Skip to Content

Magosto 2017

Asando as castañas

O 15 de novembro fixemos un magosto no Fernando Blanco, houbo castañas asadas, chocolate, música, xogos,... Os encargados de asar as castañas foron alumnos dos ciclos de Mantemento e de Electricidade. Hai que recordar que o asador de castañas foi fabricado polos alumnos do ciclo de Mantemento.

 

Samaín 2017

Este curso celebramos novamente a festa do Samaín.

O martes 31 de outubro representáronse na biblioteca lecturas adaptadas acompañadas de son e imaxe.

Colaboradores/participantes:

Equipo e Grupo de traballo da biblioteca, Dirección do centro, D.O. e ENDL: con axudas económicas para as compras, aportando ideas, decorando a biblioteca, preparando vestimentas e maquillaxes, seleccionando, inventando, traducindo e adaptando as lecturas aos espectadores, como técnicos de música e son, axudando aos lectores na preparación da posta en escena,…

Alumnado: creando e aportando vestimentas e adornos, colaborando no atrezzo, participando directamente como contacontos e dramaturgos nas súas representacións. De novo salientar este ano o número e a heteroxeneidade do alumnado participante.

O profesor de Plástica: participando na decoración, maquillaxe de actores e actrices e na documentación fotográfica.

Destacar que esta actividade implica o compromiso de moita xente (profesorado, alumnado, bedeis, familias) e un traballo de día a día; que comeza un mes antes preparando o decorado, os textos e ensaiando as súas representacións.

Cerimonia de entrega das Becas-Premio da Fundación Fernando Blanco de Lema

Fermosa e emotiva mañá de venres a desenvolvida no salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega dos VI Premios Académicos “Fernando Blanco” correspondentes ao curso 2016-2017, os cales están organizados conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema (patrocinada por FerroAtlántica e polo Concello de Cee) e o IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración da Deputación da Coruña e de varias firmas comerciais (Estación de Servizo Bazarra, Abanca, Grupo Santitel, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L., Compucee, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport, Cabo Sport, Seguros Costa da Morte e Parques e Xardíns Manuel García).

Con estes Premios Académicos, tanto a Fundación como o Instituto ceense, tratan, por un lado de recoñecer o esforzo, traballo, dedicación e aptitudes dos alumnos e alumnas, así como, ao mesmo tempo, recuperar una tradición histórica da Fundación Fernando Blanco, posto que no Capítulo XV do Regulamento do Colexio-Instituto, publicado en 1886, establecíase que en cada materia impartida no centro, outorgaríase un premio extraordinario, un premio ordinario e unha mención honorífica por cada 20 alumnos/as. Ademais, sinalábase nese mesmo Capítulo, que para poder optar a eles, era condición indispensable que os alumnos/as que o solicitasen obtivesen a cualificación de sobresaliente nos exames ordinarios. Para iso, constituíase un tribunal composto de tres profesores que eran os encargados de decidir que alumnos/as eran merecedores das recompensas académicas.

Os Premios Académicos “Fernando Blanco” están destinadas a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no centenario instituto ceense.

De feito, era requisito imprescindible para optar a devanditos Premios, ter tódalas materias  aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5, así como matricularse no curso seguinte no IES Fernando Blanco de Cee.

Cada un dos Premios está valorado en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores).

Os premiados nesta sexta edición dos Premios Académicos “Fernando Blanco” foron:

- ANA BLANCO LAGO (3º ESO)

- CARMEN RAMÓN FERNÁNDEZ (1º BACHARELATO)

- ELISA LEMA GÓMEZ (1º BACHARELATO)

- LUCAS TRILLO MARCOTE (1º CICLO MEDIO – ELECTROMECÁNICA DE VEHÍCULOS)

- MARÍA PILAR MOUZO DOMÍNGUEZ (1º CICLO SUPERIOR - ADMINISTRACIÓN E FINANZAS)

 PARABÉNS !!!

As premiadas e premiado no centro, rodeados de patrocinadores, docentes e membros da Fundación

Almorzo saudable

Entre as actividades realizadas o último día do curso, houbo un almorzo saudable. 

Almorzando nos xardínsAlmorzando nos xardínsAlmorzando nos xardíns

Gran final da VI Olimpíada Cultural O Saber ten Premio no Fernando Blanco

O equipo Nunca choveu que non escamparaO equipo Os aforzunadosO equipo A.P.N.O.R.

O venres 19 de maio celebrouse no IES Fernando Blanco a Gran Final da VI Olimpíada Cultural O Saber Ten Premio. Na que participaron os tres equipos finalistas: A.P.N.O.R., Nunca choveu que non escampara e Os aforzunados.

Esta final constou de dúas partes:

A primeira parte, na que os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre 976 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático elaborado por Martín Pardiñas Fondo. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos A.P.N.O.R. e  Nunca choveu que non escampara empatados a 14.

A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “É a adolescencia a mellor época da vida?”, na que os dous equipos defenderon posturas opostas. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro.

Despois destas dúas partes resultou gañador do 1º premio, dotado con 600 €, desta VI Olimpíada Cultural o equipo Nunca choveu que non escampara, composto por: Elisa Lema Gómez, Andrea Rodríguez Trillo, Daniel González Silva, Abraham Domínguez Vázquez e Rocío Caamaño Prieto.

En 2º lugar, cun premio de 400 €, quedou o equipo A.P.N.O.R., composto por: Alejandra Verdía Couto, Miguel Castro Conde, Yeray Ruíz Lourido, Nicolás Carballo Senra e Darío Lago Beiro.

O 3º clasificado, galardoado cun premio de 300 €, foi o equipo Os aforzunados, composto por Iván Ferreiro Santos, Adrián Garea Fernández, Iago Lado de Pazos, Jesús Ángel Vilela Domínguez e Martín Rey Trillo.

A gala estivo conducida por María Canosa Blanco, enxeñeira e escritora ceense. Contou cunha nutrida presenza de familiares do alumnado participante que, ademais, puideron asistir a varias actuacións musicais de profesorado do centro e de alumnado

María Canosa, presentadora do acto

Os premios desta Olimpíada Cultural contaron co patrocinio de FERROATLÁNTICA.

Tamén estivo presente a inspectora de educación dona Magdalena Duarte Blanco.

 Nesta sexta edición participaron un total de 9 equipos que pasaron por varias eliminatorias ao longo do curso ata chegar tres equipos a esta Gran Final.

Todos os equipos na entrega de premios

Excursión á Moa

Un pouco de descanso no roteiro

Os departamentos de dinamización lingüística e de educación física do IES Fernando Blanco organizan roteiros todos os anos. Este curso, como algún outro, subiron á Moa co alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º de bacharelato.

Subiron ás 9,00 da mañá para facer unha pequena merenda na Moa. Posteriormente baixaron para rematar na praia do Pindo, onde xantaron e fixeron xogos na praia ata a tardiña.

Merendando na Moa

 

Concerto de blues

Un momento do concerto

O venres 28 de abril houbo un concerto de blues no Salón de Actos do IES Fernando Blanco de Cee a cargo do grupo formado por Javier Turnes, Alejandro Casquero e Darío Lago.

A este concerto asistiu o alumnado e o profesorado do centro que puideron escoitar diferentes temas de blues e rythm and blues clásicos e tamén algunha composición propia. 

Cómpre salientar que tanto Javier Turnes como Alejandro Casquero teñen unha ampla experiencia musical no blues, xa que tocaron con diversas formacións como por exemplo a Bakin’ Blues Band ou co trompetista Boney Fields e forman o dúo Turnes&Casquero. Teñen dous discos publicados: Jumpin’ in a deep blue sea e It’s always party time at home.

Foi un concerto que non deixou indiferente a ninguén e que tivo un gran éxito entre o público, tanto entre os que lles gusta o blues como os que non coñecían este estilo musical. 

Esperamos que poidamos ter o privilexio de volvelos oír no futuro.

Outro momento do concerto de blues

Día da Educación Física na Rúa

O pasado martes 25 de abril celebrouse o Día da Educación Física na Rúa, organizado polo COLEF Galicia (Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física).

Nesta ocasión participaron uns 300 centros e máis de 33.000 alumnos de toda España, en Galicia foron máis de 2.000 alumnos.

No caso de Cee participaron uns 100 alumnos e alumnas na pista de deportes do IES Fernando Blanco houbo unha carreira solidaria, bádminton, floorball, demostracións de RCP,...

 

VI Olimpíada Cultural O Saber ten Premio

Cartel da Gran Final 2017

 

Xa remataron as semifinais da VI Olimpíada Cultural "O Saber Ten Premio". Polo que xa temos os tres equipos clasificados, que participarán na Gran Final do vindeiro venres 19 de maio, son os seguintes:

NUNCA CHOVEU QUE NON ESCAMPARA:

Elisa Lema Gómez (1º bacharelato C)
Andrea Rodríguez Trillo (1º bacharelato A)
Daniel González Silva (1º CS administración e finanzas)
Abraham Domínguez Vázquez (2º CM electromecámica de vehículos automóbiles)
Rocío caamaño Prieto (3º ESO)

A.P.N.O.R.:

Alejandra Verdía Couto (1º bacharelato B)
Miguel Castro Conde (1º bacharelato A)
Yeray Ruíz Lourido (2º CM instalacións eléctricas e automáticas)
Nicolás Carballo Senra (2º CM instalacións eléctricas e automáticas)
Darío Lago Beiro (4º ESO)

OS AFORZUNADOS:

Iván Ferreiro Santos (2º bacharelato B)
Adrián Garea Fernández (1º bacharelato C)
Iago Lado de Pazos (1º CS administración e finanzas)
Jesús Ángel Vilela Domínguez (1º CM xestión administrativa)
Martín Rey Trillo (4º ESO)

O HDTV-Tour de Televes chegou ao Fernando Blanco

O noso alumnado atendendo ás explicacións 1

O camión de HDTV-tour da empresa Televes, dedicada ao  deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos para a distribución de servizos de telecomunicacións na infraestrutura dos edificios e fogares, visitou o IES Fernando Blanco o venres 17 de febreiro.

HDTV-tour é unha iniciativa de Televes para acercar a televisión do futuro aos técnicos, distribuidores e profesionais do sector. Con este fin, a compañía preparou unha unidad móbil dotada de equipos de última xeración para levar o sinal da televisión de alta definición por toda Europa.

O noso alumnado do Ciclo de Grao Medio de Instalacións eléctricas e automáticas visitaron as instalacións e recibiron un curso moi completo con contidos teóricos e prácticos sobre as últimas novidades das instalacións contempladas no Regulamento de Infraestruturas Comúns de Telecomunicacións ICT2.

O noso alumnado atendendo ás explicacións 2

Máis información en HDTV-Tour

Distribuir contido


by Dr. Radut