Volve o club de lectura Xerfas!!!
O noso Club de lectura Xerfas, que, como case todo nas nosas vidas, sufriu as consecuencias dos duros protocolos impostos para atallar a Covid 19, tivo que ser suspendido o curso pasado.
Este curso pretendemos activalo de novo e con este fin queremos informar a toda a comunidade educativa dos obxectivos do club e do seu funcionamento, e como non, aproveitamos tamén a ocasión para pedirvos a vosa colaboración, para que o proxecto sexa todo un éxito.
O Club ten como principal obxectivo fomentar a lectura entre o alumnado e mellorar a competencia lectora. Trátase dunha actividade extraescolar, gratuíta, voluntaria e non avaliable. É un espazo para gozar da literatura e para compartir historias, pero tamén para falar e socializar, para debater e para reflexionar e para contar cun punto de encontro entre os membros da comunidade educativa que formamos. As sesións terán lugar na Biblioteca do instituto durante a hora da comida un luns ao mes, aproveitando que ese é o día no que hai clase pola tarde. Comeremos xuntos no IES (a comida tráese da casa) e logo terá lugar a sesión (1 hora aproximada de duración).A nosa intención é facer dous grupos segundo a idade, un grupo para alumnado de 11 a 14 anos e outro de 15 en adiante.
Haberá, ademais, un Club de Manga coordinado por un alumno de bacharelato que forma parte tamén do Club Xerfas e cuxas reunións terán lugar nos recreos durante o horario escolar. O único requisito que se pide no club é comprometerse a ler un libro por avaliación, sobre o que logo comentaremos diferentes aspectos e realizaremos actividades lúdicas nas reunións.
Como vos dicía antes, gustaríanos que colaborásedes no club na medida en que queirades e poidades, ben achegando propostas de lecturas, actividades, xogos, material audiovisual…, ou ben participando e acompañándonos nunha ou varias sesións do club. Estamos tamén valorando a posibilidade de abrir un grupo de adultos orientado a nais, pais e docentes para compartir lecturas e conversas que recollan propostas, experiencias e inquedanzas que afonden na mellora da convivencia da propia comunidade educativa a través de estratexias para fomentar a intelixencia emocional, os vínculos afectivos ou o achegamento aos adolescentes.
En fin, unha morea de ideas e sobre todo de ganas que vos queremos transmitir para intentar levalas a bo termo. Esperamos que proxecto sexa do voso agrado e que podamos contar coa vosa colaboración.
Irene Mera
Sonia Pereiro