Teléfono 881930387 Código do centro: 15027216 ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
Os romanos en Galicia
Dona Ana Suárez, profesora da USC, veunos falar da presenza dos romanos en Galicia e a súa influenza posterior na nosa cultura. Galicia posúe un pasado moi rico no que atravesa diferentes fases culturais. Unha das máis significativas é a romana, pese a que, ás veces, pasa desapercibida ante a transcendencia quese lle dá a outras fases da Antigüidade, como a cultura castrexa ou o mundo dos megálitos. E non deixa de ser sorprendente este feito porque Galicia posué dous monumentos únicos no mundo no ámbito da romanidade: a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Non obstante, nos últimos anos producíronse descubrimentos relevantes na cultura romana en Galicia que poñen de relevo como a romanización no territorio foi intensa e similar á experimentada por outras áreas peninsulares. Destacan os achados realizados en Lucus Augusti, as numerosas villas tanto do interior como da costa, as instalacións de salgado de peixe ou o camplamento de Aquae Quarquennae (Bande).
Todas estas novidades permítennos coñecer mellor e valorar esta fase da nosa historia a partir, sobre todo, de pequenos materiais arqueolóxicos que nos permiten reconstruír a vida cotiá destas comunidades da Galicia galaico-romana.
Unha das nosas profesoras fixo uns apuntamentos da charla que resultou moi instructiva, antesala do obradoiro de cultura clásica ao que os nosos alumnos asistirán o vindeiro 3 de maio:
"Trouxeron cubertas de tella, letrinas, cloacas. Foron os romanos quen ideou iso das chaves para pechar as portas, - entre os castrexos quen ía pechar as portas?. Depilaban o corpo e facían xoias para o común da xente: xoias de prata ou bronce. Mesmo xoias ben pequeñas, os aneis?: cousa de romanos.
Salgaban o peixe escrituraban as lápidas…E todo isto polo miúdo. De querer falar ao grande aí tedes a Muralla de Lugo, as Burgas en Ourense, o campamento romano de Bande ou mesmo o único faro en activo daqueles tempos: a Torre de Hércules.
En fin, que seica somos algo roman@s."