Xa temos os poemas gañadores do IV Certame de Micropoesía Beatriz da Serra, organizado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros do Val Miñor: IES Escolas Proval, IES Plurilingüe Terra de Turon, CEIP Carlos Casares, CEIP Plurilingüe Chano Piñeiro, CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios, IES Primeiro de Marzo e IES Val Miñor, en colaboración cos concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona.
O acto de entrega dos premios terá lugar o día 15 de xuño no Auditorio de Gondomar ás 19:30 h. e contará coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. Lembramos os premios:
- 1º premio: dotado con dúas antoloxías poéticas das voces máis novas, certificación acreditativa, unha peza cerámica conmemorativa de Antón Román e mais dez exemplares do libro do certame.
- 2º premio: dotado con dúas antoloxías poéticas das voces máis novas, certificación acreditativa e mais dez exemplares do libro do certame.
Ademais, os poemas premiados en cada unha das tres categorías serán publicados nas webs dos centros convocantes e enviados aos medios dixitais do Val Miñor. Tamén se fará unha publicación impresa, que servirá para lembrar a Beatriz da Serra e para a difusión dos traballos premiados.
Este ano cada participante debía entregar catro micropoemas en galego de temática libre; podedes consultar os poemas premiados nesta ligazón.
Parabéns a todo o alumnado participante e, en especial, ás nosas alumnas: Isis Acea (1º premio na categroia B), Lucía Argüelles Valverde (1º premio na categoria C) e Icía González Pérez (2º premio na categoria C). Boa anada de talento poético!