Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento ED330B).
Beneficiarias
Aquelas familias con alumnado matriculado en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos nas modalidades de gratuidade solidaria que se relacionan a seguir:
a) Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP), e en 1º, 2º, 3º e 4º de ensinanza secundaria obrigatoria (ESO).
b) Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira da orde.
c) Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
Presentación de solicitudes
1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.
2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2019/20, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2019/20. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno.
Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2019/20, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2018/19. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a entrada desta en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.
En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando cal desexa que se tramite.
3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica nos formularios normalizados dispoñibles na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Este formulario (anexo I) tamén estará dispoñible:
a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal
b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.
c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Así mesmo, a aplicación informática permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.
5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.
Prazo para presentar solicitudes
1. O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de xuño de 2019 (este incluído).
2. O alumnado que unha vez transcorrido o prazo indicado, pase a estar en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia ou se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos procedente de fóra de Galicia ou dun centro situado en Galicia pero non sostido con fondos públicos, poderá presentar a solicitude no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte á formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2020.
3. O alumnado que repita 4º da ESO e aquel que non obteña praza en formación profesional básica no curso 2019/20 e formalice a matrícula no curso da ESO que lle corresponda, cando non tivesen presentado solicitude de participación no fondo solidario nin de axuda para adquirir material escolar no prazo indicado, tamén poderá presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.
Documentación complementaria necesaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
b) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Nos casos en que non teñan libro de familia ou este non reflicta a situación a 31 de decembro de 2017, poderán acreditar o número de membros utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:
1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
2º. Certificado ou volante de convivencia.
3º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
c) Certificado do grao de discapacidade do/a alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou titor ou titores carezan de DNI e NIE.
Toda a información en:
DOGA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190520/AnuncioG0534-060519-0006_gl.html
Aplicación fondolibros: https://www.edu.xunta.es/ fondolibros
Sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal