FAMILIAS - ANPA O Castro
|
Ciencias Naturais
Feira Científica Intercentros Mugardos-Neda
Enviado por fgeiras o Mér, 26/06/2024 - 11:17Na mañá do pasado 19/06/2024 celebramos a nosa Feira Científica anual, organizada polo alumnado e profesorado do Curruncho da Ciencia. Este curso quixemos enriquecela e contamos coas nosas compañeiras do IES Fernando Esquío de Neda.
A Feira tivo dúas fases, a primeira no IES de Mugardos, entre as 9.30 e as 11.30 e a segunda en Neda, entre as 12.00 e as 14.00. Contamos con postos moi diversos, tocando varios eidos como poden ser a nutrición, os primeiros auxilios, a fabricación de biodiésel, papiroflexia, investigación estatística, enredos matemáticos ou fabricación cosmética.
Dada a elevada participación en ámbolos dous centros e os comentarios recibidos por parte de alumnado e familias, consideramos que esta actividade foi todo un éxito e emprazámonos ao vindeiro curso 2024/25 para seguir divulgando contido científico.
Moitas grazas a todo ao alumnado participante de senllos institutos pola vosa implicación nos proxectos propostos. A calidade das exposicións foi moi alta.
Grazas tamén a todo o profesorado participante polo vosa dedicación e tempo. Nomeadamente, Ana Polo, Laura Viñas, Juan José Guillín, Serafín Álvarez, Alba Monteagudo, María Fernández e Fabio González.
Visita a Ferrol: Museo de Historia Natural e meninas e Canido
Enviado por anapalmero o Xov, 06/06/2024 - 21:28
O martes 28 de maio o alumnado de 1.º ESO visitou o Museo de Historia Natural da SGHN de Ferrol. Tamén fixeron un roteiro polas Meninas do bairrio de Canido.
Limpeza da ribeira
Enviado por admin o Sáb, 25/05/2024 - 15:54
O alumnado de 1º. e 2.º ESO participou o venres, 24 de maio, na segunda edición da limpeza da ribeira de Mugardos. Igual que na outra ocasión tocounos o sector do cabo Leiras e podemos extraer unhas pequenas observacións. Por unha banda, a cantidade de lixo recollida foi menor, o cal representa en si mesmo unha boa noticia. Porén, os plásticos na zona intermareal son cada vez máis pequenos e difíciles de recoller. Ademais, chamounos a atención que aínda apareceron un número significativo de pilas e, sobre todo, segue a chamar a atención o material de construción aquí depositado hai anos e que aquí continúa a súa fragmentación.
Obradoiro para a limpeza do litoral
Enviado por admin o Xov, 23/05/2024 - 13:12Como actividade previa á limpeza da ribeira, o alumnado recibiu unha charla sobre operacións de rescate marítimo e diferentes intervencións da empresa Ardentia Marine, provedora de servizos de resposta a emerxencias mariñas para Salvamento Marítimo (SASEMAR). Moitas grazas a José, enxeñeiro desta empresa e a Jacinto, da Asociación Apelón.
Divulgación da problemática das especies de flora exótica invasora
Enviado por anapalmero o Lun, 23/10/2023 - 19:54Exposición e obradoiros "Flora exótica invasora"
Enviado por admin o Sáb, 21/10/2023 - 12:50Exposición
Unha ameaza chegada dun espazo exterior
Do 23 ao 27 de outubro, 2023
OBRADOIROS
4.º ESO e 1.º ESO
ASOCIACIÓN AMABUL
+info: https://www.amabul.org/divulgacion-ambiental/unha-ameaza-chegada-dun-espazo-exterior/
O Curruncho da Ciencia
Enviado por fgeiras o Lun, 02/10/2023 - 18:10Botamos a andar.
Gústache a ciencia e sábelo!
Dende os diferentes departamentos relacionados coa ciencia do IES Mugardos, propoñeremos un calendario con actividades moi interesantes para todo o curso.
Descobriremos, investigaremos e haberá premios e agasallos pero, sobre todo, divertirémonos polos escrutables camiños da CIENCIA.
Agardámoste no primeiro recreo do vindeiro venres 06 de outubro, diante do Laboratorio.
Visita ao museo de historia natural
Enviado por anapalmero o Xov, 08/06/2023 - 22:46A visita ao museo da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol foi o complemento para as clases de Bioloxía e Xeoloxía do alumnado de 1.º ESO. O percorrido guiado pola exposición permitiunos un achegamento ao rico patrimonio natural e a mellor celebración do Día do Medio Ambiente que se celebrou esta semana.
Andaina e ruta matemática na Baliza do Castelo da Palma
Enviado por fgeiras o Sáb, 03/06/2023 - 13:29Na solleira mañá do venres 2 de xuño o alumnado de 1º ESO desprazouse á Baliza do Castelo da Palma para facer unha ruta matemática, utilizando a app Math City Map, na que precisaron tomar medidas e tirar do seu enxeño para descifrar os diferentes problemas formulados. Distribuíronse en grupos de tres e foron quen de ir superando tódolos retos que se lle puxeron por diante. A tarefa, deseñada en lingua inglesa, é parte das actividades que se propoñen para traballar no coñecemento dos faros da nosa contorna, dentro do Proxecto Faros (eTwinning) no que o Centro colabora con institutos de Portugal, Italia, Chipre e as nosas veciñas de Fene.
Amais, co percorrido de arredor de 5 Km, puidemos seguir dando pasos para acadar o Reto do Camiño Inglés e aproveitamos para identificar especies vexetais e animais e coñecer un poquiño mellor o noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico.
Abofé que pagou a pena o esforzo!
Resultados do proxecto "ConóceME. Conoce el medicamento/descubre al farmacéutico"
Enviado por admin o Dom, 22/11/2020 - 23:40
|
Recentemente veñen de facerse públicos os resultados do proxecto "CONÓCEME conoce el medicamento/descubre al farmacéutico" na provincia da Coruña. Trátase dun estudo de investigación coas garantías técnicas da SEFAC (Sociedade Española de Farmacia Familiar e Comunitaria) e no que puido participar o curso pasado o noso alumnado de bacharelato. Os datos presentados demostran que a intervención educativa sobre o uso de medicacmento é necesria e moi útil. Ademais, evidencias ata que medida os adolescentes son usuarios de medicamentos. Agradecemoslle á farmacéutica comunitaria en Mugardos Nina Villasuso a súa implicación neste proxecto e a educación científica do noso alumnado.
|
Visita á Casa das Ciencias
Enviado por anapalmero o Dom, 09/02/2020 - 22:09O pasado xoves, 30 de xaneiro, os alumnos e alumnas de 1.º ESO visitaron a Casa das Ciencias da Coruña. Foi unha mañá moi entretida na que visitaron a sala de exposicións e puideron asistir a unha sesión do planetario. Observamos o ceo nocturno e aprendemos un pouco máis do universo.
Inventario do laboratorio de ciencias naturais
Enviado por anapalmero o Mar, 08/10/2019 - 22:31O alumnado de 4.º ESO-B, coa profesora Ana Palmero, leva unhas semanas acomentendo a tarefa de inventariar todo o material dispoñible no laboratorio de ciencias naturais.
A ribeira, da Bestarruza ao cabo Leiras, limpa como un coral
Enviado por admin o Sáb, 15/06/2019 - 12:34O venres pola mañá uns 300 escolares dos catro centros educativos do concello participaron na primeira xornada de limpeza da ribeira de Mugardos e da praia da Bestarruza.
Ao noso alumnado de 1.º e 2.º ESO e mais FPB tocoulles a limpeza do treito costeiro do cabo Leiras. A axuda dos membros da confradía fixo moi levadeiro o traballo. Porén, o máis salientable foi a toma de conciencia do grave problema mediambiental que temos tan próximo e a necesidade de tomar medidas colectivas e individuais para frealo.
Agradecemos a todas as ANPAS, organizadores e colaboradores este gran esforzo mobilizador da sociedade para a educación e o ben común.
Visita ao MC2
Enviado por admin o Sáb, 12/01/2019 - 13:32
O pasado martes, primeiro día de clase de volta das vacacións, o alumnado de 1.º e 3.º ESO realizou unha visita aos MC2: museos científicos coruñeses. Comezaron pola Casa das Ciencias cunha proxección no planetario. O segundo foi a Domus coa proxección de minidocumentais científicos e para rematar no acuario Finesterrae. Unha xornada intensa de curiosidade científica e compañerismo.
Visita ao Museo de Historia Natural (Santiago) e viveiro Plantamus (Ordes)
Enviado por admin o Mér, 28/02/2018 - 17:22O alumando de 1.º ESO e FP Básica de agroxardinaría tivo a oportunidade onte de visitar as instalacións do viveiro e granxa Plantamus do concello de Ordes. A continuación reaizaron a visita guiada polo Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.
Ciencia en Movemento
Enviado por admin o Mar, 02/05/2017 - 22:21A tarde do marte, o alumnado de 1.º ESO compartiu na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) unha clase de ciencias a partir da explicación e experimentación con 50 obxectos científicos. Trátase dunha exposición que leva por título Ciencia en Movemento organizada pola Biblioteca Municipal dentro do programa Ler conta moito.
Stop velutina, charla da Asociación Galega de Apicultura
Enviado por admin o Mar, 21/03/2017 - 23:39Rafael Díaz, representante da Asociación Galega de Apicultura (AGA), impartiu a tarde do martes unha conferencia para o alumnado da ESO sobre a importancia ecolóxica das abellas e outros polinizadores autóctonos. Salientou a importancia de frear con trampas neste momento inicial da primavera a expansión das avespas asiáticas.
A actividade estivo impulsada polo Concello de Mugardos.
Eclipse parcial de sol do 20 de marzo
Enviado por admin o Mér, 18/03/2015 - 00:12
Durante a vindeira mañá do venres 20 de marzo, poderemos observar unha eclipse parcial de Sol. Os datos básicos para os concellos de Mugardos e Ares son os seguintes:
- Comezo: 9:06 horas
- Máximo: 10:09 horas
- Remate: 11:18 horas
- Duración: 2 horas e 12 minutos
- Magnitude: 0,80
- Escurecemento: 76%
Ese día non haberá clase ao ter a consideración de festivo na comunidade autónoma de Galicia. Recomendamos aproveitar a xornada para profundizar en todos os conceptos científicos e valoracións que suscita este fenómeno. Sen esquecernos de tomar todas as medidas de precacución necesarias, máis se temos menores ao noso cargo. Como en calquera día, non pode observarse o Sol directamente: nin con aparellos, nin filtros nin a simple vista.
Máis información:
- Instituto Geográfico Nacional
- Gciencia
Exposición "Áreas Mariñas Protexidas"
Enviado por admin o Dom, 07/12/2014 - 12:47Ao longo deste mes teremos connosco a exposición sobre as Áreas Mariñas Protexidas confeccionada polo CEIDA. A exposición foi cedida polo Concello de Mugardos. A biblioteca elaborou un cuestionario de busca de información.
Charla sobre primeiros auxilios
Enviado por admin o Mar, 07/05/2013 - 22:39Esta semana celebráronse no centro varias actividades relacionadas coa saúde. O alumnado de 1.º e 3.º ESO asistiron a unha charla informativa sobre a diabete impartida por DAMIÁN GARCÍA.
Ademais, esta tarde, o profesor de Anatomía no INEF e especialista en medicina do deporte, CARLOS AGRASAR, impartiu unha charla sobre primeiros auxilios centrada na reanimación cardio pulmonar (RCP) e a ventilación boca a boca. A sesión foi eminentemente práctica e o alumnado de bacharelato puido coñecer e ter un primeiro contacto con estas técnicas.
Ratos no laboratorio
Enviado por admin o Sáb, 06/04/2013 - 13:06Dentro do proxecto A historia nunca contada de Mendel, promocionado pola Fundación Barrié, xa están no laboratorio as dúas parellas de ratos. Presentámolos polo seu nome. Son RÓMULO e ROMI; e MIQUI E MINI.
O obxectivo da activididade é facilitar a aprendizaxe dos principios básicos necesarios para comprender a xenética, aproximar a investigación á aula e motivar ao alumnado cara ás disciplinas científicas. Máis información en Ratos no laboratorio.
Catalogación do xardín
Enviado por admin o Ven, 15/02/2013 - 20:07Herbario realizado polo alumnado de 1.º PCPI:
Alberto, Lara, Bryan, Paula, Yolanda, Antonio, Elizabeth e Tamara.
Profesora: Cristina Montero
Charla sobre doazón e transpante de órganos
Enviado por admin o Lun, 03/12/2012 - 23:06O alumnado de 1.º BAC comezou a semana cun obradoiro sobre a doazón e transplante de órganos a cargo de Loli Díaz, da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER). Ao longo das dúas primeiras sesións da mañá foi analizando de xeito ameno e didáctico esta acción de solidariedade necesaria.
Herbario (1.º PCPI)
Enviado por admin o Lun, 15/10/2012 - 15:31Herbario realizado polo alumnado de 1.º PCPI:
Alberto, Lara, Bryan, Paula, Yolanda, Antonio, Elizabeth e Tamara.
Profesora: Cristina Montero