Skip to Content

Día de Rosalía no concello

No serán do venres 28 de febreiro celebramos o derradeiro acto en homenaxe a Rosalía de Castro. Cánticos e sentidas lecturas de amor, saudade, festa, rebeldía e denuncia repenicaron, como as campás de Bastabales, por todos os recunchos do Auditorio de Nigrán. O coro Ecos do Castelo de Parada interpretou cantigas tan populares como “No niño novo do vento”, “A lavandeira da noite” ou “O carro”, mentres que a coral Novos Aires de Nigrán musicou os poemas rosalianos “Vamos bebendo”, “De balde” e “Negra sombra”. Alumnado do noso instituto e do centro Juan María, profesor@s, concelleiras, alcalde... puxéronlle voz a composicións de Cantares gallegos e Follas Novas; con todo, as verdadeiras protagonistas do evento foron as nosas alumnas Helena, Carla, Tania e Dessiré xa que presentaron o evento, sen apenas tempo de ensaio, guiadas só pola experimentada man da mestra de cerimonias, Marisa Guerra, profesora de galego. Como peche desde espectáculo, promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Concellaría de Cultura de Nigrán, entoamos o famoso “Adiós ríos, adiós fontes”, pondo así fin a un acto de reivindicación da figura clave do Rexurdimento da cultura galega e que tanta pegada deixaría na historia da nosa literatura. Grazas a todxs os asistentes e ao equipo humano que fixo posible un acto tan emotivo para a veciñanza de Nigrán coma este! 

 



book | by Dr. Radut