Skip to Content

Anuncios

BADALADAS DE FIN DE ANO DESDE O IES ELVIÑA

Festival de fin de trimestre

O día 20 de decembro remataron as aulas do ano 2019. Triste circunstancia que celebramos cun alegre festival, no que cantamos e bailamos, como correspondía coa xornada. O plantel do festival deste ano non desmereceu, de feito, máis de un (e de unha) quedou abraiado coa calidade das voces e das interpretacións musicais. No IES Elviña hai talento á esgalla.

Festival

Felicidades para o ano novo

     E despois do festival, chega o fin de ano! Como non podía ser menos, celebrámolo tomando as uvas noutro programa especial da Elviña Broadcasting Corporation. Que vostedes o desfruten!

 

A FELICITACIÓN DE NADAL DO IES ELVIÑA

A comunidade do IES Plurilingüe Elviña deséxalles un feliz Nadal e un ano 2020 venturoso!

Postal de Nadal IES ELVIÑA

TEMPO DE CONCURSOS...

CONCURSO FOTOGRÁFICO "CIENTÍFICAS CASIO"

     Desde a obriga moral de dar a merecida visibilidade ao traballo das mulleres científicas ao longo da historia, o Departamento de Matemáticas do IES Elviña decidiu promover entre o noso alumnado a participación no Concurso de fotografía "científicas CASIO", organizado por esta coñecida marca xaponesa de aparatos dixitais.

     As condicións son ben sinxelas: hai que sacar unha foto onde apareza un dos pósters das doce científicas históricas seleccionadas por CASIO que poden atoparse no seguinte enlace (ENLACE MULLERES CIENTÍFICAS CASIO) e que os rapaces e as rapazas participantes poderán atopar xa impresos no instituto (previsor que é o noso profesorado de mates!). A foto deberá tirarse nalgún espazo do centro poñéndolle toda a imaxinación posible, e para iso o alumnado poderá contar coa colaboración do profesorado dos Departamentos de matemáticas, física e tecnoloxía, para que lles proporcionen entrada aos espazos nos que desexen fotografar: talleres, laboratorios, aulas, biblioteca, tellado (vaites, NON, o tellado NON!).

     "E hai premio?", preguntou Manoliño. "Haberá". E ademais será premio científico: unha flamante calculadora ilustrada (Casio, of course) e a "negra honrilla" de gañar, que tamén gosta.

     Non perdades o tempo! Tedes ata o 5 de decembro para facer as fotos!

Científicas

Estas son as doce mulleres científicas ás que se adica o concurso cun enlace para que aprendades algo máis sobre elas

Hipatia de Alexandría
Sophie Germain
Ada Lovelace
Marie Curie
Ángela Ruiz Robles
Cecilia Payne
Chien-Shiung Wu
Hedy Lamarr
Katherine Johnson
Donna Strickland
Maryam Mirzakhani
Jess Wade

BOLSAS DE AXUDA PARA ESTUDAR EN USA

Bolsas USAComo todos os anos por estas datas, o Servizo de Educación do Concello da Coruña fai pública a convocatoria de axudas económicas para o alumnado de 4º de ESO que desexe estudar o primeiro curso do Bacharelato nos Estados Unidos de América no vindeiro ano académico. As bases completas da convocatoria foron publicadas no BOP do 8 de novembro pasado onde poden ser consultadas e descargadas o mesmo que na páxina de Programas educativos do Concello. As solicitudes poderán presentarse a partires do 18 de novembro e ata o 10 de decembro. Os requisitos: estar empadroado na provincia da Coruña, cursar 4º de ESO, ter acadada unha media en 3º de 6,5 puntos e de 7 na materia de inglés. Pódese descargar o tríptico informativo clicando no mapa dos USA (Just below!).

Mapa USA

ALUMNADO DE ACTIVIDADES PLURILINGÜES

ACTIVDADES EN LINGUA INGLESA: TARDES DOS LUNS

Bandeira británicaBandeira USA


O vindeiro luns comezan as actividades plurilingües. Estas actividades son unha iniciativa destinada a practicar a lingua inglesa dunha maneira lúdica baixo a dirección de Francisco Amado Vilariño, docente de lingua inglesa do noso centro, e coa axuda da nosa querida auxiliar de conversa Janna Karatas, ben coñecida no IES Elviña, pois ven desenvolvendo esta actividade co cariño de todos os rapaces dende hai xa anos. Haberá dous grupos de actividades entre as 16:10 e as 17:50 todos os luns do curso ata o mes de xuño. Das solicitudes presentadas, os responsables do Departamento de lingua inglesa seleccionou ao alumnado para dous grupos de actividades, cadanseu a unha hora distinta do luns.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut