Skip to Content

Conciencia ecolóxica sobre o tratamento de lixo

Dentro do Proxecto Ríos que estamos a desenvolver no IES Chano Piñeiro, e tendo en conta a problemática que temos toda a sociedade coa cantidade de lixo que xeramos e que, nos casos nos que non se deposita correctamente nos contedores apropiados acaba contaminando as augas, o pasado martes 17 de xaneiro, un educador de SOGAMA desprazouse ao noso centro para impartir tres sesións (abarcando todo o alumnado da ESO e 1º BACH) focalizadas na correcta separación e recollida selectiva dos residuos municipais, dando ao alumnado a oportunidade de consultar as súas dúbidas ao respecto.
O alumnado recibiu explicacións sobre as boas prácticas na xestión sostible dos residuos, priorizando a aplicación diaria da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), e sobre a actividade industrial de Sogama, compañía pública autonómica encargada de xestionar os refugallos urbanos producidos por 295 concellos, entre os que se atopa o de Forcarei. Lembrouse que as competencias de Sogama cínguense ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e convencional (fracción resto), sendo o seu labor separar os materiais susceptibles de ser reciclados para a súa remisión aos centros recicladores. No caso de Forcarei, os residuos procedentes dos contedores amarelo e convencional, transpórtanse de forma independente á planta de transferencia de Silleda, desde onde son trasladados a Cerceda.



story | by Dr. Radut