FAMILIAS - ANPA O Castro
|
Club de Ciencias
Decorando o Samaín
Enviado por admin o Xov, 31/10/2024 - 11:48
Sesión de papiroflexia do Club de Ciencias.
Extracción do ADN dos amorodos
Enviado por Laura de Uña o Dom, 06/10/2024 - 11:32
O venres 4 de outubro a profesora de bioloxía Laura de Uña acompañou á súa clase de 3ºESO nunha viaxe ao máis profundo do mundo celular. Xuntos asistiron a unha sesión protagonizada por Marta de Gracia e María Herminia, da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), na que, co gallo de extraer ADN do núcleo das células vexetais do amorodo, repasaron as etapas do método científico e moito máis.
+info Mugarciencias
Feira Científica Intercentros Mugardos-Neda
Enviado por fgeiras o Mér, 26/06/2024 - 10:17Na mañá do pasado 19/06/2024 celebramos a nosa Feira Científica anual, organizada polo alumnado e profesorado do Curruncho da Ciencia. Este curso quixemos enriquecela e contamos coas nosas compañeiras do IES Fernando Esquío de Neda.
A Feira tivo dúas fases, a primeira no IES de Mugardos, entre as 9.30 e as 11.30 e a segunda en Neda, entre as 12.00 e as 14.00. Contamos con postos moi diversos, tocando varios eidos como poden ser a nutrición, os primeiros auxilios, a fabricación de biodiésel, papiroflexia, investigación estatística, enredos matemáticos ou fabricación cosmética.
Dada a elevada participación en ámbolos dous centros e os comentarios recibidos por parte de alumnado e familias, consideramos que esta actividade foi todo un éxito e emprazámonos ao vindeiro curso 2024/25 para seguir divulgando contido científico.
Moitas grazas a todo ao alumnado participante de senllos institutos pola vosa implicación nos proxectos propostos. A calidade das exposicións foi moi alta.
Grazas tamén a todo o profesorado participante polo vosa dedicación e tempo. Nomeadamente, Ana Polo, Laura Viñas, Juan José Guillín, Serafín Álvarez, Alba Monteagudo, María Fernández e Fabio González.
Finalistas no XIV Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos (SGAPEIO)
Enviado por fgeiras o Dom, 26/05/2024 - 11:51Limpeza da ribeira
Enviado por admin o Sáb, 25/05/2024 - 14:54
O alumnado de 1º. e 2.º ESO participou o venres, 24 de maio, na segunda edición da limpeza da ribeira de Mugardos. Igual que na outra ocasión tocounos o sector do cabo Leiras e podemos extraer unhas pequenas observacións. Por unha banda, a cantidade de lixo recollida foi menor, o cal representa en si mesmo unha boa noticia. Porén, os plásticos na zona intermareal son cada vez máis pequenos e difíciles de recoller. Ademais, chamounos a atención que aínda apareceron un número significativo de pilas e, sobre todo, segue a chamar a atención o material de construción aquí depositado hai anos e que aquí continúa a súa fragmentación.
Saída ao CITEEC e ao CIFP Someso
Enviado por fgeiras o Lun, 19/02/2024 - 20:49No día de hoxe, o alumnado de 3ºESO e do Club de Ciencias, na compaña dos profes Miguel Poncela e Fabio González, gozou dunha dobre visita na cidade da Coruña.
Dunha banda, guiadas polos investigadores Gonzalo García-Alén, Luís Pena e Luís Cea, percorremos as instalacións do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil) da UDC, onde puidemos comprobar como se está a modelar con tecnoloxía punta as inundacións e enchentes nos cursos fluviais e nas vilas galegas. Tamén nos mostraron modelos a escala para calibrar o comportamento de presas e outras infraestruturas hidráulicas. Amais, aproveitamos a visita para coñecer a Escola Técnica Superior de Enxeñeiras de Camiños, Canles e Portos, da propia UDC, onde xogamos con estruturas de diferentes tipoloxías.
Doutra banda, o profesor do Departamento de Edificación do CIFP Someso, Juan Bello, amosounos a súa popular "vieira", un edificio senlleiro proxectado seguindo os principios de bioconstrución. Tamén puidemos pasear pola mostra de fornos e cociñas solares, emprazándonos a un futuro obradoiro para aprender máis sobre deste método de cociña sustentable e respectuosa co medio ambiente.
Taller de papiroflexia (Club de Ciencias)
Enviado por admin o Mér, 31/01/2024 - 22:47Na sesión deste martes, o Club de Ciencias, dirixido pola profesoras Laura Viñas e Ana Polo, realizou estes femosos "envoltorios" de palabras de paz, pola conmemoración do Día Internacional da Non Violencia (30 de xaneiro).
Reunión do Club de ciencias (21 de novembro)
Enviado por admin o Mér, 22/11/2023 - 22:09Este martes comezaron as actividades do Club de ciencia. Por unha banda, no laboratorio de química a elaboración de biodiésel no que participaron sobre todo alumnado de 4.º ESO dirixidos polo profesor Guillín. Por outra banda, o obradoiro de papiroflexia guiado por Laura Viñas e Ana Polo que contou con moita presenza de alumando de 2.º ESO.
Comezou o CIFRAS E LETRAS
Enviado por admin o Mar, 07/11/2023 - 23:58Xa están aquí Polín e Polina para anunciar o comezo dunha nova edición do campionato de CIFRAS E LETRAS. Atentos ao taboleiro central do do departamento de Matemáticas para non esquecer as datas da túa participación. As probas iniciais desenvólvense durante os recreos nas aulas de referencia.
Divulgación da problemática das especies de flora exótica invasora
Enviado por anapalmero o Lun, 23/10/2023 - 18:54O Curruncho da Ciencia
Enviado por fgeiras o Lun, 02/10/2023 - 17:10Botamos a andar.
Gústache a ciencia e sábelo!
Dende os diferentes departamentos relacionados coa ciencia do IES Mugardos, propoñeremos un calendario con actividades moi interesantes para todo o curso.
Descobriremos, investigaremos e haberá premios e agasallos pero, sobre todo, divertirémonos polos escrutables camiños da CIENCIA.
Agardámoste no primeiro recreo do vindeiro venres 06 de outubro, diante do Laboratorio.
Obradoiro "Cambio climático no prato"
Enviado por admin o Xov, 28/09/2023 - 15:05O alumnado de FP Básica asistiu este martes ao obradoiro de cociña sustentablee, impartido polo chef Alejandro Iglesias coa finalidade de concienciar sobre o cambio climático. Ao longo de dúas sesións, cociñaron tres pratos: salpicón de polbo e fabas con ovo encurtido, polbo asado con pataca e cebola e de sobremesa, torrada de coco e chocolate branco con toffe. Todo iso aderezado de boas explicacións e prácticas de baixo consumo enerxético, produtos de proximidade... Abofé que o resultado estaba saboroso!!!
A actividade estivo organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade solicitada polo Concello de Mugardos.
Visita ao museo de historia natural
Enviado por anapalmero o Xov, 08/06/2023 - 21:46A visita ao museo da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol foi o complemento para as clases de Bioloxía e Xeoloxía do alumnado de 1.º ESO. O percorrido guiado pola exposición permitiunos un achegamento ao rico patrimonio natural e a mellor celebración do Día do Medio Ambiente que se celebrou esta semana.
Andaina e ruta matemática na Baliza do Castelo da Palma
Enviado por fgeiras o Sáb, 03/06/2023 - 12:29Na solleira mañá do venres 2 de xuño o alumnado de 1º ESO desprazouse á Baliza do Castelo da Palma para facer unha ruta matemática, utilizando a app Math City Map, na que precisaron tomar medidas e tirar do seu enxeño para descifrar os diferentes problemas formulados. Distribuíronse en grupos de tres e foron quen de ir superando tódolos retos que se lle puxeron por diante. A tarefa, deseñada en lingua inglesa, é parte das actividades que se propoñen para traballar no coñecemento dos faros da nosa contorna, dentro do Proxecto Faros (eTwinning) no que o Centro colabora con institutos de Portugal, Italia, Chipre e as nosas veciñas de Fene.
Amais, co percorrido de arredor de 5 Km, puidemos seguir dando pasos para acadar o Reto do Camiño Inglés e aproveitamos para identificar especies vexetais e animais e coñecer un poquiño mellor o noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico.
Abofé que pagou a pena o esforzo!
2º concurso de fotografía científica
Enviado por guillin o Mér, 26/04/2023 - 23:24Convocamos este curso o 2º certame de fotografía científica para ver o grao en que o alumnado de 3ºESO era quen de conectar a ciencia co mundo que nos rodea. E abofé que saíron cousas interesantes. No arquivo que se xunta podedes ver a colección completa mais xa podemos avanzar que os dous gañadores da 2ª edición foron IKER FERNÁNDEZ por ALEHOP...QUÉDANME 6. pola súa capacidade de plasmar cunha nitidez sorprendente un momento moi difícil de captar.
e CARLOTA FERNÁNDEZ por FUXAN OS VENTOS, por ofrecernos un misterio no que se mesturan maxia e ciencia a partes iguais amosando dun modo moi fermoso o baile de faíscas nunha posible noite de San Xoan.
Noraboa aos premiados e grazas a todos por participar amosando puntos de vista curiosos e sorprendentes deste mundo tan diverso que temos.
Rally Matemático Sen Fronteiras 2023
Enviado por fgeiras o Mar, 11/04/2023 - 16:45Na tarde deste 11/04/2023, na volta ás aulas logo das vacacións de Semana Santa, o alumnado de 1º ESO B e 2º ESO B vén de participar na XXXI edición do Rally Matemático Sen Fronteiras 2023, organizado por Igaciencia.
En grupos de 8 participantes, organizáronse para resolver un total de 5 problemas de diversos eidos matemáticos. Agora toca agardar ao vindeiro 24 de abril para ver se algún grupo é seleccionado para participar na final rexional en Santiago de Compostela.
Parabéns a todas e todos polo esforzo e compromiso nesta proba.
Rally matemático 2023
Elaboración de biodiésel (club de ciencias)
Enviado por guillin o Sáb, 11/03/2023 - 14:22
O club de ciencias comezou esta semana unha actividade no laboratorio de química. Trátase da transformación de aceite usado en combustible.
Poderemos seguir o proceso guiado polo profesor Guillín no blog MUGARCIENCIAS.
DESPEDIDA E PECHE...ESCAPE ROOM E DEPORTE PARA DESPEDIR O ANO
Enviado por guillin o Mér, 22/12/2021 - 10:04Onte 21 de decembro puxemos punto e seguido a esta incerta andaina que nos toca seguir no curso 2021-22. Fomos librando moi ben do bichiño durante todo o trimestre e tocaba celebralo...con sentidiño.
Empezamos a mañá cunhas pachanguiñas de baloncesto co incentivo de ver en acción a parte do profesorado.
O resultado é o de menos pero aparte de pasalo estupendamente descubrimos que a sección feminina xa non ten nada que envexar aos rapaces...pasáronlles por riba ja ja.
Despois dunha horiña de xogo, algúns (enténdase profes) xa pedían papas. Chegaba o momento de descansar un pouco e comezar a actividade estrela do día: un "escape room" masivo que poría a proba a capacidade do alumnado para botar man do inxenio e os coñecementos adquiridos durante estes 3 meses.
Participaron todas as clases, que durante máis de 2 horas trataron de resolver as preguntas, acertixos, adiviñanzas...que parte do profesorado preparou para eles.
Non podíamos deixar pasar a oportunidade de darlle a noraboa ao alumnado de teatro de 2ºBAC que foi o encargado de montar garda na porta de cada clase atendendo as dúbidas e respostas dos compañeiros e facendo que todo transcorrese segundo o previsto. Impresionante o "atrezzo" digno das mellores películas de Hollywood ;-)
Aínda que todo é susceptible que ser analizado desde moitos puntos de vista...creemos que foi todo un éxito que non cae en saco roto para o futuro.
A clase de 4ºESO B resultou a gañadora
A canción do pirata de josé de Espronceda (Non podía ser doutro xeito) foi a chave para reolver o misterio...
Noraboa a todos os que dalgunha maneira (participando, axudando...) levaron adiante esta iniciativa do equipo directivo que cristalizou nunha bonita experiencia.
Xa non quedaba moita mañá por diante pero para poñerlle o broche de ouro alá fomos de novo parte do profesorado para enfrontarnos, desta volta en futbol, contra oa animosos alumnos. O resultado foi marabilloso xa que ningún dos docentes acabou sendo atendido polos servizos médicos e non houbo que lamentar baixas salientables.
Agora o que toca é descansar e coller ánimos para a volta e seguir alerta contra a COVID que parece empeñada en non darnos tregua.
Podedes ver nos arquivos anexos algunha imaxe mais do día. Bo Nadal a todos.
OS FISIQUIÑOS NA COCIÑA
Enviado por guillin o Dom, 28/11/2021 - 09:19Convidámosvos a ver os fisiquiños que sacamos da actividade feita co alumnado na elaboración dos biscoitos. Os fisiquiños son anacos de realidade, arrancados a mordiscos en forma de imaxe. Levan asociados unha reflexión escrita, que non necesariamente tes que entender...é máis, podes cambiala por unha túa e así farás os teus propios fisiquiños.
Aquí a tedes
QUÍMICA NA COCIÑA NO IES de MUGARDOS
Enviado por guillin o Mér, 24/11/2021 - 20:00O martes 23 de Novembro retomamos os bos costumes prepandémicos e levamos a cabo (coas medidas de aireación e máscara obrigadas) unha actividade colectiva co alumnado de 3ºESO. Tratábase de elaborar uns biscoitos...pero dita elaboración implicaba un traballo previo de busca bibliográfica de receitas e orzamentos do material e ingredientes necesarios. O traballo do martes consistiu en elaborar a mestura que debía encher os moldes axeitados, que despois moi amablemente a panadería do concello Os Corzás lle deu a temperatura correcta nos seus fornos para obter uns produtos socialmente aproveitables, que vós mesmos podedes comprobar nas imaxes que acompañan a este reseña.
O Traballo de grupo foi moi bo, organizado e eficaz
E claro ao final todos contentos polo resultado...que hoxe foi valorado tanto en estética (presentación) como en sabor por parte de representantes de alumnos e profesores. Porque ao final isto contaba para nota ;-)
Visita á Casa das Ciencias
Enviado por anapalmero o Dom, 09/02/2020 - 21:09O pasado xoves, 30 de xaneiro, os alumnos e alumnas de 1.º ESO visitaron a Casa das Ciencias da Coruña. Foi unha mañá moi entretida na que visitaron a sala de exposicións e puideron asistir a unha sesión do planetario. Observamos o ceo nocturno e aprendemos un pouco máis do universo.
Química na cociña
Enviado por guillin o Xov, 16/01/2020 - 10:12Para despedir o ano e introducir o tema das mesturas aproximamos un pouco máis a química ao alumnado trabajando "na cociña" moitos conceptos importantes no estudio da materia: mesturas homoxéneas e heteroxéneas, técnicas de separación, sólidos e gases, proceso de fermentación...tratábase de traballar en grupo para acadar do mellor xeito posible a elaboración dun produto socialmente interesante...neste caso un biscoito. Dende pensar a receita, confecionar un orzamento cos productos necesarios, establecer estratexias de grupo no traballo ata finalmente a planificación do día da elaboración...foi un camiño moi interesante e frutifero. Os biscoitos elaborados foron de gran calidade e así foron cualificados por un gran número de profesores e alumnos do centro, pero o máis importante foi que se percataron que a química é un saber que está presente nas tarefas máis cotiás e comprender determinados procesos non é tan complicado como parece.
Parabéns a todos os alumnos e alumnos de 3ºESO polo resultado acadado.
Comeza a segunda edición de PILABOT
Enviado por admin o Lun, 13/01/2020 - 20:35
|
Ao longo das próximas semanas, o noso instituto participará no concurso PILABOT patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente. Pilabot é un concurso entre 150 centros educativos de educación primaria e secundaria de Galicia para fomentar a recollida selectiva de pilas e acumuladores portátiles entre o alumnado e as súas familias. Considéranse pilas e acumuladores portátiles calquera pila, pila botón, acumulador ou batería que estea precintado, que se poida portar coa man e non sexa industrial nin de automóbiles. En todo caso, a orixe dos residuos das pilas debe ser doméstico, procedente das familias do alumnado e do persoal do propio centro escolar. Para a recollida das pilas, cada alumno/a recibirá unha caixiña de cartón que se debe ir baleirando as veces que sexa necesario no bidón contedor que se atopa na entrada do instituto. O consurso comezou oficialmente o 13 de xaneiro e rematará o 31 de marzo. Pode consultar as bases do concurso na páxina www.pilabot.gal e tamén seguir as novidades nas redes sociais. |
Festa de despedida do CLUB DE CIENCIA
Enviado por admin o Mér, 19/06/2019 - 19:56Esta tarde reuniuse por última vez o CLUB DE CIENCIAS para mostrarlles aos pais e nais que quixeron acompañarnos o programa de actividades deste curso: xadrez, circuítos eléctricos, xeometría, laborario de química... Todos xuntos -alumnado, profesorado e familias- para desfrutar aprendendo. E isto pode sersó o comezo dun club que dará moitos froitos. Voltaremos o próximo curso.
Moitas grazas á profesora Thais, coordinadora do club, e todos os docentes implicados.
Xadrez no club de ciencia
Enviado por admin o Mar, 12/03/2019 - 22:51Este martes, ao mediodía, reuniuse o Club de Ciencias nunha segunda sesión dedicada ao xadrez.
A posta en práctica deste obradoiro correu a cargo da profesora Edda.
Visita ao MC2
Enviado por admin o Sáb, 12/01/2019 - 12:32
O pasado martes, primeiro día de clase de volta das vacacións, o alumnado de 1.º e 3.º ESO realizou unha visita aos MC2: museos científicos coruñeses. Comezaron pola Casa das Ciencias cunha proxección no planetario. O segundo foi a Domus coa proxección de minidocumentais científicos e para rematar no acuario Finesterrae. Unha xornada intensa de curiosidade científica e compañerismo.