A festa do Correlingua celebrouse na Coruña o 5 de maio e congregou a varios centos de estudantes de toda a provincia (participaron moitos centros da Coruña, pero tamén de Oleiros, Cerceda, Laxe, Arteixo, Cambre, Carral, Vimianzo, Laracha…) na contorna da Torre de Hércules. Un gran escenario acollía este evento normalizador co lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra”, ao que a cativada respondeu con alegría e emoción.O evento, artellado pola Asociación Cultural Correlingua (na que colabora CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega así como varios concellos do país e a deputación), leva dende 2006 sendo unha cita ineludible para ducias de coles de todo o país, comprometidos coa nosa lingua. (Ubaldo Cerqueiro, Xornal da Coruña)
Do IES David Buján participou o alumnado de 1º da ESO. O tempo estivo solleiro e o paseo ata a Torre foi moi agradable. O noso alumnado estivo moi activo procurando empregar a nosa lingua en todo o percorrido.. O noso centro participou no concurso de faixas, aínda que este ano o gañador foi o centro de Cerceda.
Xa está aquí o concurso deste mes. Ata o 30 de maio podes completar as dúas cantigas (Semente de vencer e Cedeira), xuntas ou por separado. Entre todos os partcipantes sortearanse puntos de EDLG e vales da cafetaría. Sortearase unha camiseta moi chula (exposta na cortiza do EDLG) se hai 40 ou máis participacións.
PARTICIPA. PREME NAS CANCIÓNS E NON ESQUEZAS PÓR O TEU NOME E CURSO
Francisco Fernández del Riego (1913-2010) foi o principal dinamizador do galeguismo cultural tras o abrupto corte que supuxeron a Guerra Civil e a posguerra. Ademais de poñer en marcha todo tipo de proxectos encamiñados a recuperar a presenza do galego como lingua de cultura nunha sorte de «segundo Rexurdimento», durante gran parte da súa longa vida foi o alicerce ao redor do que se artellou o traballo conxunto entre os intelectuais do exilio, os que permaneceron no país tras a contenda e as novas xeracións de galeguistas que van xurdindo malia o difícil contexto da ditadura franquista. Entre as súas iniciativas salienta a de crear en 1963 o Día das Letras Galegas, unha data en que conmemorar e celebrar a lingua, a literatura e a cultura de noso. Sesenta anos despois o propio don Paco é a figura homenaxeada nesta efeméride (Héctor Cajaraville).
Para achegarte ao autor homenaxeado a continuación hai unha serie de recursos e ligazóns:
O Seminario Galán ten moitos recursos e actividades. Entre eles un vídeo sobre a vida e a obra do autor feito polo colexio Pío X de Ourense.
A Primavera das Letras para que coñezades un chisco máis o autor do Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo propóñenvos unha obra de teatro protagonizada polos obxectos que acompañaron o noso homenaxeado en distintas etapas da vida. Animámosvos a lela e a representala na aula, se vos presta. Vaivos tocar berrar, cantar, bailar...Que mellor maneira de celebrar?
O escritor Héctor Cajaraville, autor dun libro sobre a figura elixida para ser homenaxeada neste ano no Día das Letras Galegas, fixo un vídeo sobre a vida e obra do escritor.
O pasado venres, 21 de abril de 2023, o IES David Buján recibiu a visita de Emma Pedreira Lombardía, grazas ao Programa de Actividades Literarias do Ministerio de Cultura. A escritora mantivo encontros con grupos de 1º e 2º de ESO, con quen falou dos diversos formatos que poden adoptar os libros e tamén da súa novela Os corpos invisibles, publicada en 2019.
Prepárate para celebrar a chegada da primavera e participa na elaboración do noso florido "maio" . Tamén podes vir recitar as túas satíricas coplas.
Coa chegada do mes de maio, os “maios” saen ás rúas das nosas vilas e cidades.
A "festa dos maios" é unha das manifestacións máis antigas da cultura popular. Os "maios" son figuras de madeira, adobiadas de follas, flores e froitos que celebran o final do inverno e a chegada da primavera.
Nas “Festas dos Maios” estas construcións, normalmente cónicas, desfilan polas rúas ó tempo que se recitan coplas, breves composicións xeralmente de carácter satírico e crítico coa actualidade. Entóanse acompañadas do ritmo de dous paus (a forma máis tradicional) e doutros instrumentos ou do son de elementos típicos galegos, como as cunchas de vieira.
Non hai “maios” sen coplas.
Poden ser alegres e primaverais, ou , as máis habituais, críticas e satíricas, sobre temas e personaxes de actualidade.
CONCURSO DE COPLAS
1. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES David Buján..
2. Cada participante comporá tres coplas, como mínimo coas seguintes características:
estrofas de catro versos de arte menor con rima nos pares e poden quedar soltos os impares.
ritmos marcado
as complas centraranse na crítica dun tema de actualidade: deportiva, escolar, municipal, política, ... cun ton de denuncia e reivindicación
3. Será condición indispensable que os traballos sexan orixinais e inéditos. O prazo de admisión rematará o 19 de maio ás 23:59 horas.
4. Admitirase un traballo como máximo por cada participante.
5. Os traballos enviaranse ao enderezo edlg@iesdavidbujan.gal xunto cos datos persoais da persoa participante
7. O IES David Buján poderá realizar unha exposición con todas as coplas presentadas a concurso.
8. Haberá gorentosos premios para todos os participantes. O premio para o gañador é unha camiseta do Reizentolo, se hai máis de 25 participantes.
9. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes bases.
10. Podes comezar as túas coplas cunhas estrofas introdutorias como as que veñen a continuación:
PARTICIPA
Tamén deixamos un vídeo onde Eira nos explica que son os maios e como facer coplas.
En Portugal o 25 de abril conmemórase o Día da Liberdade. A data celebra a revolta dos militares portugueses que o 25 de abril de 1974 deron un golpe de estado militar para acabar coa ditadura imposta por Salzar que durou 41 anos. Vitoriosos os revolucionarios conseguiron instaurar en Portugal un réxime democrático e unha nova constitución.
O símbolo do 25 de abril é o caravel, porque nese día uha muller regaloulles caraveis aos soldados como mostra de agradecemento. En sinal de gratitude, os soldados colocaron as flores nos canos das súas armas.
Desta forma, o 25 de abril en Portugal é coñecido como o Dia da Liberdade e o día da Revolução dos Cravos.
Deixamos unha versión de Pablo Alborán e Cecilia Krull para La Casa de papel da icónica canción de José Afonso (Grândola, vila morena), un dos máis importantes símbolos da data e un himno antifascista a nivel internacional.
O Día do Libro (tamén denominado Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, Día Internacional do Libro e Día Mundial do Libro) é un acontecemento anual que se celebra o 23 de abril. A festa celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura, a edición e publicacións impresas e os dereitos de autor. (Fonte: wikipedia)
No IES DAVID BUJÁN imos celebrar a data coa presenza da escritora Emma Pedreira Lombardía, autora de libros referencias da literatura galega recente. A actividade inscríbese, e é financiada polo Ministerio de Cultura e Deporte, dentro das Actividades de Promoción das Letras.
A escritora terá un primeira encontro co alumnado de 1º da ESO onde, acompañada dunha maleta, falará de libros. Despois será a quenda do alumnado de 2º da ESO, cos que falará da súa obra.
O EDLG do IES David Buján convoca un concurso de elaboración de marcapáxinas relacionados co autor homenaxeado no ano 2023 polo Día das Letras Galegas (17 de maio).
BASES
1. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES David Buján..
2. O marcapáxinas debe recoller algunha imaxe relacionada co autor ou a súa obra e tamén algún texto alusivo, fragmento, frase curta etc, sobre a súa obra en galego.
3. Será condición indispensable que os traballos sexan orixinais e inéditos. O prazo de admisión rematará o 12 de maio ás 23:59 horas e o xurado dará a coñecer a súa decisión na semana das “Letras Galegas”.
4. Admitirase un traballo como máximo por cada participante.
5. Cada marcador deberá ter dúas caras, medidas de 18×5 cm, formato PNG e resolución 300dpi.
6. Os traballos enviaranse ao enderezo edlg@iesdavidbujan.gal xunto cos datos persoais da persoa participante
7. O IES David Buján realizará unha exposición con todos os marcadores presentados a concurso.
8. Haberá gorentosos premios para todos os particpantes. O premio para o gañador é unha camiseta do Reizentolo
9. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes bases.