Curso 2022-2023: Actividades

Charla sobre os videoxogos e o galego con Carlos García Vieito

O 31 de marzo tivemos unha charla diferente na biblioteca do instituto. Asistimos todo o alumnado de 2º e 3º de ESO e impartiuna Carlos García Vieito da Mesa pola Normalización Lingüística, que veu falar connosco sobre a presenza do galego no ámbito dos videoxogos.

Comezou facéndonos unha serie de preguntas para saber o tipo de xogos, aplicacións e plataformas que adoitabamos usar. Esta parte gustounos moito porque foi moi interactiva e variada e atendía a todas as preguntas que lle faciamos, co cal nós aprendemos moitas cousas que el nos ía presentando, pero tamén el aprendía algúns xogos que nós lle dixemos.

Ensinounos algúns videoxogos creados por galegos, en galego, e ambientados en Galicia que tiveron tanto éxito que se traduciron a outros idiomas e cos que xogan persoas de moitas partes do mundo. Falounos da importancia de facer cousas en galego e deunos un dato que nos resultou moi curioso: a media de espectadores e seguidores que teñen as persoas que crean contidos en galego é máis elevada cá media das que o fan en castelán, xa que os galegos fidelizan os contidos feitos aquí, ao apostaren pola lingua.

Outra das ideas principais que tiramos da charla é a de que debemos aproveitar o potencial que temos para competir nas redes, porque o galego nos fai únicos e especiais, xa que é parte importante da nosa vida e precisamos sacarlle proveito a iso que nos fai diferentes e apoiar todo tipo de contidos e creacións no mundo dixital.

O relator tamén nos deu algunhas pistas para atopar máis contidos deste tipo na rede, como por exemplo a Revista Morcego e tamén nos falou do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI).

A charla estivo moi entretida, xa que Carlos tiña moi en conta ao alumnado e sempre nos preguntaba as nosas opinións. Serviu para visibilizar o noso idioma neste ámbito, demostrando que cada vez hai máis variedade e que os usuarios son os que pouco a pouco o van facendo e conseguindo esta gran mellora. É cousa de todos seguir traballando e loitando para que o galego ocupe o sitio que merece tamén no mundo dixital.

Xa para rematar a actividade, o ponente felicitounos por falar galego, pois di xo que está acostumado a ir a moitos institutos e que había tempo que non lle pasaba isto, que falaramos todos (ou case) o galego. Díxonos que se sentira moi ben aquí e a nós quedounos unha sensación moi boa, pois a maioría de nós quedamos con ganas de máis.

                                                                                                    Redactado coas achegas do alumnado de 1º e 2º de ESO

Concerto con Alberto Romero Pedrosa

Durante as Xornadas Culturais visitounos o músico muradán Alberto Romero Pedrosa, para falarnos de música e da súa traxectoria musical. Alberto ten formación en guitarra clásica, pero tamén en guitarra eléctrica, baixo e ukelele. Ten o título superior do Conservatorio na especialidade de guitarra e hoxe imparte clases na Escola de Rock da Coruña.

Durante a visita falounos da súa formación e dos distintos tipos de música que compón e interpreta, en bandas máis ou menos estables como poden ser Deleiba, Malo será, Capitán Kostov, así como das colaboracións que fai con outros músicos e músicas que o convidan para gravaren discos con el ou para tocar nos seus concertos.

Tanto a charla coma o concerto resultou moi interesante e divertido e mesmo algún alumno se animou a compartir o escenario con el: Xian de 3º tocou o caixón e Fran de 2º cantou varios temas con el. Un éxito total. E, coma sempre, tedes fotos na Revista O Gherreiro.

Agradecémoslle a Antón, profesor de Tecnoloxía e membro do EDLG por contactar con el e convidalo a vir ao centro para compartir a súa música e experiencia.

Concurso de relato a partir de fotografías

O Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega convoca o I Concurso de relato breve a partir de fotografías, para estimular a creación de textos en galego a partir de fotografías realizadas polo alumnado de 4º de ESO.

Animádevos a escribir o voso relato breve e entregádeo na biblioteca. Tedes de prazo ata o día 10 de marzo

Tedes as bases do concurso aquí.

--------------------------

Vencido o prazo, o xurado emitiu o FALLO.

O gañador do mesmo foi Aleixo Pérez Aponte (4º de ESO) co relato titulado "Algo vai saír mal", inspirado na fotografía titulada "Saudade" tomada por Xabier López Lestón (4º).

 O premio consistiu nun vale de compra de 50 € para gastar na Libraría Chorima máis a publicación do relato na revista do instituto. 

Día da Poesía e Día de Rosalía nas aulas

Partimos, un ano máis, da proposta da AELG para a celebración do Día de Rosalía 2023 e desde o EDLG e a materia de Lingua Galega e Literatura traballamos a poesía especialmente en xaneiro e febreiro cos grupos de 1º e 2º de ESO. En 3º de ESO tamén cadra de estar analizando o Rexurdimenteo e a obra de Rosalía de Castro.

A raíz da temática deste ano (#cumpriuseaxustiza) falamos da xustiza e das inxustizas sociais que o alumnado percibe na súa vida diaria ou nas que pode ver na actualidade, reparando nas noticias. Tamén analizamos algunhas versións de poemas musicados para ver como é unha poeta amplamente versionada desde distintas estéticas e estilos da música ao longo do século pasado e deste.

Por outra parte, presentámoslles algunhas imaxes de Rosalía das moitas ás que se pode acceder na rede e pedímoslles que as analicen, para despois, tentar expresar cal é a imaxe que cada persoa ten dela. De presentaren as súas versións, con todas elas farase un pequeno mural.

 

Animámosvos a que fagades nas vosas casas o Caldo de gloria, esa comida humilde que saíu dun poema de Rosalía e que hoxe se vai comer en moitas casas, restaurantes e mesmo colexios de toda Galicia. 

Día das Letras Galegas para don Paco


O Día das Letras Galegas do 2023 son dedicadas a Francisco Fernández del Riego, un dos seus impulsores e principais motores da súa creación hai 60 anos. 

 

Se queredes saber quen era e que fixo para merecer esta homenaxe, podedes consultar estas ligazóns:

Fernández del Riego, o que nunca se rendeu. Colección de vídeos explicativos da súa vida e obra.

A primavera das letras, da RAG

Seminario Galán, coa biografía e a obra e moitos recursos variados. E mesmo podedes imprimir uns marcapáxinas elaborados por Francisco Guitián, do Seminario Galán.

Aulas Galegas, recursos: pasagalego e autodefinido.

 

 

 

Día do lector e da lectora: 3 novembro

Coincidindo coa data de nacemento de Xosé Neira Vilas, conmemórase o Día do Lector e da lectora no 3 de novembro. Esta efeméride está fixada no Calendario do Libro e da Lectura pola Xunta de Galicia desde o 3 de novembro de 2021.

Neste centro vai ser o segundo ano en que o conmemoremos, polo que faremos unha exposición de libros de Xosé Neira Vilas na biblioteca. Ademais un alumno de 4º de ESO elaborou este cartel para a celebración da efeméride, coa axuda da coordinadora da biblioteca escolar.

Convidámosvos  a todos e todas a vir á biblioteca no recreo e ler un fragmento da súa obra!

Nesta ligazón podedes acceder a todos os seus libros que temos na biblioteca do centro.

 

Coincidindo con esta data na Fundación Xosé Neira Vilas en Gres, a súa aldea natal, vaise facer tamén unha homenaxe ao autor. Ao mesmo tempo, vaise facer entrega da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que nesta ocasión gañou Álvaro Domínguez coa novela Cristais rotos.

E ti, escoitas música en galego?

Se queredes saber máis sobre música galega, presentámosvos aquí dúas voas opcións para atopar distintas bandas e grupos dos máis diversos estilos.

1. Canle de youtube de Polingra, "Música para adolescentes"

2. "Ábrete de orellas", o programa de música galega que podes escoitar en iVoox.

Elas fano en galego

Neste curso 2022-2023 continuamos un ano máis, e van tres, coa campaña Elas fano en galego, para divulgar mulleres galegas que fan obra en galego, para darlle visibilidade a elas e á lingua.

Se se vos ocorren candidatas para esta campaña, axudádenos e fagamos entre todos e todas que a lista sexa cada vez maior!

 

A continuación iremos colgando os carteis de cada unha delas:

1.- Melania Cruz

2.- Marica Campo

3.- Pauliña

4.- Luz Fandiño

5.- Sheila Patricia

6.- Laura Suárez

7.- Isabel Risco

8.- Fillas de Cassandra

9.- Laura Romero

 

Encontro con Laura Suárez, ilustradora

O 30 de xaneiro celébrase unha das datas do Calendario do Libro e da Lectura, concretamente o Día da Ilustración. E coincidindo coa data, tivemos a sorte de contar no centro coa visita da ilustradora Laura Suárez. 

Durante as dúas sesións da tarde, Laura Suárez compartiu connosco as súas experiencias, os coñecementos sobre o Monte Pindo, as lendas... así como tamén nos explicou o proceso de creación de Monte Pindo. Lendas e mitos do olimpo celta, libro do que é autora e ilustradora. 

Explicounos como traballa, como debuxa e vímola debuxar en directo mentres nos contaba cousas relacionadas coas mesturas técnicas, coas  ferramentas para crear as súas obras. Aprendemos moito e dun xeito lúdico.

Laura Suárez tamén é unha das autoras ás que lle dedicamos un cartel da nosa campaña Elas fano en galego. Podedes velo aquí. 

Lecturas para a primavera

É maio e vén cuberto de flores e libros!!

Fixemos unha selección de títulos dispoñibles na biblioteca e con eles elaboramos este tríptico. Aproveitade estas tardes longas de sol e luz e lede! Case sempre paga a pena!!!

Lecturas para o nadal

Chega o nadal e con el uns días libres para poder dedicarse a descansar e a relaxarse, pero tamén para ler ou escoitar música.

Deixámosvos aquí algunhas recomendacións de materiais e, se pasades pola biblioteca, podedes levar moitos outros. Boas vacacións e felices lecturas!

Memoria do curso

Memoria descritiva e gráfica do curso 2022-23

Memoria detallada das actividades realizadas e selección de imaxes

Música e lingua con Zënzar

O venres 12 de maio teremos no Lamas de Castelo o espectáculo Música e lingua con Zënzar grazas á oferta cultural da Deputación da Coruña e o Concello de Carnota. 

A actividade vai dirixida a todo o alumnado e o profesorado e persoal non docente do centro que queira asistir. Farémolo no vestíbulo desde as 12:30 ás 14:10. Será unha actividade lúdica para normalizar a nosa lingua tamén no eido musical. 

Tedes aquí unha pequena presentación do espectáculo e das persoas que nel participan. Ídevos preparando para cantar!!!

Regueifamos para o Correlingua 2023

Este ano sumámonos ao Correlingua participando co alumnado de 3º ESO na regueifa colectiva.

A actividade consistiu en compoñer tres coplas de regueifa para empatar coas que nos mandaron doutro instituto, neste caso co IES Basanta Silva de Vilalba. Nós creámolas e enviámolas á organización. Agora, ao escoitarmos o REGUEIFANDO! 2023, vemos que a cadea a continuaron no CPI Antonio Couto Orza de Boqueixón. Foi un gusto participar nesta regueifa encadeada. Longa vida á nosa lingua e á regueifa!!!

Se vos gustou, ide practicando e para o ano repetimos!!!! E xa sabedes, Na casa, na escola, bota a lingua fóra!!!

 

Taboleiro do EDLG

O Taboleiro do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística é un dos nosos medios de comunicación para divulgar noticias de interese e de exposición de actividades realizados no centro.