Un camiño de Santiago cheo de vida

O mércores 26 de outubro, como actividade do proxecto Camiño de Santiago cheo de vida: cultura, natureza e ecoloxía, visitamos a estación meteorolóxica do IES Chamoso Lamas do Carballiño, fixemos unha pequena ruta camiñando e rematamos o chuvioso día no Mosteiro de Oseira.

No Carballiño, o encargado de mergullarnos no mundo da predicción meteorolóxica foi Miguel García. A estación que el puxo en marcha nos anos 80, e da que se encarga a diario dende entón, pertence á rede da Axencia Estatal de Meteroloxía (AEMET). Explicounos como funcionan diversos aparellos de medición coma un pluviómetro, un heliógrafo ou un anemómetro. Houbo tempo tamén para a interpretación de datos, para diferenciar entre medicións e prediccións e para navegar pola páxina da AEMET en busca do que nos esperaba nas próximas horas: chuvia intensa.
 
A pesares da predicción meteorolóxica de Miguel, aventurámonos a facer a pé un anaco do Camiño de Santiago dende o instituto ata a área recreativa próxima ao Mosteiro de Oseira. A primeira hora da tarde realizamos unha interesante visita guiada por diversas zonas do mesmo como a igrexa, a escaleira de honra, o museo de pedra, a antiga sala capitular ou biblioteca.

Unha actividade nun chuvioso día de outono que resultou ser moi enriquecedora.