Skip to Content

JANNA NAS XUNTANZAS DE BOLSEIROS FULBRIGHT

A nosa compañeira Janna Karatas auxiliar de conversa e representante dos bolseiros Fulbright en Galicia acudiu esta semana a varias xuntanzas autonómicas e nacionais sobre o plurilingüismo na educación e o importante labor desempeñado polos bolseiros Fulbright en todo o país como auxiliares de conversa nas aulas de lingua inglesa. Nestas xuntanzas actuou coma ponente en varias sesións e mesas redondas (velaí as fotos que acompañan a reseña, nas que Janna adicou espazo a outros benqueridos "compis do insti").
     Para o IES Plurilingüe Elviña, como xa dixemos noutras ocasións, é algo máis que unha honra poder contar entre os docentes do noso centro coa presenza dos bolseiros do Programa Fulbright, profesionais sempre de altísima calidade, pero aínda máis no caso de Janna, na que á calidade profesional se xunta a cercanía, a afabilidade e o permanente sorriso. Thanks, Janna!

Janna1Janna3Janna7
Janna5Janna6

CONCERTO DIDÁCTICO

     Como xa comezamos o curso, xa comezan as actividades didácticas (pois claro!). A semana pasada, a nosa compañeira Alba, encargada da Biblioteca a partir deste curso, acompañou ao alumnado de 1º de ESO para presentar aos rapaces o espazo dos libros no centro dun xeito lúdico. E o venres día 5 de outubro inaugurouse o salón de actos neste curso cun concerto do guitarrista arxentino Augusto Gabriel Ayala. O concerto, cortesía da asociación Pórtico das artes, tiña como base o traballo cos ritmos da América latina (chamamé, tango, chacarera, zamba...). O alumnado desfrutou dunha hora de concerto entre palmas rítmicas e comentarios didácticos do músico.

Ayala01Ayala02

 Augusto Gabriel Ayala. Datos biográficos e profesionais

     Guitarrista nado na cidade de Concordia (Entre Ríos, Arxentina) o 4 de outubro de 1998. Nela comezou a tocar desde idade moi temperá. Tivo como primeiro mestre ao seu pai, que lle contaxiou a súa paixón pola música.
     Participa habitualmente en festivais prestixiosos, tal Guitarras do mundo, festivais de tango independente e o Ciclo de Música do Litoral, ademais doutras actividades en centros culturais e teatros de toda Arxentina.
     Ten gravacións no sello discográfico Epsa Music como solista de guitarra. Asimesmo, a súa actividade como concertista é moi variada en moi diversos lugares do mundo (Brasil, España, Turquía e Francia, entre outros).
     Mostra da súa actividade e da súa calidade como intérprete este vídeo da súa canle de Youtube.

RECEPCIÓN DE FAMILIAS COS TITORES

     Un curso máis, dirixímonos ás familias para informar de que o vindeiro martes día 9 de Outubro ás 18:30 horas terá lugar no noso centro a habitual recepción das familias do alumnado cos titores. Nesta reunión o profesorado titor informará das horas de titoría e de numerosas cuestións de interese sobre a organización do centro, características dos grupos e moitos outros asuntos de importancia para o bo desenvolvemento dos estudos ao longo do curso que comeza.

      Nin que dicir ten que a dirección do IES Elviña e todo o seu profesorado consideran de esencial importancia para a educación dos rapaces e rapazas a comunicación fluída coas familias, por iso, é sempre recomendable a asistenza a este acto de posta en común entre titores e pais.

Gañadora do concurso fotográfico Prósopon 2018

Cynthia Rodríguez Sagra, alumna do IES Elviña na Secundaria e no Bacharelato, foi a gañadora do primeiro premio ex aequo do Concurso Fotográfico Prósopon 2018. A súa instantánea foi tomada no teatro Colón durante a representación de Electra na pasada edición do Festival de Teatro Grecolatino organizado pola SEEC.

Prósopon 2018

Parabéns, Cynthia. Desexámoste todos os éxitos que mereces na túa nova etapa da viaxe a Itaca...

BECARIOS FULBRIGHT 2018-19

Benvida de novo a Elviña, Janna!

Janna na recepción dos Fulbright

     O mércores pasado organizouse en Santiago de Compostela o tradicional acto de benvida para os becarios Fulbright que colaboran como auxiliares de lingua inglesa nos centros de ensino plurilingües de Galicia. Coma o ano pasado, Janna Karatas, que dirixiu unhas palabras no acto a todo o persoal presente, foi destinada ao IES Plurilingüe Elviña, nesta ocasión por decisión propia. Nin que dicir ten a honra que para o noso centro supón contar cunha traballadora da súa categoría humana e profesional. Unha forte aperta de benvida para ti, Janna. Xa sabes que estás na túa casa.

Distribuir contido


by Dr. Radut