Infórmate

 

Criterios de promoción e titulación para o curso actual (2023/24)

Segungo a ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a
avaliación nesa etapa educativa
e a ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa
etapa educativa.
os criterios de promoción e titulación en ESO e Bacharelato para o actual ano académico son os seguintes:

 

PROMOCIÓN NA ESO

Acadará a promoción o alumnado que superase as materias ou os ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores. Ademais de nos casos anteriores, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran  tamén todas as condicións seguintes:

 a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que a suma dos períodos lectivos semanais establecidos no anexo IV do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, das materias ou dos ámbitos con avaliación negativa non
sexa superior a dez. Para estes efectos, non se considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.

c) Que o equipo docente considere que as materias ou os ámbitos con avaliación negativa non lle impiden seguir con éxito o curso seguinte.

d) Que o equipo docente considere que ten expectativas favorables de recuperación.

e) Que o equipo docente considere que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica

TITULACIÓN NA ESO

Obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumnado que supere todas as materias ou ámbitos cursados. Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.

c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa

PROMOCIÓN NO BACHARELATO

As alumnas e os alumnos conseguirán a promoción do primeiro ao segundo curso de bacharelato cando superen todas as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo. Para estes efectos, só se computarán as materias en que estea matriculada a alumna ou o alumno.

As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade. Neste caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.

 

TITULACIÓN NO BACHARELATO

Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato. 

Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a obtención do título de bacharel por unha alumna ou un alumno que superase todas as materias agás unha, sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:

a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias clave e os obxectivos vinculados a ese título.


b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.


c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.


d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que, como mínimo, se requiran para a obtención do título pola modalidade ou vía
pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Para os efectos deste cálculo, considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.

 

Powered by Drupal - Design by artinet