación de Monte Pindo. Lendas e mitos do olimpo celta, libro do que é autora e ilustradora.
Explicounos como traballa, como debuxa e vímola debuxar en directo mentres nos contaba cousas relacionadas coas mesturas técnicas, coas ferramentas para crear as súas obras. Aprendemos moito e dun xeito lúdico.
Laura Suárez tamén é unha das autoras ás que lle dedicamos un cartel da nosa campaña Elas fano en galego. Podedes velo aquí.