Skip to Content

Escolares

Obradoiro de primeiros auxilios en 4º de ESO

     Os rapaces e rapazas de 4º de ESO participaron o mércores e o xoves días 8 e 9 de Novembro nun obradoiro de primeiros auxilios impartido no ximnasio por monitores especializados. Todo o alumnado practicou as principais técnicas de reanimación, como a masaxe cardíaca, a respiración boca a boca ou as manobras para tratar a un accidentado. Nas imaxes podemos ver algúns exemplos da actividade. Todos estaremos agora un pouco máis seguros no instituto en caso de urxencia...

Primeiros auxilios

Primeiros auxilios

Saída dos alumnos da English Week

     Os alumnos de 1º de ESO do IES Elviña saíron este domingo desde o instituto para iniciar as actividades da English Week. Pasarán unha semana no Centro Os Peares para practicar a lingua inglesa nun campamento de actividades de inmersión lingüística. Con seguridade pasarán unha estupenda semana. Boa viaxe a todos eles!


Saída da English Week

Celebración do día das linguas

     O pasado día 3 de Outubro celebreouse o día mundial das linguas. No noso instituto non quixemos deixar pasar a oportunidade de facer un acto para conmemoralo. O Departamento de dinamización lingüística en colaboración cos departamentos de linguas do centro escolleu a alumnos e alumnas de varios cursos da ESO para ler polas distintas aulas poemas escollidos en diferentes linguas. A nosa compañeira do Departamento de lingua galega Patricia Varela preparou un vídeo con imaxes da actividade que podemos ver na súa conta de youtube. Velaquí o vídeo.

O IES Elviña no Encontro internacional de pulso e púa

Encontro Internacional de Pulso e Púa Concerto do Dúo "Nuestra herencia" e Jesús Alejandro Sánchez (Colombia)

    O pasado 5 de Outubro tivo lugar no salón de actos do noso centro un concerto didáctico a cargo do dúo de guitarras "Nuestra herencia" e o solista de requinto Jesús Alejandro Sánchez. Este trío de músicos, procedente de Colombia, interpretaron ante os alumnos de 2º e 3º de ESO un conxunto de pezas que exemplican a riqueza e variedade dos ritmos e das músicas colombianas. Esta actividade insértase no Encontro Internacional de Música de Pulso e Púa organizado pola asociación Pórtico das artes que se está a celebrar na cidade da Coruña durante o mes de Outubro.  O Encontro está dirixido por Rosa González, quen actuou tamén como presentadora da actuación no IES Elviña.

Dúo "Nuestra herencia"

    O dúo Nuestra Herencia é unha agrupación de música colombiana fundada no 2000 por iniciativa dos irmáns Juan Pablo e Felipe Andrés Sánchez Pena. Este grupo está especializado nos aires tradicionais de Colombia, e conxuga a tradición coas linguaxes musicais modernas. Foron galardoados coas máis altas distincións en concursos, festivais nacionais e internacionais, coma o Premio Nacional de Música para Producións Musicais Discográficas do Ministerio de Cultura de Colombia, e realizaron recitais e concertos en importantes escenarios de México, España, Francia e Portugal.

Jesús Alejandro Sánchez Pena

      Aos seus 14 anos de idade é un virtuoso do requinto, instrumento propio da cultura andina colombiana. Desde moi neno explorou a música tradicional colombiana coa dirección dos seus irmáns Juan Pablo e Felipe Andrés Sánchez Pena. Na súa curta pero meritoria carreira conseguiu importantes galardóns nacionais e internacionais, como a obtención do Premio Iberoamericano “Novos Talentos” en Braga, Portugal, no ano 2016 e o máximo galardón do Concurso Nacional do Requinto Tuta Boyacá 2017.

     O noso compañeiro Carlos Silva editou un vídeo da actuación, que compartimos desde a súa canle de Youtube.

English Week no IES Elviña

An English Week

     Dentro do Plan galego de potenciación das linguas, que pretende desenvolver actividades para o perfeccionamento nas competencias comunicativas en lingua inglesa, o noso centro ven de ser seleccionado na convocatoria de axudas do presente curso académico para participar na English Week.
Os peares
 A English Week é un campamento de inmersión lingüística en inglés que se desenvolve anualmente en distintos emprazamentos da xeografía galega. O alumnado escollido nos centros de ensino secundario seleccionados  en cadansúa convocatoria participa en actividades lúdicas e interdisciplinares dirixidas por monitores especializados co factor común da práctica cotiá da lingua inglesa. Non é necesario destacar a importancia fundamental que, para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira, ten a práctica e a interacción comunicativa. Por iso, cómpre alegrarnos de que o IES Plurilingüe Elviña fose seleccionado entre outros centros autonómicos e que os nosos alumnos poidan participar, con todos os gastos pagos, desta enriquecedora experiencia.

     En concreto, serán 25 alumnos de 1º de ESO os que desfrutarán das actividades propostas, que este ano se desenvolverán na localidade de Os Peares, no municipio lucense de Carballedo, unha das paraxes naturais máis espectaculares e fermosas de Galicia. As actividades levaránse a cabo entre o día 29 de Outubro e o 4 de Novembro.

Distribuir contido


by Dr. Radut