ELVIÑA NA RÚA, DIGO... A CIENCIA NA RÚA
Como xa é costume inveterado (e moi saudable), o noso centro participou o pasado sábado día 4 de maio na XXIV edición do Día da ciencia na rúa que organiza a Asociación de amigos de la Casa de las Ciencias no Parque de Santa Margarita da Coruña. En espazo privilexiado dentro da explanada central do parque, o noso centro montou a súa "jaima" chea de sedutores reclamos científico-matemáticos. O alumnado colaborador estivo a traballar todo o ano para preparar as actividades e explicalas con todo luxo de detalles aos concurrentes. Alí se viron cousas de nomes fascinantes e exóticos coma as razóns matemáticas das curvas (que ninguén pense mal, son as elipses e paraboloides dos billares...), adiviñas topolóxicas, maxia matemática (moito máis coñecida entre o vulgo como "prestidixitación mental a través de código binario") e outras moitas actividades semellantes.
O profesorado de matemáticas e ciencias do IES Elviña implicouse na festa (mención especial para Edita, profesional entregada á causa e responsable principalísima da alta calidade do traballo deste ano) e, como sempre, os alumnos e as alumnas participantes responderon coma profesionais. Dígano todos os visitantes que se achegaron pola "jaima", incluído R2D2, e que saíron algo máis que satisfeitos da experiencia (porque saíron máis sabios do que entraron!). Grazas tamén a todas as familias, profesorado e alumnado que aproveitaron o bo tempo para achegarse ao parque en apoio do centro.
Ana e Heloísa cocacoleando pola cidade
Mención moi especial para as dúas alumnas de 1º de Bacharelato (Ana Caramés e Heloísa Souza) que participaron no concurso Cocaleando, facendo unha xincana científica por toda a cidade. Coma os resultados do concurso non se fixeron públicos aínda, contamos con posibilidades de que gañen premio. Ben merecido o terán pola súa entrega e compromiso con todas as actividades do centro.
O ALBUM DE FOTOS DO EVENTO