Skip to Content

TEMPO DE CONCURSOS...

CONCURSO FOTOGRÁFICO "CIENTÍFICAS CASIO"

     Desde a obriga moral de dar a merecida visibilidade ao traballo das mulleres científicas ao longo da historia, o Departamento de Matemáticas do IES Elviña decidiu promover entre o noso alumnado a participación no Concurso de fotografía "científicas CASIO", organizado por esta coñecida marca xaponesa de aparatos dixitais.

     As condicións son ben sinxelas: hai que sacar unha foto onde apareza un dos pósters das doce científicas históricas seleccionadas por CASIO que poden atoparse no seguinte enlace (ENLACE MULLERES CIENTÍFICAS CASIO) e que os rapaces e as rapazas participantes poderán atopar xa impresos no instituto (previsor que é o noso profesorado de mates!). A foto deberá tirarse nalgún espazo do centro poñéndolle toda a imaxinación posible, e para iso o alumnado poderá contar coa colaboración do profesorado dos Departamentos de matemáticas, física e tecnoloxía, para que lles proporcionen entrada aos espazos nos que desexen fotografar: talleres, laboratorios, aulas, biblioteca, tellado (vaites, NON, o tellado NON!).

     "E hai premio?", preguntou Manoliño. "Haberá". E ademais será premio científico: unha flamante calculadora ilustrada (Casio, of course) e a "negra honrilla" de gañar, que tamén gosta.

     Non perdades o tempo! Tedes ata o 5 de decembro para facer as fotos!

Científicas

Estas son as doce mulleres científicas ás que se adica o concurso cun enlace para que aprendades algo máis sobre elas

Hipatia de Alexandría
Sophie Germain
Ada Lovelace
Marie Curie
Ángela Ruiz Robles
Cecilia Payne
Chien-Shiung Wu
Hedy Lamarr
Katherine Johnson
Donna Strickland
Maryam Mirzakhani
Jess Wade

BOLSAS DE AXUDA PARA ESTUDAR EN USA

Bolsas USAComo todos os anos por estas datas, o Servizo de Educación do Concello da Coruña fai pública a convocatoria de axudas económicas para o alumnado de 4º de ESO que desexe estudar o primeiro curso do Bacharelato nos Estados Unidos de América no vindeiro ano académico. As bases completas da convocatoria foron publicadas no BOP do 8 de novembro pasado onde poden ser consultadas e descargadas o mesmo que na páxina de Programas educativos do Concello. As solicitudes poderán presentarse a partires do 18 de novembro e ata o 10 de decembro. Os requisitos: estar empadroado na provincia da Coruña, cursar 4º de ESO, ter acadada unha media en 3º de 6,5 puntos e de 7 na materia de inglés. Pódese descargar o tríptico informativo clicando no mapa dos USA (Just below!).

Mapa USA

LEMBRANZA DO FIN DE CURSO ANTERIOR

Aínda que con retraso (disque xamais é tarde, se é boa a intención), o noso director de cinema Carlos estivo a traballar todo o verán para compor os vídeos das actuacións do festival de fin de curso, coa moi afectuosa e loábel intención de deixar lembranza do talento dos participantes, que bo esforzo fixeron na xornada final do curso pasado. Non era para menos: celebraban o final das angustias e o principio das vacacións... Espertemos, pois, hoxe a morriña dos tempos idos con esta entrada pretérita da nosa web.

Ah! Memento! Na realización de todos os vídeos, se a dirección e realización foi cousa de Carlochos, o deseño de produción tocoulle a Gemma López e o manexo da cámara correspondeulle ao talentoso e nunca ben ponderado Fernando Álvarez. Vaia tamén por eles!

Vídeo recordo do FestivalUriel coa tubaXan ao celloAroa ao piano
Mauro tocandoProtagonistas: 2º ESO AProtagonistas: 2º ESO BAgora vai 3º ESO A
3º B facendo das súasOs incribles de 4º ESO AMáis de 4º, por guaposO baile para rematar

Houbo máis, pero non mellor. Haberá que esperar polo deste curso. E chegará...

ALUMNADO DE ACTIVIDADES PLURILINGÜES

ACTIVDADES EN LINGUA INGLESA: TARDES DOS LUNS

Bandeira británicaBandeira USA


O vindeiro luns comezan as actividades plurilingües. Estas actividades son unha iniciativa destinada a practicar a lingua inglesa dunha maneira lúdica baixo a dirección de Francisco Amado Vilariño, docente de lingua inglesa do noso centro, e coa axuda da nosa querida auxiliar de conversa Janna Karatas, ben coñecida no IES Elviña, pois ven desenvolvendo esta actividade co cariño de todos os rapaces dende hai xa anos. Haberá dous grupos de actividades entre as 16:10 e as 17:50 todos os luns do curso ata o mes de xuño. Das solicitudes presentadas, os responsables do Departamento de lingua inglesa seleccionou ao alumnado para dous grupos de actividades, cadanseu a unha hora distinta do luns.

 

Recepción no Concello da Coruña

     O pasado martes 24 de setembro, a alcaldesa Inés Rey e o edil de Educación, Jesús Celemín, recibiron na sede do Concello da Coruña en María Pita á directiva do CEIP Alborada e do IES Plurilingüe Elviña para escoitar as súas peticións de cara a mellorar puntos clave na limpeza, xardinería e accesibilidade dos centros. Comprometéronse diversas actuacións atinxentes ás devanditas cuestións, como é de coñecemento por nota de prensa do propio Concello.

     O equipo directivo do IES Elviña en nome de toda a comunidade educativa agradece a accesibilidade e a comprensión institucional mostrada, referente a cuestións que eran motivo de fonda preocupación para alumnado, familias, persoal e público en xeral.

Distribuir contido


by Dr. Radut