FAMILIAS - ANPA O Castro
|
Visita á central hidroeléctrica e fragas do Eume
O pasado 7 de marzo, o alumando de 1º e 2º de FPB realizou unha saída no marco das unidades de produción de enerxía eléctrica. Neste caso, aproveitamos a oportunidade que nos brinda o organismo de bacía, Augas de Galicia e o explotador do sistema no río Eume, Endesa, para comprender mellor o funcionamento da infraestrutura que permite a xeración de enerxía limpa.
Comezamos a visita na Central do Eume, na marxe esquerda do río, a onde chegan as augas encoradas na presa do Eume, augas arriba. Puidemos comprender os sistemas de control, tanto hidráulicos como eléctricos, e comprobamos in situ o funcionamento das dúas turbinas e alternadores que aproveitan a forza da auga para xerar máis de 50 MW.
Posteriormente, os enxeñeiros da presa guiáronnos pola propia estrutura de 103 m de altura e 250 m de perímetro superior, explicándonnos como se construiu nos anos 50 do século pasado e como funciona a día de hoxe. Aparentemente, está en perfecto estado de saúde.
Para rematar a visita, aproveitamos este entorno privilexiado para facer unha ruta polos sendeiros da ribeira do Eume, ata o mosteiro de Caaveiro, o que nos permitiu tamén colaborar co reto do camiño proposto polo IES.