Skip to Content

Instrucións da Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa para o terceiro trimestre do curso 2019/20

 

Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Resumo

 

Calendario escolar 

 Durante o terceiro trimestre os centros docentes continuarán coa atención educativa ao alumnado, desenvolvendo actividades que lle permita manterse incorporado á aprendizaxe continua e suscitar o seu interese por aprender.

 

As actividades lectivas que se desenvolven durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020, sempre condicionadas polo que dispoñan as autoridades sanitarias, non se estenderán máis alá das datas establecidas na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020, é dicir o 19 de xuño é o último día de clase.

 

Adaptación da actividade

As actividades lectivas que se desenvolvan durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020 deberán combinar de maneira integrada as actividades a distancia e as presenciais que puidesen levarse a cabo, segundo evolucione a situación sanitaria. A tal efecto, os centros educativos prestarán especial atención a identificar o alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo que lles axuden a reincorporarse á actividade educativa tan pronto como sexa posible. Farán un especial esforzo para identificar o alumnado que carece de medios de conexión dixital e arbitrarán as medidas necesarias e facilitarán o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado. Intensificarán a posta a disposición do alumnado dos recursos tecnolóxicos e doutro tipo que necesiten para o desenvolvemento das súas actividades, e desenvolverán formación e ferramentas adecuadas para permitir que o alumnado obteña o maior proveito da metodoloxía non presencial.

 

Titoría e Orientación 

Coa finalidade de axudar ao alumnado a organizar as súas actividades escolares, autorregular a súa aprendizaxe e manter un bo estado emocional, os centros educativos adaptarán o modelo de titorías á nova situación e organizarán accións de orientación académica e profesional cos medios dispoñibles, especialmente para o alumnado de 4º de ESO.

 

Os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren una adecuada atención e avaliación deste alumnado.

 

Currículo 

Os centros e o profesorado revisarán os currículos e as programacións didácticas para centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas aprendizaxes e competencias imprescindibles que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área ou materia, flexibilizando os seus plans de traballo e coidando de non penalizar ou afectar ao benestar do seu alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas. Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. Na medida do posible deseñaranse actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas, promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes das distintas áreas e materias nas etapas, ciclos ou ensinanzas en que sexa posible.

 

 A ampliación das aprendizaxes tomará como referentes aqueles obxectivos e competencias clave máis necesarios para a adecuada progresión do alumnado e que para a súa asimilación requiran a mínima intervención docente.

 

Para o alumnado que non adquirise as aprendizaxes e competencias imprescindibles nos dous primeiros trimestres do curso, proporánselle actividades que lles axuden a adquirilas e superar a materia, co obxectivo de que os alumnos e alumnas poidan continuar o seu itinerario formativo.

 

 Os currículos, programacións e actividades que se desenvolvan durante o terceiro trimestre nos cursos que conducen a unha titulación final de etapa terán especialmente en conta esta circunstancia e flexibilizaranse e adaptaranse para axudar en todo o posible a que o seu alumnado poida alcanzala.

 

Programacións didácticas

As adaptacións das programacións didácticas estarán dispoñibles para a súa consulta a partir do día 12 de maio de 2020.

 

Identificaranse as aprendizaxes (estándares de aprendizaxe) e competencias imprescindibles que debería desenvolver o alumnado para cada materia ou ámbito, que servirán de referente para o deseño das actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación que se desenvolvan durante o terceiro trimestre.

 

 Avaliación e cualificación do alumnado

 A avaliación e cualificación adaptarase, tendo en consideración que se realizará sobre as aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso, así como sobre as actividades de reforzo, recuperación ou ampliación de aprendizaxes realizadas dende a declaración do estado de alarma polo Real Decreto 463/2020, sempre e cando beneficie ao alumnado.

 

Para a concreción dos criterios de avaliación e cualificación teranse en conta as aprendizaxes e competencias imprescindibles anteriormente identificados.

 

Establecerase o procedemento para o cálculo da cualificación final que se consignará na avaliación ordinaria.

 

 Actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes

 Prestarase especial atención á avaliación do alumnado con materias pendentes. No caso do alumnado do que non se dispoña de información obxectiva para unha avaliación de materias pendentes ou con avaliación negativa, poderá ser convocado a unha proba telemática, se a situación sanitaria non permite a realización de probas presenciais. Esta proba poderá ser substituída pola realización de traballos ou actividades que permitan unha avaliación obxectiva.

 

Deberanse detallar os criterios de avaliación e cualificación e establecer as datas e os procedementos para a avaliación das materias pendentes. Ditas datas serán establecidas por cada xefe de departamento na adaptación da programación didáctica, pero en calquera caso serán establecidas antes da terceira semana de xuño de 2020.

 

Avaliación, promoción e titulación

 Os centros e o profesorado adaptarán o sistema de avaliación do alumnado, co obxectivo prioritario de que os alumnos e as alumnas non perdan o curso e poidan continuar avanzando na súa formación, tendo en conta de maneira especial a situación dos estudantes máis vulnerables.

 

 A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico para valorar os avances realizados e os atrasos que se puidesen producir. En todo caso, a avaliación das actividades realizadas na fase non presencial só poderá ter valor positivo para a cualificación do alumnado. A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019-2020 considerará en conxunto as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas.

 

Realizarase sobre as aprendizaxes desenvolvidas nos dous primeiros trimestres así como as actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que se desenvolvan durante o terceiro trimestre sempre e cando se beneficie ao alumnado.

 

 Os centros educativos e o profesorado emitirán un informe individual valorativo do traballo realizado polo alumnado no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes. Dito informe será tido en conta de cara a programación do curso 2020-2021.

A promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas, considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional, que non poderá estar baseada unicamente no número de materias non superadas, e deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación para cada alumno ou alumna.

 

A titulación do alumnado non poderá verse prexudicada polo cambio na metodoloxía na aprendizaxe non presencial.

 

 

Criterios de permanencia 

Autorízase, de xeito xeral, a ampliación nun ano do límite de permanencia nestas ensinanzas daquel alumnado que se vise afectado polas circunstancias deste curso escolar.

 



blog | by Dr. Radut