|
||||||
|
Masterclass Virtual de Física de Partículas
Participación na Masterclass virtual de Física de Partículas.
Setenta estudantes do último curso de bacharelato de 28 centros de Galicia participaron o 11 de marzo de 2021 na Masterclass virtual “Física de Partículas coas mans” organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi), e promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG). Cabe destacar que a participación feminina foi dun 47%.
En representación do IES Ferro Couselo participaron Rebeca Baliña Rodríguez e Sara González Vázquez. Debido á situación sanitaria, esta edición levouse a cabo dende o centro educativo.
Tras a benvida do director do IGFAE, Carlos Salgado, a clase maxistral consistiu nunha introdución á Física de Partículas por parte do director executivo asociado e investigador do IGFAE, Néstor Armesto, e nunha charla sobre detectores de partículas a cargo do investigador predoutoral Marcos Romero. A continuación tivo lugar unha sesión práctica por ordenador na que se identificaron eventos ‒colisións de partículas subatómicas‒ empregando datos reais do experimento CMS do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN.
Pola tarde, os estudantes puxeron en común os resultados do exercicio práctico e conectáronse por videoconferencia co CERN para discutilos con outros centros europeos que organizan simultaneamente unha xornada idéntica.
Imaxe: Selección de participantes e membros da organización durante a benvida á masterclass. Crédito: IGFAE