Actividades 2008/2009

2008/2009

E ti de quen es?

Recollida do noso patrimonio inmaterial

E ti de quen es?

O IES Lamas de Castelo, desde o Equipo de
Dinamización e Normalización Lingüística e en colaboración co Dpto. de
Lingua Galega e Literatura, está a organizar un traballo de recolla de
alcumes das casas do concello de Carnota co fin de rexistrar este
patrimonio inmaterial e fomentar no alumnado o respecto e promoción
cara a estes alcuños que aínda hoxe se manteñen vivos como sinais da
nosa identidade.

O alcume ou alcuño é un sobrenome, usado en troques
do nome e, moitas veces, máis coñecido que o mesmo nome. En Galiza hai
unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non
o teñen ou tiveron; moitas veces está referido a unha particularidade
da persoa ou da familia, sendo posible un derivado do lugar de
nacemento, característica física, a profesión do pai ou da nai etc.

PASOS PREVIOS:

  • Elaboración dun plano aéreo do concello de Carnota a partir das imaxes do sixpac.

  • Distribuír en zonas todo o alumnado do Centro (1ºA, 1ºB, 2ºA, 2ºB, 3ºA, 3ºC e 4º).

  • Escoller un coordinador/a de zona e dar as directrices para poñer en marcha o proxecto.

LABOR DO COORDINADOR/A:

  • Combinar co grupo e dividilo por áreas atendendo ao lugar de residencia.

  • Elaborar un mapa por área e entregárllelo aos compañeiros para que numeren as casas e poidan comezar a recoller información na ficha correspondente.

  • Informar os compañeiros/as acerca do traballo que deben
    desenvolver, isto é, recoller os alcumes das casas e a súa (posíbel)
    orixe.

  • O coordinador/a fixará unha data de recollida da documentación recompilada polo grupo.

  • Facer un baleirado de datos na táboa.

ENTREGA DO TRABALLO:

Os colaboradores deben entregar os mapas numerados, as fichas de recollida de información e as táboas.

O traballo debe entregarse antes do 7 de marzo de 2009.

Excursión a Padrón

Excursión a Padrón

Os departamentos de Ciencias Naturais e Lingua Galega imos o martes 31 de marzo a Padrón. A excursión será co alumnado de 2º e 3º da ESO e alí visitaremos o Xardín Botánico e a Casa da Matanza, Casa Museo de Rosalía de Castro.

Para que vaiades abrindo boca, aí tedes algunha foto do que imos visitar.

         

Casa da Matanza                                                Xardín Botánico

Sacar o aire/ Día de defuntos

Sacar o aire/ Día de defuntos

Coa intención de dar a coñecer o noso patrimonio inmaterial os alumnos
e alumnas de 1ºB, 2ºA e 2ºB, 3ºA e 4º deberedes facer un traballo de
campo para recoller e gravar información acerca do "Día de Defuntos" ou
do rito de "Sacar o aire".

Logo de escoller a persoa que ides entrevistar
(preferiblemente xente de avanzada idade) debedes elaborar un guión
coas preguntas que lle queredes facer. Concertades unha cita e
explicádeslle que é un traballo de recollida de datos para o Centro e
pedides permiso para gravar.

Unha vez rematada esta fase debedes facer un resumo
por escrito do contido da gravación e enviala por correo electrónico ao
Centro.