Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Aldaolado nas Xornadas Culturais

 

Esta é a terceira vez que veñen María Lado e Lucía Aldao ao noso centro co seu dúo artístico, Aldaolado. Convidarámolas no 2011 e no 2017 e, neste 2022, viñeron coa colaboración do Concello de Carnota, unha actividade para celebrar o Día das Letras Galegas co alumnado de secundaria.

Aldadolado é un proxecto artístico orientado á poesía escénica, co que fan recitais moi atractivos e onde a súa espontaneidade e complicidade quedan evidentes ante o público. Adoitan actuar en festivais, festas, centros escolares, teatros, bares e outros eventos. Levan actuando xuntas desde o 2005 e contan na súa historia con moitos espectáculos.

O recital que nos ofreceron foi moi do seu estilo, ao iren debullando un lote de historias mesturadas cos poemas e as cancións. Contáronnos como se fixeron poetas, como se fixeron amigas, como decidiron formar Aldaolado e como foi evolucionando o seu dúo. Entre conto e conto, recitaron os seus poemas propios ou os conxuntos e tamén cantaron cancións de Lucía ou versións de cancións ben coñecidas, para con elas explicarnos a colocación dos pronomes. E case ao final tamén nos cantaron a súa versión da historia de Elisa e Marcela, unhas mulleres adiantadas á súa época, nunha clara reivindicación feminista.

Malia a calor e o sol tan forte (case inesperado en maio) e o escenario e salón de actos improvisado, o recital foi moi ben valorado, tanto por elas coma por nós. Grazas María e Lucía, grazas ao Concello (a Ita, sempre), ás presentadoras Laura Fernández e Danna, a Antón na megafonía e ao atento público. Longa vida á poesía!



book | by Dr. Radut