slideshow 1 slideshow 2 slideshow 3

INFORMACIÓN BACHARELATO

INFORMACIÓN FP

       

HORARIOS MODULAR

CONVOCATORIA SERGAS

 

 

                 

 

Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Uvigo con 1º ESO: Obradoiro de recoñecemento de minerais

Con obxecto de dar a coñecer o apaixonante mundo dos minerais, a Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e dentro das súas actividades de divulgación científica, ofreceu ou pasado venres 24 de novembro  no noso instituto Lamas de Abade e para os nosos alumnos de 1º de ESO, tres obradoiros interactivos de identificación de minerais.

Trátase duns obradoiros teórico-prácticos, de dúas horas de duración, onde os asistentes aprenden a identificar os minerais máis comúns da natureza a partir das súas propiedades físicas: dureza, raia, cor, hábito, etc, así como a súa clasificación, usos, ambientes de formación e onde se poden atopar no campo.

Un dos seus obxectivos é espertar a curiosidade e implicar á cidadanía mediante actividades de difusión e divulgación baseadas en contidos documentados por profesores de EME cunha linguaxe rigorosa pero accesible.

Para facer accesible o coñecemento científico á sociedade en xeral e ao alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional en particular, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ofrece un conxunto de actividades con contidos relacionados coa enerxía, os materiais e o medio ambiente, temáticas todas elas directamente relacionadas coas titulacións que se imparten no centro: O Grao en Enxeñaría de Minas e Recursos Enerxéticos e o Grao en Enxeñaría da Enerxía.

Os profesores da Universidade de Vigo, en grupos pequenos, souberon adaptarse perfectamente ós coñecementos dos nosos pequenos de 1º de ESO, pero hai que dicir, que o noso alumnado tamén soubo estar á altura.

Desfrutaron de una mañá de minixeólogos con entusiasmo e  recibiron , como non, tamén os seus  agasallos.

Contaremos acaso con un grupo de posibles enxeñeiros na nosa canteira?

 

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Isabel Zendal, Xosé Rodríguez, Ángeles Alvariño, Ángel María Carracedo ou Marisol Soengas son só uns dos poucos nomes que destacaron e destacan polo seu labor no eido científico.

Con motivo do mes da ciencia en galego nas bibliotecas, o alumnado de 1º de ESO do noso IES, elaborou unha pequena mostra de biografías de científicos e científicas que destacan pola súa relevancia, orixinalidade ou representatividade na historia da ciencia en Galicia.

Na lista atopámonos médicos, aventureiros, enxeñeiros, navegantes, biólogos, químicos ou naturalistas. Todos eles e elas considerados científicos e científicas no seu campo e grandes divulgadores da ciencia en distintos períodos da historia.

Son moitos máis os nomes da ciencia en galego e animámosvos a investigar sobre as persoas que, cada día, traballaron e traballan na procura de avances fundamentais para a sociedade.

Nas seguintes ligazóns, podedes consultar o “álbum da ciencia en galego” do Consello da Cultura Galega que recolle hoxe en día 284 biografías de investigadores e investigadoras, dispoñibles na rede e para descargar en formato pdf (“álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas”).

http://culturagalega.gal/albumdaciencia/

http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4328

O IES LAMAS DE ABADE CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O IES LAMAS DE ABADE CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Talleres de soporte vital básico

O mércores, 15 de novembro, de man da campaña de HM HOSPITALES: “LOS MINUTOS DE LA VIDA”, achegáronse profesionais do Hospital HM para formar a máis de corenta rapaces do curso de 3º da ESO do IES LAMAS DE ABADE, unha iniciativa que quere chegar ao maior número de rapaces e rapazas de Santiago para coñecer as medidas a tomar de maneira urxente ante una parada cardiorrespiratoria ou un atragantamento. Durante dúas sesións lectivas, combinando a teoría e a posta en práctica da mesma, os rapaces e rapazas puideron coñecer estas actuacións básicas en situacións de emerxencia sanitaria. É de vital importancia coñecer este tipo de maniobras que poden chegar a salvar vidas.

 Da man de expertos na materia, o alumnado puido poñer en práctica a valoración inicial de pacientes, a posición lateral de seguridade, as maniobras en caso de atragantamento e a reanimación cardiopulmonar (RCP).

Dende o centro, agradecemos ao equipo de HM hospitales e aos profesionais que impartiron o curso o seu labor e colaboración na formación das novas xeracións.

MAGOSTO 2023

A Comunidade Educativa do IES Lamas de Abade, xunto co alumnado e persoal de apoio de ASPANAES, como convidados de honra

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Castañas fóra!!!

Compartimos castañas asadas, caloriño e arrecendo delicioso, receitas de vida saúdable, visitas guiadas aos castiñeiros do IES Lamas de Abade, obradoiros de maquillaxe e perrucaría, tendais de poemas, refráns, ditos populares e debuxos de castañas. Compartimos tamén xogos tradicionais, música e baile. Elaboramos un mural do “Castiñeiro de Castel”, degustamos doces de tempada…

 

E… sobre todo, compartimos receitas de relación entre nós, momentos de lecer, convivencia e festa.

 

 

 

 

XORNADA DE EXPOSICIÓNS 2º CM FARMACIA E PARAFARMACIA A

Xornada de exposicións, con bingo, kahoot, 

pirámides interactivas.

                                           

 

 

VISITA DOS ALUMNOS BACHAREUS DE BIOLOXÍA Ó CIMUS (Center for Research in Molecular Medicine and Chronic Diseases)

A misión do CiMUS é realizar investigacións básicas de calidade contrastada, co obxectivo de lograr avances na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas. Os investigadores do CiMUS son recoñecidos no ámbito internacional no campo da investigación en Biomedicina. María José Alonso e Miguel López, figuran entre os científicos máis citados do mundo recollidos na clasificación Stanford de investigadores.

María José Alonso é a coordinadora do grupo CiMUS, Nanomedicina e Administración de Fármacos. A súa investigación científica implica o uso de nanotecnoloxías para deseñar nanomedicinas innovadoras. Desenvolve novos materiais nanoestructurados destinados a transportar fármacos e antíxenos a través de barreiras biolóxicas e entregalos ao tecido diana. Están especializados na asociación de moléculas delicadas, incluídos péptidos, ARNip e antíxenos, a estes nanoportadores.

Pola súa banda Miguel López é o coordinador do grupo CiMUS, NeurObesity, centrado no campo da obesidade, en particular na regulación hipotalámica do equilibrio enerxético. A principal experiencia do grupo son os neuropéptidos hipotalámicos (especialmente as orexinas), o metabolismo dos lípidos hipotalámicos/AMPK e o estrés do RE.

Comprometidos co labor de divulgación á sociedade da actividade científica desenvolvida no CiMUS e coa finalidade de espertar vocacións científicas entre o alumnado, o programa de visitas escolares está dirixido a estudantes de ESO, bacharelato, instituto de Stembach, FP e universidades. Os alumnos de bacharelato do IES Lamas de Abade foron os primeiros en coñecer a nova tecnoloxía adquirida para o centro, despois da súa presentación oficial para os medios de comunicación. Trátase dunha innovadora tecnoloxía para o manexo de grandes volumes de mostras citolóxicas simultaneamente que contribuirá á obtención de prontos resultados nas investigacións que se levan a cabo.

Actualización listado libros de texto 2023/2024

Actualízase o listado de libros de texto engadindo libros que estaban pendentes de confirmar.

LIBROS DE TEXTO ESO e BACH CURSO 2023/2024

Acto de clausura do proxecto MICROMUNDO na USC para os alumnos de Bioloxía 1º Bach do IES Lamas de Abade

Salón Nobre de Fonseca, 20 de xuño de 2023.

Os alumnos de 1º de Bacharelato do noso Instituto xunto coa súa Profesora Marina Raíces Madriñán, veñen de recoller na aula nobre do pazo de Fonseca, os seus diplomas de participación no proxecto solidario de Micromundo. Ese aula na que se xestou o Primeiro Estatuto de Galicia, onde se entregan os premios “Doctor honoris causa”, onde cada ano se inaugura de forma oficial o curso da compostelana USC, foi o escenario do solemne acto de clausura do traballo levado a cabo este ano por centros de Santiago de Compostela, e, entre eles o IES LAMAS DE ABADE así como os institutos  Rosalía de Castro e Xelmírez II.

MicroMundo (www.ucm.es/small-world-initiative) é a adaptación de Service-Learning (ApS) da estratexia de crowdsourcing e ciencia cidadá internacional Tiny Earth (www.tinyearthnet.org). O seu obxectivo esencial de servizo é achegar á sociedade a cultura científica, a perspectiva One Health e a investigación biomédica, incidindo en que os mozos estudantes fomenten a súa vocación pola formación en Graos STEM e pola investigación. A pandemia do COVID-19 e as súas consecuencias puxeron de manifesto a urxencia de achegar á sociedade a cultura científica no ámbito da Biomedicina e da Saúde Pública e implicar ao noso alumnado nesta tarefa.

A nosa participación consistiu na procura de cepas bacterianas nos nosos solos, susceptibles de producir antibióticos contra os que as principais bacterias responsables das máis rebeldes infeccións resistentes ós antibióticos convencionais, que  podan ser utilizadas no futuro para combater as tan temidas infeccións hospitalarias. Na conferencia de clausura se fixo moito fincapé na divulgación deste grave problema para a humanidade en xeral nos próximos anos, e na conveniencia de reducir o abuso destes medicamentos tanto a nivel humano como veterinario.

Os nosos alumnos expresaron ante a audiencia a súa gratitude para cos responsables do proxecto destacando a idoneidade de acercar ó alumnado de Bacharelato  un proxecto de investigación científica real de carácter universitario. É moi posible que esteamos en proceso de xestar novos científicos  que xa se inclinan pola Biotecnoloxía, a Microbioloxía e a Sanidade Ambiental en xeral. Ademais  de consolidar  con éxito unha comunidade  MicroWorld na que os estudantes poden compartir as súas experiencias na difusión do problema da resistencia e na promoción da investigación para o descubrimento de novos antimicrobianos.

V CERTAME DE VÍDEOS “AS VALEDORAS DO PLANETA”

Grande foi a competencia dos vídeos presentados a concurso este ano dedicados a “FAMILIAS CON CLASE”  en 2º de ESO.

Ven celebrándose este  certame desde que no IES Lamas de Abade comezou a impartir a materia de CLIMÁNTICA co obxecto de divulgar a nosa preocupación de conseguir frear as consecuencias deste, instalado xa, cambio climático. Sabemos que non o vamos deter, pero somos persoas esperanzadas porque tamén sabemos que nas nosas mans está facer pequenos xestos que, sumados aos das demais persoas, poden conseguir grandes cambios.

Este curso dedicouse á promoción do que as familias poden aprender do que tratamos en clase. Os alumnos galardoados cos tres primeiros premios levaron uns bonitos premios que lles animará a seguir sendo divulgadores de verdade.

É necesario resaltar que os demais non quedaron á zaga. Houbo moi bos vídeos merecedores de outros tantos galardóns. Foi necesario votar por un desempate para outorgar o primeiro posto. E, simplemente, uns teñen que quedar clasificados antes e outros despois.

 

PARABÉNS A TODOS!!! Fixéchedes un estupendo traballo. Sodes uns cracks!!!

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer