Visita da escritora Andrea Maceiras. Andrea e as Nubes ( 2ª parte)

 

 

  Aínda que chea de nervios, aceptei o reto de presentar a escritora Andrea Maceiras diante dos meus compañeiros de curso no día da súa visita ao noso instituto. Cando chegou o momento, non era quen de tranquilizarme, pois sempre me deu vergoña falar en público, e máis aínda diante de alguén que sei que confía en que o faga ben. Mais todas as miñas dúbidas quedaron atrás cando me presentaron a Andrea. Pareceume unha rapaza moi agradable e iso deume ánimos.

   Unha vez feita a miña parte, axudeina a fedellar un pouco no ordenador, e a medida que ía falando, todos iamos caendo nas mans da súa voz. Falábanos de tal maneira que nos deixaba enfeitizados. Metíanos na súa historia. E iso demostra o boa narradora que é.

   Foi toda unha experiencia estar ao seu carón ese tempo e, ademais, tamén conseguín que me asinase o meu exemplar de Nubes de evolución. Cada paso que damos nas nosas vidas, por pequeno que sexa, prepáranos para o futuro. Desta vez quédome coa sensación de satisfacción que sentín cando lle botei unha ollada a Andrea unha vez rematei de falar e vin que estaba sorrindo.

Mar Nieves Fernández (4ºA)