Skip to Content

Secretaría

"Eu tamén necesito amar"

No marco das actividades vinculadas ao “mes da muller”, este próximo luns visitaranos o realizador gondomareño Antonio Caeiro, quen nos vén presentar “Eu tamén necesito amar”. Este documental amósanos en primeira persoa a historia íntima de dezasete mulleres da nosa contorna nunha sociedade que, coas feridas aínda abertas da Guerra Civil, estrea unha ditadura que duraría máis de corenta anos.

Trátase, xa que logo, da memoria oral do amor e a represión -política, relixiosa e social- vividos, e sufridos, en tempos de guerra e miseria, de pensamentos e vivencias testemuños dunha época escura, non tan afastada, que cómpre visibilizarmos porque, como reivindica o director “a historia deste país está chea de mulleres, invisibles na maioría das veces, que levantan a súa casa sen precisar de home á sua beira”. Fermosa e necesaria homenaxe á afouteza, afectividade e á liberdade das nosas mulleres! 

Día Internacional da Muller

Marzo é o “mes da MULLER” e son moitas as actividades que nestes días promovemos -desde o Equipo de Igualdade, Biblioteca e departamentos didácticos- para honrar a súa figura. Continuamos, deste xeito, a xeira emprendida co “Día contra a violencia de xénero” ou coa celebración do “Día da muller e a nena na Ciencia”, encamiñada a sensibilizar e visibilizar a valía feminina na sociedade, lembrando a necesidade e seguir loitando pola igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

Asistiremos á protección de documentais, pezas teatrais, presentación de libros, obradoiros de creación audiovisual, charlas, lecturas, regueifas, exposicións... que nos permitirán coñecer, por exemplo, a evolución na visión da muller na arte, as problemáticas que teñen sufrido e sofren, como se vivía a afectividade en tempos de guerra... porque, malia que aínda queda moito por andar, é tarefa de todxs peneirar o camiño, e tentaremos que, polo menos dentro da nosa comunidade educativa, as mulleres deixen de ser “invisibles”...

 

 

Olimpíada de Física

Este venres celebrouse na Facultade de Ciencias do Mar de Vigo a fase local da Olimpíada Internacional de Física, e a ela acudiu o noso alumno de 2º de bacharelato Pedro Martínez Rajoy. Aínda que teremos que agardar uns días para saber se consegue ser un dos dous alumnos seleccionados pola Universidade de Vigo para competir na fase nacional -previa á internacional e iberoamericana-, sentímonos moi orgullos@s del, pois chegar aquí xa é todo un triunfo de talento e esforzo. Parabéns a Pedro e ao seu profesor César Rodríguez!

 

Museo Liste

Esta semana os grupos de 1º ESO visitaron o Museo Etnográfico Liste de Vigo, nunha saída lúdico-didáctica organizada polos departamentos de música e galego, alén do Equipo de Dinaminazión da Lingua Galega. Á parte de coñecer a colección de pezas vinculadas coa etnografía galega (oficios tradicionais, crenzas...), o alumnado realizou diversas actividades teórico-prácticas que lles permitiu afondar no coñecemento da nosa tradición. No obradoiro “Entroido: madamas e galáns na outra banda do río” coñeceron as personaxes máis destacadas do noso Entroido e mesmo tiveron a oportunidade de confeccionaren o seu propio sombreiro. No obradoiro “Instrumentos humildes”, alén de afondaren na clasificación, xeitos de tocar e historia de instrumentos de noso e doutras culturas, chegaron a elaborar un sinxelo instrumento tradicional. Diversión e aprendizaxe nunha xornada única!

 


Xornada nocturna de reciclaxe

Entre as actividades que ten desenvolvido o noso equipo RRR (Recursos, Residuos, Responsabilidade) cómpre citar unha xornada nocturna de reciclaxe, en colaboraión co departamento de Bioloxía, con charlas e obradoiros diversos, destinados ao alumnado da ESA e ciclos de Electrónica e Administrativo.

Contamos coa asistencia de César Lema que deu unha charla sobre o "Uso de combustible reutilizado no automóbil"; o profesor de Electrónica, José Carlos García, xunto co seu alumnado, explicou "En que consisten as placas fotovoltaicas". Á súa vez, Eva Pérez presentou un obradoiro de cosmética con produtos das abellas. Tamén estivo Pablo Casal para presntar a súa curta Os uruguaios viñeron despois. Finalmente, esta secuencia de actividades rematou cunha representación teatral a cargo de "A Moura" de Chaín, que nos axudou a reflexionar con humor sobre a evolución do proceso de reciclaxe no rural galego.

 

 

 

 

Syndicate content


by Dr. Radut