21 de MARZO de 2021
Día mundial da poesía
A decisión de proclamar o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía foi aprobada pola UNESCO durante o seu 30º período de sesións, que se celebrou en París en 1999.
De acordo coa decisión da UNESCO, o principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e darlles a oportunidade ás linguas ameazadas de seren un vehículo de comunicación artística en cadansúa comunidade.
Por outra parte, este Día ten como propósito promover o ensino da poesía; fomentar a tradición oral dos recitaispoéticos; apoiar as pequenas editoriais; crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non sexa considerada unha forma anticuada de arte senón unha vía de expresión que lles permite ás comunidades transmitir os seus valores máis internos e reafirmárense na súa identidade; e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, como o teatro, a danza, a música e mais a pintura.
Podes ler algún poema ou fragmento clicando aquí.
O 18 de marzo visitounos a que foi profesora de bioloxía do noso centro, Manón. Veu a amosar ao alumnado de Debuxo Artístico de 1ºBAC os seus debuxos e pinturas creados dende unha visión científica.
Este 11 de marzo á 13:00 do mediodía tivo lugar a estrea da longametraxe documental Vigo, 1972 do director Roi Cagiao. A seguir, fixemos un debate-coloquio onde contamos coa presenza de Pilar Pérez Rodríguez, ex-dirixente de CC.OO. e o PCG (Partido Comunista de Galicia) nas Empresas Álvarez e de Juan Benavides, ex-dirixente de CC.OO. e o PCG (Partido Comunista de Galicia) en Aunanaval.
Producido por Arthur Gordon, Vigo, 1972, reconstrúe a que foi a maior folga da historia de Galicia e fito histórico na loita contra a ditadura franquista. Foi finalista na categoría de mellor documental dos Premios Mestre Mateo 2017 e da selección oficial do Cineuropa 2017.
As profesoras Carmen Rodríguez Cabanas e Sara Pérez Feijoo cedéronnos esta exposición sobre personaxes femininos na historia da literatura. Aproveitamos o seu xeneroso ofrecemento para celebrar o Día Internacional da Muller dando visibilidade a moitos personaxes se cadra non tan coñecidos como deberían.
Gustaríanos que paseedes polos corredores do instituto para facer un percorrido por esa historia inzada de personaxes importantes. Logo, animámosvos a facer as actividades propostas e participar así no concurso que estará aberto ata o 26 de marzo.
Entre os acertantes sortearanse dous vales (un para ESO e outro para Bacharelato) de 25€ para libros.
Clica aquí para acceder ao cuestionario de bacharelato.
O 11 de marzo, continuando coa semana de actos conmemorando o 8M, visitounos a cantante Mónica de Nut. O alumnado de 1º de Bach, no concerto, sorprendeuse da súa impresionante voz e de como a modulaba.
O 9 de marzo, dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller, o alumnado de 3° de eso puido disfrutar dun concerto da cantante lírica Cristina Barriga quen interpretou o ciclo "Amor e vida de muller" de Schumann.
O día 7 de febreiro rematou o prazo para participar neste concurso sobre o entroido na nosa terra.
Entre os acertantes resultou gañador por sorteo o alumno de 1º ESO-E
Adrián Alonso Quintas
Parabéns !
Carriandola, de Aloysius e Simón Blanco
Estamos no ano 2020. Mais non no noso 2020. Nesta realidade alternativa, o mundo leva na escuridade 12 anos. Logo do grande apagón, a electricidade desapareceu, talvez para sempre. Galicia vive tempos convulsos, de medo, tebras e fanatismo. Mais algo está a piques de mudar nun recanto da Vía da Prata que se dirixe a Santiago. Mariña, unha nena especial, alérxica ás mentiras, vivirá unha inesperada aventura na procura da luz.
Esta abraiante viaxe foi seguida por un grupo de alumnos de 2º ESO C que nos dan a súa opinión sobre este fermoso texto.
Un grupo de alumnos de 2º ESO C leu no1º trimestre Dúas moedas, de Núria Tamarit. Na obra, Mar, unha adolescente europea, viaxa a Senegal acompañando á súa nai, que traballa no proxecto de construción dunha biblioteca e unha emisora de radio nunha aldea ao norte da rexión. Pronto se decatará de que a metade da súa equipaxe eran tópicos, prexuízos e descoñecemento.
Velaquí o que opinan sobre esta fermosa historia algúns dos alumnos:
Antía Álvarez Pillado: “O que máis me gustou do libro foi a representación das persoas de África. Os medios de comunicación case sempre representan os refuxiados ou os de países de África como “pobres negritos” que necesitan axuda, pero o que necesitan, en realidade, é voz para contar o que pasa”
Mei You Falagan Mota: “O que máis me gustou foi o significado que se lle dá á historia da viaxe de Mar, a protagonista. Reflicte moi ben que, aínda que teñas moitas cousas non por iso vas ser máis feliz. É unha historia moi bonita!”
Lais Guimarães Paro Bellagamba: “O libro en xeral é moi bo e o feito de ensinar curiosidades sobre a forma de vida que leva a xente de Senegal e a súa cultura é fantástico e, dende o meu punto de vista, educativo”.
Emmanuella Obinyimkyina Otsiwah: “O que máis me gustou foi a trama e o colorido dos vestidos das mozas de Senegal e os debuxos en xeral. Gústame tamén a personaxe principal e a historial toda”.
Beleza vermella Arantza Portabales
En Santiago cométese un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime.
O grupo de lectura de 1º Bac A e B leu e comentou esta novela de A. Portabales. En xeral, a valoración é moi positiva. Naiara comenta que o libro lle encantou, tanto que llo recomendou a súa nai. O que máis lle gustou son o ben que están entrelazadas e desenvolvidas as distintas historias ata chegar ao desenlace. Mantén a intriga ata o final. A Pedro gustoulle especialmente como están tratados os personaxes, con tanto transfondo, e as relación que se establecen entre eles, de xeito que todos son posibles asasinos de Xiana, todos tiñan motivos e isto non se despexa ata o final. David cre que a autora logra darlle profundidade á trama porque non se centra só no caso de Xiana senón que tamén amosa a vida e preocupacións dos outros personaxes. A isto engádese o emprego de varios narradores, o que dá varias perspectivas á historia.