O xoves 8 de abril o alumnado de 1ºESO, xunto cos seus profesores de Bioloxía e Matemáticas, foi ata a área recreativa de Cotelo para realizar a inspección de primavera neste tramo do curso alto do río Lérez. Dita actividade enmárcase dentro do Proxecto Ríos (proxectorios.org), que é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida pola asociación ecoloxista ADEGA (adega.gal).
Nesta inspección analizouse o estado de saúde do río mediante o estudo de diversos parámetros e indicadores: clasificación dos macroinvertebrados que viven no leito do río (son bioindicadores), estudo da biodiversidade (árbores, réptiles, plantas, etc.), análise da calidade fisicoquímica (temperatura, nitratos, pH), cálculo do caudal do río, estudo do hábitat, etc. Cos resultados que obtivemos podemos concluír que o estado de saúde neste treito do río Lérez é moi bo!
Cos datos obtidos nesta inspección de primavera xunto coa inspección de outono, na que tamén participamos, ADEGA elabora anualmente un informe do Estado de Saúde dos Ríos Galegos apoiándose nos resultados proporcionados por todos os grupos participantes no Proxecto Ríos.