O IES Fonmiñá fai 20 anos!. Foron moitas as persoas que pasaron polo noso centro, moitos actos realizados, excursións... Por iso, queremos renderlle a homenaxe que se merece!.
Ide reservando o 29 de xuño nas vosas axendas: faremos unha celebración con moitas sorpresas!
O 24 de maio, o alumnado de Física e Química de 4° e parte do de 3° atopábase en Santiago de Compostela, concretamente na Facultade de Química da USC. Esta facultade, no marco da celebración do 150 aniversario do descubrimento da Táboa dos Elementos Químicos por Dmitry Mendeleev, organizou o concurso "A Táboa Periódica e Galicia" para resaltar a importancia dos elementos químicos na vida diaria.
O noso alumnado participou neste concurso co seu cartel "O carbono nas nosas vidas", un estupendo traballo supervisado por Iván, o seu profesor de Física e Química.
Parabéns ao noso alumnado e a Iván polo súa dedicación e entrega!
O alumnado de 2° ESO e parte do de 3° ESO desprazouse o 24 de maio ata A Coruña para asistir ao "I encontro de O Globo, observatorio para educar na cidadanía global".
Alí, participaron en obradoiros de reflexión sobre as desigualdades e artivismo (arte+activismo), e nunha sesión de cabaret reivindicativo. Ademais, mostraron os seus traballos realizados durante o curso e coñeceron os elaborados por outros centros.
O pasado día 8 de maio visitou o centro Xurxo Mariño, biólogo e experto en Neurofisioloxía, para presentarnos o seu libro TERRA: CIENCIAS, AVENTURAS E SORPRESAS DUNHA VIAXE ARREDOR DO MUNDO.
Con fotografías de fondo que el mesmo tomou, foinos relatando a súa volta ao mundo de 11 meses, mesturando anécdotas da viaxe e descripcións da ciencia que hai detrás dos espectáculos da natureza.
Quedámonos cunha gran reflexión que nos suxeriu Xurxo Mariño: "a viaxe comeza nunha/nun mesma/o"
Do 24 ao 27 de abril, parte do noso alumnado de 3°ESO, xunto con alumnado do IES Enrique Muruais, da Pontenova, visitaron Madrid en compañía das profesoras Socorro e Elena.
O 24 de abril celebrouse o día internacional das rapazas nas TIC. No CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) contaron con catro rapazas galegas que investigan, traballan e emprenden coas TIC para contar a súa experiencia. Grazas á emisión en streaming do coloquio, puidemos coñecer as vivenzas destas rapazas no mundo das TIC.
O 23 de abril contamos coa presenza de persoal do Centro de Información e Asesoramento para a Mocidade Quérote +, que desenvolveu un obradoiro de educación afectivo-sexual. Deste xeito, o alumnado puido resolver dúbidas sobre as relacións sexuais e reflexionou sobre a importancia de manter relacións afectivas responsables, asertivas e respectuosas coas diferenzas.
O alumnado de 2°ESO presentou o día 12 de abril as elaboracións das súas receitas francesas. Ademais, tamén houbo concursos de "faire sauter les crêpes" e montar as claras a punto de neve para todo o alumnado.
Une journée vraiment amusante!
Do 8 ao 12 de Abril o alumnado de cuarto curso de ESO, acompañados das profesoras Cristina e Almudena, fixeron unha excursión cultural a cidade de Roma, visitando os lugares e monumentos máis senlleiros da capital de Italia.
O alumnado de 2° e 3° ESO desprazouse o luns día 1 de abril ata a capital galega. Alí, viron unhas curtas que tiñan como obxectivo darlle visibilidade á muller no mundo audiovisual; logo, conversaron coa directora dunha das curtametraxes, Olga Osorio; por último, viron unha exposición sobre "Deseño galego": en logotipos, mobiliario, vestimenta... Tamén lles deu tempo a pasear polas rúas de Santiago.