51. Como se abriu o sendeiro
De Portugal procede esta historia que nos ensina moito respecto a aquelo que escollemos sen pensar: Un día, un becerro tivo que atravesar un bosque virxe para volver ao pasto. Sendo animal irracional, seguiu un camiño tortuoso, cheo de curvas, subindo e baixando outeiros. Ao día seguinte, un can que pasaba por alí usou ese mesmo camiño para atravesar o bosque. Despois foi un carneiro, líder dun rabaño, que, vendo o espacio xa aberto, fixo aos compañeiros seguir por alí. Máis tarde, os homes comezaron a usar ese sendeiro: entraban e saían, xiraban á dereita, á esquerda, descendían, desviábanse de obstáculos, queixándose e maldicindo, con toda razón. Pero non facían nada para crear unha nova alternativa.
Despois de tanto uso, o sendeiro acabou convertido nun amplo camiño onde os pobres animais cansaban baixo pesadas cargas, obrigados a percorrer en tres horas unha distancia que podería ter sido vencida en trinta minutos, se non tiveran seguido a vía aberta polo becerro. Pasaron moitos anos e o camiño converteuse nunha rúa principal dun poboado e, posteriormente, na avenida principal dunha cidade. Todos se queixaban, porque o traxecto era o pior posible.
Mentres tanto, o vello e sabio bosque ríase, ao ver que os seres humanos teñen a tendencia a seguir como cegos o camiño que xa está aberto, sen preguntarse nunca se aquela é a mellor elección.