O alumnado de 3º e 4º de ESO ven de realizar unha actividade de reflexión e posta en valor das mulleres deportistas de elite, na clase de educación física, dentro do programa "Donas de si".
A historia da muller no deporte de elite é unha loita de séculos de prexuízos que aínda se fan notar na sociedade actual…
Cada vez máis se normaliza a participación da muller en calquera das especialidades deportivas e en competicións de elite e profesionais. Pero aínda queda moito camiño por percorrer para que o deporte femenino se equipare ao masculino.
A presenza do deporte de elite femenino na sociedade é escasa, e o impacto dos seus logros nos medios de comunicación é menor, o que se reflicte en menos popularidade, menores soldos, menores ingresos por publicidade, patrocinio, premios…
Salientar a actividade de deportistas como Verónica Boquete (Fútbol), Sandra Sánchez (Kárate) ou Carolina Marín (Bádminon) entre outras, é reivindicar unha sociedade máis xusta!