Proxectos de innovación educativa
ESCRITO ÁS FAMILIAS
O profesorado do IES da Terra Cha aproba en Claustro redactar un escrito para informar da situación actual na que nos atopamos ante esta situación derivada da Covid-19.
Ante a presentación por parte da Consellería de Educación do Plan de Ensino Virtual, publicado no propio Portal de Educación como un xeito de “blindar a calidade da educación en Galicia”, o claustro de profesorado do IES da Terra Chá “José Trapero Pardo” quere facer as seguintes consideracións a toda a comunidade educativa do centro.
Para blindar a calidade da educación fai falta algo máis que un Plan presentado no mes de novembro, en medio xa dunha segunda ola como consecuencia da Covid-19 e con moito alumnado confinado nas súas casas por mor desta pandemia que estamos a sufrir. Houbo tempo dende o mes de marzo para traballar nun modelo de ensino a distancia que garantira un mínimo de calidade, que, en calquera caso, non será equiparable ao presencial. Oito meses que non se aproveitaron para planificar e compensar todas as desigualdades provocadas pola pandemia.
Un dos aspectos fundamentais é a formación do profesorado en novas tecnoloxías, xa que unha aula virtual non se organiza nun día, nin en dous. Subir contidos ou poñer unha tarefa pode ser algo relativamente doado, pero o ensino a distancia precisa dunha metodoloxía concreta, que o profesorado non recibiu, e tamén require moito traballo previo. Moitas profesoras e profesores recibiron formación moi básica (nada de metodoloxía) entre outubro e novembro, ao tempo que preparaban as súas clases presenciais e atendían, como podían, ao alumnado xa confinado nas súas casas.
Os medios tecnolóxicos dos que dispón o centro son practicamente os mesmos que tiñamos en marzo. No plan de ensino virtual dítase que a Dirección do centro promoverá actividades de información e formación para alumnado e familias e que o profesorado experimentará co alumnado o uso das ferramentas telemáticas. Para poder facer todo o sinalado no plan, ademais da formación xa mencionada, é imprescindible contar con medios técnicos que a Consellería, ata este momento, non achegou (ordenadores, webcam, micros, etc.). A todo o anterior hai que engadir a deficiente conexión á internet que ten o centro e que non foi corrixida ou os continuos cortes de subministro eléctrico, que xa estragaron hai uns meses varios equipos informáticos do centro, o que dificulta enormemente dita experimentación.
Se volve a darse un escenario de ensino a distancia, a calidade non se pode manter por todo o explicado anteriormente, mais a culpa non será do profesorado, nin do alumnado, nin das familias, xa que a Administración, que é a que lle corresponde arranxar todas estas deficiencias, non fixo un traballo de planificación e organización cando o tiña que facer. Agora, por responsabilidade, intentamos compensar dende o propio centro todas esas carencias, mercando portátiles, webcams, tabletas, actualizando ordenadores e habilitando espazos no propio centro para poder chegar a todo o alumnado, que é o realmente importante e o que move a todo o profesorado deste centro, principalmente a aquel alumnado con menos recursos ou con necesidades especiais.
En último lugar, vémonos na obriga de lembrar que estamos no rural e as carencias e deficiencias nas conexións á internet nos fogares seguen sendo malas. Estes días estamos comprobando como alumnado e profesorado teñen serias dificultades para conectar por medios telemáticos, xa que a cobertura no rural segue sendo unha tarefa pendente. Durante o confinamento do mes de marzo, houbo profesorado e alumnado que se tiña que desprazar para buscar un punto de cobertura que lle permitira enviar unha tarefa ou asistir a unha xuntanza telemática.
Por todo o exposto anteriormente, agardamos poder asistir con regularidade ao centro durante todo o curso, porque dificilmente se poderá aspirar a unha educación de calidade que compense a que se pode garantir co ensino presencial.