Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

25 de Novembro. Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

XUSTIFICACIÓN DE MOTIVOS

O EDLG súmase unha ano máis á conmemoración do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Sen ningunha dúbida, esta é unha data clave para concienciar e sensibilizar sobre a necesidade de erradicar todas as formas de violencia que sofren as mulleres no mundo E hogano, a reflexión que queremos facer dende o EDLG está focalizada nunha violencia que tristemente está de actualidade, pero que xa vén de moi antigo: os xuízos paralelos ou a revitimización das mulleres que sufriron un episodio de acoso ou agresión sexual.

Por esta razón, cómpre reflexionarmos co alumnado sobre as novas formas de violencia cara ás mulleres a través das redes sociais. Porque o acoso e o abuso sexual son manifestacións de violencia machista. Ende mal, en moitas ocasións hai persoas que, agochadas na covardía do anonimato, xulgan e cuestionan as denuncias presentadas, con comentarios daniños e fóra de lugar.

Son elas quen deben sentir vergoña? É mellor non denunciar, non procurar complicacións?

Na mitoloxía grega Medusa foi unha fermosa moza, obxecto do desexo por parte de Poseidón. Este deus dos mares atacouna e violouna dentro dun templo adicado a Atenea. A deusa tomou este ataque como unha ofensa e castigou a muller dándolle serpes en lugar de cabelo e coa maldición de converter en pedra a quen a mirase.

A escritora Marilar Aleixandre titula unha das súas obras A cabeza de Medusa, recollendo este mito, coa historia de dúas rapazas que sofren unha agresión sexual. Tras a terrible experiencia, terán por diante un duro camiño de reconstrución persoal, unido a xuízos paralelos, sen ningún tipo de empatía.

Certo é que a mitología grega está inzada de relatos de abusos e violencia. Porén, resulta tráxico e inxusto que esta rapaza aínda sexa lembrada coma un monstro, cando o único “delito” que cometeu foi ser atractiva.

Por iso, o EDLG quere resaltar a fermosura e valentía de moitas Medusas quen, malia ser inxustamente castigadas, souberon e saben lucir a súa beleza cos seus cabelos-serpes. Por ela(s) debemos dicir:

NON, a normalizar a cousificación das mulleres.

NON, a criminalizar as vítimas dunha agresión ou acoso sexual.

NON, a considerar que unha muller fermosa e con poder é unha ameaza para o sistema patriarcal. 

En nome de todas as mulleres afoutas que se atreven a denunciar, a pesar de ser cuestionadas,

FERMOSA TI ES, MEDUSA! 

Teresa Pastor Novo.

(coordinadora do EDLG) 



page | by Dr. Radut