Iniciar sesión: Acceso

Novas

PECHE DO CURSO DO 50 ANIVERSARIO NO IES CAMILO JOSÉ CELA

Rematou outro curso, pero non un curso calquera: este 2023-2024 foi o curso do 50 aniversario do centro, que foi celebrado con diferentes actividades. O 21 de xuño tivo lugar no Auditorio de Padrón o acto final, en que Xosé Manuel González Reboredo, membro do Consello da Cultura Galega e antigo profesor no centro, pronunciou a lección final de curso. Marisel Véliz (a primeira directora) trasladounos as súas lembranzas e Anxo Angueira, escritor e académico da RAG, rememorou os seus tempos de estudante no noso centro.

Tamén participaron Chus Senín, directora entre 2007 e 2011, a alumna da primeira promoción Marisel Llerena e os alumnos Ricardo e Manuel Babío Arcay, pertencentes á primeira xeración que inaugurou o edificio actual do instituto. Para rematar, proxectouse un vídeo que lembra distintos episodios reivindicativos que aconteceron no centro, realizado polo profesor Lois Gil Magariños. Podedes velo premendo na imaxe.

MATRÍCULA PARA O CURSO 2024-2025

O prazo oficial de matrícula para o vindeiro curso vai do 23 de xuño ao 7 de xullo.

Para organizar o proceso, establécense as seguintes datas de matriculación por niveis:

Martes 25 de xuño: matrícula de 2º de Bacharelato.

Mércores 26 de xuño: matrícula de 1º de Bacharelato e 4º de ESO.

Xoves 27 de xuño: matrícula de 3º de ESO.

Venres 28 de xuño: matrícula de 2º de ESO.

Luns 1 de xullo: matrícula de 1º de ESO.

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2024-2025

Lembramos que permanece aberta a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar para o vindeiro curso 2024-2025. O prazo de solicitude remata o 21 de xuño de 2024. Pódese consultar toda a información no apartado Libros de texto desta mesma web, ao que se pode acceder premendo no seguinte enlace. No mesmo apartado está dispoñible a listaxe de libros de texto para o curso 2024-2025, que se pode tamén consultar premendo aquí.

RECOLLIDA DE TÍTULOS de ESO e BAC

Informamos de que os títulos correspondentes ao alumnado que rematou os seus estudos de ESO e de Bacharelato en 2022 están dispoñibles para a súa recollida nas dependencias da administración do centro.

ENCONTRO CON EX-DOCENTES DO IES CAMILO JOSÉ CELA

O pasado 15 de abril, o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato desfrutou dun encontro con profesoras e profesores que deixaron unha importante pegada no IES Camilo José Cela. Bieito Silva, Rita Amigo, Encarna Otero e Emilio Crespo conversaron co alumnado sobre as súas experiencias como docentes e cargos directivos no centro en diversas etapas. A reunión celebrouse no marco dos actos de conmemoración do 50 aniversario do IES.

Todos e todas lembraron con agarimo o seu paso por Padrón e achegaron interesantes reflexións sobre distintos aspectos do ensino público e sobre as súas vivencias ao longo da súa carreira docente. O alumnado participou activamente na conversa.

ALUMNADO ADMITIDO NO IES CAMILO JOSÉ CELA

Unha vez concluído o proceso de admisión ordinaria de alumnado para o vindeiro curso, comunícase que todo o alumnado que fixo a súa solicitude de admisión dentro do prazo establecido está admitido no IES Camilo José Cela para o curso 2024-2025.

CONVOCATORIA DE BOLSAS DE ESTUDO PARA BACHARELATO, CICLOS FORMATIVOS E FP BÁSICA. CURSO 2024-2025

Hoxe abriuse o prazo da nova convocatoria de bolsas de estudo para o vindeiro curso 2024-2025. O alumnado destinatario destas bolsas será o que no vindeiro curso realice estudos de FP Básica, Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior e estudos de Bacharelato ou superiores.

O prazo de solicitude está aberto desde o 19 de marzo ata o 10 de maio de 2024 ás 15 h. Todo o proceso se realizará a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, no seguinte enderezo: https://www.becaseducacion.gob.es. Tamén poden acceder á publicación no BOE.

Para solicitar a bolsa de estudos é preciso seguir estes pasos:

1. Entrar na sede electrónica https://www.becaseducacion.gob.es. Alí debe facerse un rexistro para crear un usuario e contrasinal.

2. Encher o formulario en liña.

3. Imprimir o xustificante de presentación. Comprobar se se atopa nalgunha das situación para remitir documentación. O enderezo para remitir documentación á unidade de Bolsas é:

XEFATURA TERRITORIAL DA CORUÑA. CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

Servizo de Apoio aos Servizos Educativos . Sección de Bolsas de Estudo
R/ Vicente Ferrer, 2 - 15071 A Coruña

 4. Durante os meses de xullo e agosto débese estar atento/a ao correo electrónico.

Recoméndase non deixar os trámites para o final.

Teléfonos de información: 981184741 - 981184742 - 881881647 - 981185725 - 981182621

Correo electrónico: bolsas.ed.co@xunta.gal

 

Distribuir contido