Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Actividades

CURSO 2022/2023

OBRADOIRO: PEQUENOS XESTOS QUE IMPLICAN UNHA GRAN SOLUCIÓN. O LIXO MARIÑO

Este abril realizouse un obradoiro de dous días cos cursos de 1º, 3º e 4º de ESO para valorar o estado de limpeza das praias da contorna.

As actividades foron organizadas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) en liña co programa de Educación Ambiental ‘Para unha transición ecolóxica’. Na primeira sesión, o martes 11 de abril, faláronnos sobre o problema do lixo mariño na actualidade, a orixe e tipo dos contaminantes e as súas consecuencias no medio. Na segunda sesión, o 24 de abril, baixamos á praia do Mar de Lira equipados con luvas e grandes bolsas preparados para recoller calquera plástico á vista.

Para a nosa sorpresa, nunha praia que parecía limpa atopamos máis de 50 kg de lixo. Principalmente retiramos anacos pequenos de plástico e residuos da industria pesqueira (cabos, nasas, anacos de redes, etc.). Unha vez o CEIDA analice os datos recollidos polo alumnado, faremos unha reflexión final sobre a situación das nosas costas.

O día da Terra este ano foi o sábado 22 de abril. Que mellor maneira de conmemoralo que limpar e protexer os ecosistemas únicos do litoral galego!

 

 
 

CURSO 2020/2021 

PEIXES MIGRADORES (XORNADAS CULTURAIS CURSO 2020-2021)

O xoves 13 de maio, no marco das Xornadas Culturais, o alumnado de 4ºESO tivo a posibilidade de contar cunha actividade teórico-práctica impartida polo Dr. David José Nachón García, licenciado e doutorado pola Facultade de Bioloxía da USC. David é un experto na ictioloxía e centrou a súa charla nos peixes das augas continentais ibéricas-máis especificamente nos migradores-. Como é evidente, puxo énfase nas especies galegas contribuíndo a que valoremos os nosos ecosistemas.

Foron moitos os aspectos tratados, agora sabemos que debido a que a Península Ibérica está "illada" do resto de Europa pola presenza dos Pirineos, o número de especies endémicas é moi alto. Porén, son moitas as causas que as poñen en perigo: introdución de especies, perda de hábitat, contaminación, sobrepesca, obras hidráulicas e o quecemento global, este último factor podería provocar o desprazamento máis cara ao norte de certas especies buscando a temperatura óptima para a supervivencia e reprodución (lembremos que os peixes son ectotermos, a súa temperatura depende da do medio). Apuntamos como dato "estremecedor" os estudos que indican a presenza de microplásticos nos músculos e incluso no cerebro dos peixes e que como é evidente pasan aos seus consumidores, entre eles nós, os seres humanos.

David tamén nos comentou que as especies diádromas ou migradoras evolucionaron de maneira que presentan ciclos de vida complexos en dous ambientes diferentes (o río e o mar). Estas especies realizan longas migracións desde as zonas de alimentación ata as zonas de reprodución, podendo ser algunhas destas migracións de varios miles de quilómetros. Á súa vez poden ser anádromas (reprodución nos ríos) ou catádromas (reprodución no mar).

Após facer un repaso de varias especies migradoras, das súas características e incluso do seu declive como consecuencia das causas numeradas, desprazámonos até o laboratorio onde tivemos a ocasión de presenciar como David extraía un otolito da cabeza dunha pescada. Os otolitos, concrecións calcáreas presentes na orella interna dos peixes, actúan como unha caixa negra que permiten saber, mediante o seu análise, o percorrido dun peixe. Tamén tivemos a ocasión de escoitar moitas curiosidades sobre a morfoloxía de varios peixes das nosas rías.

Moitas grazas ao alumnado de 4ºESO polo interese mostrado e a David por tantos coñecementos transmitidos, esperemos que repita!

 

 

 

ANÁLISE DA BOLSA DO LIXO CO ALUMNADO DE 4ºESO

O venres 26 de marzo tivemos a visita de tres membros de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) para desenvolver a actividade "Análise da bolsa do lixo" que ten como obxectivo a toma de consciencia por parte do alumnado da necesidade de separar o lixo en función da súa tipoloxía. Como consecuencia da non recomendable manipulación por parte do alumnado do lixo pola normativa anti-covid, foron as poñentes as que se encargaron de facelo e procedendo a posterior desinfección dos espazos empregados.

Ao longo do obradoiro explicaron cal é o modelo de recollida de lixo na Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza. Incidiron na relevancia deste modelo fronte ao de SOGAMA, xa que permite a reciclaxe de máis do 60% do lixo que xeramos en lugar de apostar por macrovertedoiros. Porén, tamén potenciaron a necesaria reflexión sobre o consumismo presente na nosa sociedade xa que a mellor forma de xestionar o lixo é reducilo, é dicir, producir menos.

Agradecemos ao alumnado de 4ºESO a súa participación no obradorio, non só traendo as bolsas de lixo que se analizaron, senón tamén a través das súas preguntas e intervencións.

Tamén agradecemos a ADEGA a realización deste obradorio gratuíto, tan necesario. Lamentamos que este ano por mor da pandemia non poidamos visitar a planta de Lousame para ver in situ o proceso que segue o lixo unha vez recollido dos contedores do concello de Carnota.

 

 

XEORUTA PINDO - LIRA - LARIÑO - LOURO

O luns 21 de decembro tivemos a oportunidade de desenvolver co alumnado de 3º ESO unha "xeoruta" pola contorna do noso centro educativo; nin a chuvia nin a pandemia da Covid-19 puido frear a súa posta en valor un curso máis. Cumprindo coas necesarias medidas de seguridade (máscara, xel hidroalcólico, ...) e acompañadas/os polo xeólogo Francisco Canosa visitamos catro puntos de elevado interese xeolóxico:

A primeira parada foi en Quilmas, ao carón do cemiterio, desde onde aproveitamos a facer unha subida (breve pero abrupta) polo Monte Pindo. Detivémonos en diferentes puntos onde se explicaron diversos aspectos da xeoloxía xeral e dos aspectos xeolóxicos propios do Monte Pindo. Así, após unha breve explicación sobre o tempo xeolóxico e a súa comparativa coa escala temporal humana tocou un repaso sobre os tres principais tipos de rochas (magmáticas, metamórficas e sedimentarias). A partir dese momento momento, o noso xeólogo guía explicou o proceso de formación das pedras cabaleiras (que ao contrario do que moita xente pensa , fórmanse por axentes xeolóxicos internos), das cacholas (ou tafoni, que poden semellar niños de abella), das pías (gnammas, no seu termo científico) e outras formas caprichosas. Tamén lle quedou tempo para explicar as diferenzas entre o granito rosado e o granito máis branco que se observa neste macizo que se atopa á beira do atlántico.

    

    

Na imaxe superior: Cachola (Tafoni)

    

Na imaxe superior: Pía co seu canle de desaugadorio.                                                   Na imaxe superior: intrusión na rocha granítica.

A segunda parada foi na zona do Faro de Lariño (A Parronda e o Leiradal) onde puidemos ver a plataforma de abrasión que pola zona da Costa da Morte soe recibir o nome de coído (praia de rochas redondeadas). Fran tamén nos explicou como o nivel do mar non sempre estivo como o está actualmente e outras cousas moi curiosas como os pés de pito (unha forma na que se pode presentar o mineral andalucita nas zonas de contacto entre unha rocha magmática como o granito e unha metamórfica como o xisto) ou como podemos ordear certos acontecementos xeolóxicos no tempo (datación relativa).

    

 Na imaxe superior obsérvase a plataforma de abrasión (coído)                   Na imaxe superior obsérvase restos dun areal que existíu con anterioridade.

 A terceira parada foi no Montelouro, polo que agora xa sabemos que o Montelouro é un inselber ou "monte illa" que se formou como resultado de ser máis resistente á erosión costeira que os seus laterais, posiblemente debido á cantidade de sílice coa que conta. Tamén podemos dar unha explicación ao proceso de formación da lagoa de Xalfas, onde as correntes mariñas do sur xogaron un papel moi importante xa que depositaron sedimentos que foron formando unha barra de area, cercando un espazo que permitiría a acumulación de auga doce procedente de diversos regatos como o Longarela. En ocasións, a cantidade de auga acumulada provoca a rutura do ingüeiro (zona que conecta a lagoa co mar) permitindo a saída da auga e ocasionando un fenómeno espectacular que xustamente tivo lugar días atrás. Para a nosa tristeza Fran explicounos que a evolución xeolóxica da lagoa é desaparecer, como consecuencia da colmatación da mesma polos sedimentos aportados polos propios regatos que a crean. 

 

Na imaxe superior pode verse a praia de Area Maior, o Montelouro fica escondido pola espesa borraxeira que nos acompañou.

A cuarta e derradeira parada tivo lugar na praia de Mar de Lira, onde puidemos observar a area tan característica que alí se atopa. Para tal fin, Fran trouxo consigo unhas lupas que -sempre previa hixienización- permitiron ao noso alumnado observar un espectáculo (diminuto) de cores dos diferentes minerais que compoñen esa area (granates, epidotas...) procedentes das rochas que forman o litoral de Carnota e que se depositan en maior cantidade nesta zona xa que as correntes de auga perden capacidade de transporte ao ser unha zona máis tranquila. Incluso poidemos observar a estratificación da area en zonas máis claras e máis escuras relacionadas cos periodos de calma e temporal, respectivamente.
   
 Moitas grazas ao alumnado e profesorado que participou na xeoruta e a Fran por compartir tantos coñecementos con nós. Agardamos poder repetir a experiencia outro curso.

 

CURSO 2019/2020 

CHARLA "BIODIVERSIDADE E CONSERVACIÓN"

O venres 14 de febreiro tivo lugar para o alumnado de 4ºESO a charla "Biodiversidade e conservación" enmarcada no Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade. Esta actividade foi organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxia, en colaboración co Departamento de Orientación, e pensada dentro do obxectivo iniciado no curso 2017/2018 de dar a coñecer a biodiversidade galega, a súa importancia e a necesidade de conservala.   

Nesta ocasión contamos coa docente universitaria Teresa Rodríguez que puxo o seu gran de area na tarefa de concienciar ao alumnado da importancia que ten a actividade humana á hora de lograr ese obxectivo, destacando o valioso e didáctico enfoque da charla desde a contorna máis próxima ao centro.

CHARLA E BUSCA MICOLÓXICAS

O pasado martes 26 de novembro desenvolveuse no centro, para o alumnado de 1ºESO, unha charla e busca micolóxicas impartidas por axentes forestais. Esta actividade, organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía en colaboración co departamento de Actividades Complementarias e Extraescolares, estruturouse en dúas partes:

A primeira parte foi unha explicación teórica sobre a importancia dos fungos nos ecosistemas grazas ao seu papel de descompoñedores e, polo tanto, a necesidade das boas prácticas na súa recollida. A segunda parte da actividade consistiu nunha saída para ver algunhas setas in situ e explicar algunha característica relevante das mesmas.

Con esta actividade, e outras realizadas en cursos previos como a saída ao Monte Pindo e á lagoa de Xalfas en Louro, continuamos aproximando ao alumnado do noso centro ao patrimonio ambiental máis próximo e á súa biodiversidade, así como á necesidade de conservalo.

        

 

 

 



book | by Dr. Radut